0 Gardados para despois

"A reflexión sobre a hora oficial debe basearse en datos solventes"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Sería bo para o Estado español modificar o seu fuso horario, atrasando os reloxos 60 minutos ata ficar na zona UTC+0 (na que se atopan Portugal, Reino Unido e Irlanda). Melloraría iso a conciliación da vida laboral e familiar, facilitaría a modificación dos horarios laborais ou axudaría a que os cidadáns se deitasen antes? Ou, pola contra, o fuso horario actual é o máis axeitado tendo en conta a latitude na que se atopa España e as consecuentes tempos de amencer e solpor? Ou, se cadra, o fuso horario non importa demasiado e todo se trata de reordenar os actuais horarios laborais, reducindo a pausa do mediodía? 

Nos últimos anos foi agromando un debate cada vez máis intenso sobre a conveniencia de adiar a hora en toda España (ou só en Galicia), que mesmo contou cunha proposta firme da Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois (Arhoe), que instou a modificar o fuso horario (situándoo no UTC+0), pero tamén a reducir o tempo para o xantar para non perder horas de sol pola tarde. Recentemente, o debate gañou en complexidade, coas mocións aprobadas por unanimidade nos parlamentos valenciano e balear, que apostaron por manter o horario de verán durante todo o ano, o que na práctica implicaría situar a España na zona UTC+2 durante seis meses.

O Consello da Cultura Galega vén de publicar un libro (¿Es nuestro huso horario un problema?) coordinado por Jorge Mira, con traballos do catedrático de Electromagnetismo da USC e doutros tres expertos (José María Fernández-Crehuet, José María Martín Olalla e José Fernández-Albertos), que manteñen posicións dispares sobre a conveniencia de adiar a hora oficial ou de modificar os horarios laborais. A obra, publicada inicialmente en castelán e que en breve será traducida ao galego, será entregada á Xunta e ao Goberno central, e tamén a Congreso, Senado e Parlamento galego, e amosa o resultado da xornada de debate que tivo lugar o pasado ano no CCG.

"A hora oficial afecta a todos os habitantes do país. Por iso calquera reflexión sobre ela debe ser pausada por parte dos responsables do Goberno, co mellor asesoramento posible, cun completo coñecemento dos factores en xogo e, sobre todo, cuns datos solventes"

O obxectivo da obra é contribuír con datos e reflexións sosegadas a un debate no que en moitas ocasións faltan "criterios científicos", critica Jorge Mira, e que se guía por impulsos, que adoitan coincidir cos dous momentos do ano (marzo e outubro) nos que a hora é modificada. "A hora oficial afecta a todos os habitantes do país. Por iso calquera reflexión sobre ela debe ser pausada por parte dos responsables do Goberno, co mellor asesoramento posible, cun completo coñecemento dos factores en xogo e, sobre todo, cuns datos solventes", destaca Mira.

Na súa achega Jorge Mira defende que "cambiar o fuso horario non serviría para nada", negando que exista unha "anomalía horaria" en España, afirmando que "é un mito que se difundiu sen o debido contraste con datos reais e instalouse como un mantra na nosa sociedade". Unha posición radicalmente contraria á que mantén José María Fernández-Crehuet (Universidad Politécnica de Madrid), que aposta por situar o Estado español na zona UTC+0. José María Martín Olalla (Universidad de Sevilla) sinala, pola súa banda, que os horarios españois son perfectamente racionais, adaptados ás horas de saída e posta do sol (diferentes ás do norte de Europa). E, finalmente José Fernández-Albertos (CSIC) analiza os efectos que a hora sobre a conciliación nas distintas comunidades autónomas, atopando diferenzas entre as zonas máis orientais (Baleares, Cataluña) e occidentais (Galicia), pero concluíndo que "existen poucos motivos para estar convencido de que un cambio de fuso horario tería consecuencias beneficiosas para a nosa sociedade".

 

Vivimos nunha hora que non nos corresponde?

