Unha investigación publicada en 'Nature' conclúe que empregar a rede social X rexida polo algoritmo no canto de cunha liña de tempo cronolóxica ten como efecto unha maior exposición a contas de dereitas mentres a rede "degrada publicacións dos medios tradicionais"
"Antes da introdución dos algoritmos, os usuarios vían unha liña de tempo cronolóxica que amosaba post das contas que seguían, cos máis recentes aparecendo na parte superior". Germain Gauthier, Roland Hodler, Philine Widmer e Ekaterina Zhuravskaya, investigadores das universidades de Bocconi (Italia) e St.Gallen (Suíza) e das Escolas de Economía e de Altos Estudos en Ciencias Sociais de París refírense deste xeito ao que xa é outra era, aquela na que as redes sociais consistían, esencialmente, en ver o que puñan os perfís que previamente elixías.
Fano para contextualizar o ámbito do estudo que veñen de publicar na revista científica Nature, no que analizan Os efectos políticos do algoritmo de X, a rede social propiedade do magnate de orixe surafricana e nacionalidades estadounidense e canadense Elon Musk, anteriormente chamada Twitter. E no que chegan á conclusión de que eses efectos consisten, entre outros, en "promover o contido conservador" e ocultar o xornalismo.
A través da prestixiosa compañía demoscópica YouGov o equipo científico contactou con máis de 8.000 persoas usuarias de X nos Estados Unidos. Tras varias fases do estudo, un total de 4.965 foron o obxecto dunha análise que partiu de asignarlles aleatoriamente que empregasen esta rede social a través do feed elaborado polo algoritmo ou polo cronolóxico.
"Mudar do cronolóxico ao algorítmico aumentou a participación e desviou a opinión política cara a posicións máis conservadoras, especialmente en canto ás prioridades políticas"
"Mudar do cronolóxico ao algorítmico aumentou a participación e desviou a opinión política cara a posicións máis conservadoras, especialmente en canto ás prioridades políticas", conclúen. Mentres, pasaren do algorítmico ao cronolóxico "non tivo efectos comparables".
"Descubrimos -detallan- que o algoritmo promove o contido conservador" e, ao mesmo tempo, "degrada as publicacións dos medios tradicionais" mentres empurra as persoas usuarias a "seguir contas de activistas políticos conservadores". Esa "exposición" ao contido rexido polo algoritmo de Musk ten efectos mesmo se a persoa usuaria decide volver ao timeline cronolóxico por unha razón simple: mentres estiveron gobernados polo algoritmo comezaron a seguir contas de dereitas ás que seguen lendo, porque non as deixan de seguir.
Baixando ao concreto, o experimento observou como, por exemplo, as persoas usuarias expostas ao contido ordenado polo algoritmo de X tiñan "máis probabilidades de considerar completamente inaceptables" as investigacións xudiciais a Donald Trump. No mesmo período de análise, entre "os participantes que inicialmente estaban no feed cronolóxico" e pasaron ao algoritmo "aumentaron as actitudes" favorables ao Goberno de Rusia no contexto da invasión de Ucraína. Así e todo, matizan, o que non demostra o experimento é que os efectos chegasen a "afectar significativamente", por exemplo, á elección dun partido político determinado.
O antigo Twitter xa advertira en 2021 que o seu algoritmo beneficiaba ás dereitas e, no caso español, as publicacións do PP
O traballo de campo da investigación agora publicada en Nature desenvolveuse "máis de seis meses despois da adquisición de Twitter por parte de Elon Musk", no verán de 2023. Polo tanto, "aproximadamente un ano antes do apoio público de Musk a Donald Trump".
Os resultados desta pescuda van, non obstante, na liña doutra elaborada polos anteriores responsables de Twitter. Aquela investigación chegara en 2021 a conclusións como que, por exemplo, o PP era o máis beneficiado polo seu algoritmo entre os principais partidos españois.