0 Gardados para despois

"Eliminar o cambio de hora sería asumir que vivimos nunha Terra plana"

Raúl González


Tralo resultado dunha enquisa pública con 4,6 millóns de votos, a UE proporá que se suprima o cambio de hora. Jorge Mira, físico e catedrático de electromagnetismo pola Universidade de Santiago de Compostela, asegura que hai meses xa tratara co ministro de Ciencia, Pedro Duque, a cuestión do paso do chamado horario de verán ao horario de inverno. "O ministro veu a Galicia tres semanas antes da moción de censura, cando aínda non coñecía o seu futuro. Entón avogaba por quitar o cambio de hora. De feito ensineille algún dos meus traballos e outros baseados en datos do Eurostat", detalla o físico. Mira lamenta que se vaia a suprimir o cambio de hora. "É estacional e tenta mitigar a variación anual do ciclo solar", asegura, e carga contra "a desinformación espectacular" que hai respecto diso.

"A diferenza entre o día e a noite durante o ano é moitísima. O que busca o cambio de hora é pór un pouco de racionalidade a todo iso"

Está a favor de que se elimine o cambio de hora?

Non, claro que non. Porque o noso planeta non é plano nin é unha bóla que estea co seu eixo de rotación perfectamente aliñado co eixo da órbita. Se fose así si, pero como non o é hai que adaptarse. A diferenza entre o día e a noite durante o ano é moitísima. O que busca o cambio de hora é pór un pouco de racionalidade a todo iso. Onde eu vivo, no Cabo Fisterra, hai 6 horas e 45 minutos de variación cada 3 meses, durante toda a vida.

E é así todo o ano, polo tanto o cambio estacional de hora era algo en grao sumo lóxico, racional e científico, e de feito así se dixo en todos os informes previos que se realizaron no seo da UE. Pero agora, que se abandonan ao like e ás redes sociais, pois pasa o que pasa. Eliminar o cambio de hora sería asumir que vivimos nunha Terra plana.

"O relevante é que a sociedade moderna busca o seu lecer pola tarde, e polo tanto quere ter horas de sol pola tarde"

O motivo que máis se relacionou co cambio de hora é o do aforro enerxético. Paga a pena?

É un deles pero para min non é o esencial. O importante é permitir que os cidadáns poidan gozar de luz solar nos seus momentos de lecer, esa é para min a razón fundamental. A razón enerxética? Pois si, obviamente hai máis xente levantada ás 7 da tarde que ás 7 da mañá, entón queres que haxa máis luz do sol cando máis xente haxa levantada. Pero para min ese matiz enerxético non é relevante. Para min o relevante é que a sociedade moderna busca o seu lecer pola tarde, e polo tanto quere ter horas de sol pola tarde. De feito isto foi o que motivou que hai dous anos os parlamentos balear e valenciano aprobasen por unanimidade de todo o seu arco parlamentario querían que non se cambiase o horario de verán, que estivese todo o ano. Polo que eu entendo, quedariamos nun horario de verán.

Se finalmente se eliminase o cambio de hora, que nos conviría máis, quedar co horario de inverno ou co de verán?

Pareceríame un disparate tanto unha cousa como a outra. Ante unha cousa que varía con esta magnitude hai que pór algún tipo de arranxo. Pondo un exemplo: eu vivo no punto máis extremo da España peninsular. Se isto acaba quedando así, aquí estaría a amencer ás 10 horas da mañá o 23 de decembro. Creo que iso non é de todo bo, ás 9 pareceríame algo máis razoable. Pero as sociedades europeas tenden a establecer o seu momento de lecer na tarde.

No entanto, parece que a maioría os europeos están de acordo en que se suprima este cambio de hora porque resulta incómodo. Se a priori é mellor manter os cambios de hora, por que cre que se rexeitan?

Porque é unha incomodidade ter ese cambio de horario, pero a realidade é outra. Insisto, onde eu vivo hai 6 horas e 45 minutos de variación cada 3 meses, durante toda a vida. Se un quere pensar que nos volvemos tolos porque o sol cambia de sitio, pois alá eles... Europa preocúpame moito porque empezan a aparecer os movementos antivacinas e tantos signos de decadencia que me preocupan e, aínda que loxicamente este non é tan grave, é un máis.

"Unha vez que cambias o fuso horario dun país, a sociedade vaise readaptar para estar nun equilibrio que é no que estamos agora"

O fuso horario que temos é prexudicial para o noso ritmo de vida?

Falso. E explícocho cun exemplo. En Madrid está o Quilómetro 0 e hai 600 quilómetros ata A Coruña. Se digo "vou facer que Coruña estea máis preto e agora ao Quilómetro 0 vouno chamar Quilómetro 100, polo que agora estou 100 quilómetros máis preto da Coruña". Pero se fago iso, A Coruña pasará de estar de 600 quilómetros a 700 quilómetros. Co cal, a distancia vai seguir sendo a mesma.

Isto é o que fan quen eu chamo os homeópatas do fuso, xente que do mesmo xeito que os homeópatas que din que bebendo auga te curas, dinche que cambiando o fuso horario vas cambiar a vida das persoas. Isto é falso. Unha vez que cambias o fuso horario dun país, a sociedade vaise readaptar para estar nun equilibrio que é no que estamos agora. Se ti cambias o fuso horario a xente terá que ir aos poucos e con sufrimento readaptando o seu modo de vida e dentro de 10 anos a súa posición con respecto ao sol seguiría sendo a mesma que teñen agora. Hai unha cantidade de falacias espectaculares con respecto ao tema, mesturadas por exemplo con que o noso fuso é hitleriano.