Boa parte da argumentación dos defensores dun adiamento horario é que o Estado español se atopa desprazado do fuso horario (UTC+0) que por lonxitude lle correspondería de forma natural, o que xera unha serie de prexuízos. José María Fernández-Crehuet destaca neste senso que "o ter a hora de Alemaña no canto da do Reino Unido inflúe negativamente no noso día a día, posto que o fuso horario inflúe nos nosos usos e costumes". "O atraso nos nosos hábitos sociais para axustarnos ao fuso horario alemán prexudica a nosa calidade de vida, sumado a un prime time televisivo cada vez máis tardío desde a aparición das cadeas de televisión privadas, que afecta o rendemento e cansazo vital co que nos levantamos polas mañás e que arrastramos durante o día". "Co cambio de fuso horario, amencería máis cedo e anoitecería tamén antes. No verán renunciaríamos aos solpores máis tardíos, pero teriamos uns amenceres máis temperáns", defende

Pola contra, Jorge Mira e José María Martín Olalla fan fincapé en que a clave non é tanto a lonxitude coma a hora e saída do sol. Dado que a Terra é unha esfera e o seu eixo de rotación está inclinado respecto ao plano de translación, iso implica que en países situados no mesmo fuso horario non amence simultaneamente. "A metade norte de Europa non ten a sorte de gozar da maior homoxeneidade da iluminación solar ao longo do ano que ten a metade sur. A duración mínima do seu día solar cae por debaixo das 8 horas, o cal lles fai imposible programar xornadas laborais realizables en período diúrno. A súa situación non é a nosa. Non cabe pois falar dun horario europeo", subliña Mira.

"Na Península Ibérica a latitude é duns 40 graos e o día dura case dúas horas máis de media que en París, Bruxelas ou Berlín", sinala Martín Olalla, que explica que o inicio e final da actividade laboral en España en relación coa saída e a posta do sol segue un patrón moi semellante ao do centro e norte de Europa. Por exemplo, a hora media de entrada (8:10 da mañá) sitúase media hora antes do mencer invernal, mentres que en Alemaña éntrase unha hora antes, en Francia media hora antes, no Reino Unido á hora exacta da saída do sol e en Italia dez minutos despois. A hora de saída no inverno en España prodúcese media hora despois do solpor (20 minutos despois en Alemaña, 40 minutos despois en Francia, unha hora no Reino Unido e unha hora e dez en Italia).

Porén, José María Fernández-Crehuet responde que "ter máis horas de luz non significa que as esteamos gozando. O costume español de cear cando xa é de noite e antes de deitarnos (o cal non é saudable) non se dá nos nosos socios europeos, que o fan de día durante todos os meses estivais, beneficiándose dun tempo libre do que nós non dispomos", facendo fincapé máis nunha modificación de horarios que nun cambio do fuso. "O feito de que en España teñamos máis horas de luz no inverno que nos países nórdicos non xustifica que necesitemos unha pausa de dúas horas para comer e volvamos ao noso posto de traballo para permanecer nel ata que sexa de noite", engade. Nese senso Fernández-Crehuet aposta por mudar a hora para tentar con iso convencer os cidadáns para que tamén modifiquen os seus horarios: "o cambio de fuso sería unha axuda, unha panca para pór en marcha outro tipo de medidas" que facilitasen o "poder conciliar a vida profesional coa familiar e persoal". "Cando máis tarde anoitece, máis se alonga a xornada laboral", o que unido á "cultura do presentismo laboral" prexudica a conciliación.

 

Sería doado modificar o fuso horario?

Os críticos coa modificación do fuso inciden nas dificultades de implantar esta medida. José María Martín Olalla afirma que "en tempos de paz é relativamente frecuente que a sociedade rexeite a nova hora e a medida se reverta pronto", e achega exemplos recentes en Rusia ou Chile. Pola súa banda, Jorge Mira alerta do "custo" da transición e engade que aínda que "o cambio de fuso se faría de golpe, a sociedade non iría axustando (adiantando) os seus horarios automaticamente, configurando unha caótica viaxe de volta ao noso ritmo solar natural". Ademais, cre que "ao pasar a UTC+0, co que as actividades terían lugar unha hora máis tarde respecto ao Sol" produciríase un movemento de horarios "para compensar o adianto", de xeito que ao final "a actividade volvería ao mesmo punto do que partía. Todo seguiría como antes, a situación non cambiaría". É dicir, para non perder unha hora de Sol polas tardes, considera que os horarios laborais se adiantarían unha hora, entrando e saíndo do traballo unha hora antes, pero co mesmo aproveitamento solar.

 

Como mellorar a conciliación?

No que todos os autores concordan é na necesidade de atopar fórmulas que permitan unha mellor conciliación da vida laboral e familiar ou persoal. É dicir, como racionalizar os horarios para poder dispor de máis tempo libre

No que todos os autores concordan é na necesidade de atopar fórmulas que permitan unha mellor conciliación da vida laboral e familiar ou persoal. É dicir, como racionalizar os horarios para poder dispor de máis tempo libre e, se é posible, que ese tempo libre aproveite mellor as horas de sol existentes. A diferenza de Fernández-Crehuet, que apostaba por utilizar o cambio de fuso para forzar un cambio de horarios na sociedade española, Martín Olalla cre que "o cambio de fuso é unha forma de tratar de forzar a poboacion para que faga o que non quere facer" e sinala que "mellorar a conciliación non require alterar o fuso, só require mellorar a conciliación". "Son esas outras medidas, de carácter social, as que merecen unha análise e onde debe centrarse a discusión académica, o debate público e a acción política", engade. E subliña que xa se está a producir un movemento de cara a concentrar o traballo "nunha xornada intensiva matinal ou unha xornada partida cunha pausa breve", dúas modalidades das que xa gozan o 46% dos traballadores e traballadoras españolas. Este autor destaca que unha modificación do fuso horario prexudicaría o lecer, ao retirar horas de sol pola tarde e incrementalas pola mañá, cun menor aproveitamento.

Mentres, Fernández-Crehuet fai fincapé, independentemente da luz solar, no necesario adiantamento do horario para saír antes de traballar, cear antes, situar antes o prime time e deitarse antes, o que ao seu xuízo tería beneficios en ámbitos diversos: "a calidade de vida, a saúde, o rendemento escolar, a produtividade, o sono, a sinistralidade, os accidentes de tráfico, a igualdade...". E pide desterrar a idea do "máis vale malo coñecido que bo por coñecer".

A diferenza de Fernández-Crehuet, que apostaba por utilizar o cambio de fuso para forzar un cambio de horarios na sociedade española, Martín Olalla cre "mellorar a conciliación non require alterar o fuso, só require mellorar a conciliación"

Na súa achega, José Fernández Albertos analiza, a partir de enquisas de uso do tempo, como os individuos distribúen as súas actividades durante o día nas distintas comunidades autónomas, situadas en distintas lonxitudes e con diferenzas nas horas de amencer e solpor de ata unha hora. O autor contrapón as visións regulamentistas (que confían na capacidade das decisións gobernamentais para cambiar os patróns de vida dos individuos) coas solaristas (nas que acaba primando a adecuación ás horas de sol dispoñibles) e conclúe que "a evidencia apunta a que a realidade se sitúa nalgún punto intermedio entre estas dúas hipóteses extremas".

Fernández Albertos sinala que os datos amosan "unha certa correlación entre a posición xeográfica dos entrevistados e a hora media á que se levantan e deitan. En termos de hora oficial, os cataláns e baleares levántanse pola mañá case media hora antes que os galegos, e van durmir pola noite aproximadamente un cuarto de hora antes". Porén, conclúe que "o feito de que haxa algo de evidencia que mostre que os individuos non só desprazan automaticamente actividades en función da dispoñibilidade de luz solar permite hipotetizar que grazas a certas manipulacións da hora legal se poderían acadar distintos equilibrios sociais respecto de como os individuos e os fogares usan o tempo. Con todo, explotando a notable diferenza de desfasamento entre hora legal e hora solar entre territorios dentro de Espana, vemos que as diferenzas en hábitos sociais son moi pequenas". E engade que para xustificar o cambio do fuso horario "sería necesario dispor de evidencia moito mais contundente que da que dispomos ata agora".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.