"Hai unha cantidade de falacias espectaculares con respecto ao tema, mesturadas por exemplo con que o noso fuso é hitleriano"

Moitas persoas defenden que o noso fuso horario é este porque se cambiou na II Guerra Mundial, froito dunha estratexia bélica, para estar aliñados con Berlín. 

Mentira. Hai un traballo do Observatorio Astronómico Nacional que documenta os cambios de hora que houbo durante a Guerra Civil Española. Houbo como doce, tanto de bando republicano como nacional. De feito, cando Franco toma Madrid, Barcelona e Valencia, o horario que tiña el era o do Reino Unido e o que tiña a República era o de Berlín. A República morreu co fuso horario de Berlín.

Cando rematou a Guerra Mundial, De Gaulle, que cambiara o fuso horario, mantívoo. Hai unha razón xeométrica para isto e é que cando estamos no inverno, a liña que separa o día da noite, que tecnicamente se chama terminador, no inverno, como está a terra inclinada, vai case en paralelo coa orientación do eixo europeo central -Alemaña, Francia e España-. Se te fixas en como amence en Europa nesa época, estamos a amencer de maneira sincronizada 250 millóns de europeos. É dicir, un señor do centro de Alemaña está a ver saír o sol ao mesmo tempo que un señor de Toledo. Ese feito, que é o que sincroniza os horarios dos europeos porque a vida actívase co amencer, é o que posiblemente levou a De Gaulle e á xente daquela época a pór o mesmo fuso horario nesa zona central do mundo. E por tanto Franco, que fixera este cambio no ano 40 xa non cambiou o seu fuso. Se alguén lle quere pór un apelativo ao noso fuso que lle chame gaullista.

"A marca de tempo en si mesmo non é nada real. O sol sae e ponse independentemente do fuso horario. Podemos cambiar o nome pero iso non vai cambiar os hábitos"

Cre que o Goberno aproveitará este impulso para cambiar tamén o fuso horario?

Eu temo o peor. Lamentablemente non descarto nada. Nestes momentos de inestabiliade que vivimos, pode haber este tipo de bandazos e preocúpame moitísimo. España non ten ningún tipo de problema co seu fuso horario, está perfectamente adaptada ao seu fuso. O que non podemos facer é caer no mesmo erro que cae agora a UE.

Algúns divulgadores defenden que de acordo ao Meridiano de Greenwich teriamos que ter outro fuso horario.

O fuso horario é unha serie de raias que se poñen, que as puxo un tipo que se chamaba Sandford Fleming no S. XIX e el mesmo dixo, o día que presentou o sistema, que era unha marca de referencia e que daba igual usar unha que outra. A clave é que a sociedade se adapte. Nós temos un sistema de horas que vai de 0 a 24 pero podería ir de 0 a 100 e non habería ningún problema mentres a xente adapte as súas actividades a estas marcas de tempo. A marca de tempo en si mesmo non é nada real. O sol sae e ponse independentemente do fuso horario. Podemos cambiar o nome pero iso non vai cambiar os hábitos, é o que non entenden os homeópatas do fuso.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea e BNG apostan por incluír a Galicia no fuso horario de Portugal ou Canarias

En Marea e BNG anunciaron nas últimas horas a presentación de senllas iniciativas relativas ao cambio horario, apostando en ambos os casos por incluír a Galicia no fuso horario que actualmente rexe parar Portugal ou Canarias.

O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou este venres no rexistro da Cámara Baixa varias preguntas dirixidas ao Goberno de Pedro Sánchez para coñecer se vai tomar nota da proposta da Comisión Europea de eliminar o cambio de hora. Fernán Vello lembra que se trata dun tema moi debatido e cuestionado posto que a propia UE admitiu en varias ocasións que o aforro enerxético é "realmente marxinal". En cambio, o impacto nos biorritmos humanos é maior.

O deputado sinala que “desde sempre, e en correspondencia coa luz natural do sol, Galicia debería  ter o fuso horario de Portugal. Hai unha diferenza de case unha hora entre Fisterra e o leste do estado, por exemplo, con Barcelona. É un sinsentido que teñamos o fuso horario de Alemaña ou de Polonia”. Ademais, remarca que a Comisión de Igualdade no ano 2013, aprobaba o Informe da Subcomisión de Racionalización de horarios no que se recomendaba adoptar o fuso horario correspondente ao paralelo de Greenwich.

Pola súa banda, a eurodeputada do BNG Ana Miranda presentará este luns á Comisión Europea unha iniciativa co obxectivo de acadar que Galicia teña o mesmo fuso que Portugal, Irlanda ou Canarias, tendo en conta a diferencia de case unha hora entre Fisterra e Barcelona. Para Miranda, que en Galiciaa se "axuste o fuso horario" e se "corrixa ese desfase" tería “innegables beneficios para a saúde e laborais”, fronte ao horario actual, "que non responde a ningún tipo de aforro enerxético nin de calidade de vida".