“Posdata, amaña o meu algoritmo”, escribiulle este sábado a cantante Cardi B, con preto de 36 millóns de seguidores en X (antes Twitter) ao dono da rede social, Elon Musk, despois de que este a sinalara como “outro títere que non sabe sequera falar sen que lle dean as palabras”, empregando un vídeo dela nun mitin de Kamala Harris en Milwaukee no que quedou sen teleprompter e sen acceso ao seu discurso durante un minuto.
Quizais o erro de entrada é pensar que as redes sociais son imparciais. Ese romanticismo dos primeiros momentos da internet, cando falabamos da internet global, da liberdade; e cando aínda podiamos ‘apagar’ internet ao apagar o ordenador. En menos de dúas décadas, o conto cambiou bastante.
“O que pasa aquí é como en todo, que uns son máis libres ca outros”, salienta o xornalista Xosé Manuel Pereiro (@sihomesi en X), que sinala que “Twitter é un caso un pouco extremo, botámoslle a culpa ao algoritmo como se fose algo que está aí e é dunha determinada maneira porque si, como se dicimos ‘o algoritmo naceu malo’... O algoritmo é así porque está deseñado para iso: cando escoitas Palestina o metes no caixón. Non podemos perder de vista que X é unha ferramenta pero non está libre de ideoloxía, ten unha propiedade, uns intereses e persegue uns obxectivos; igual que os medios de comunicación tradicionais, pero máis exacerbado porque ten moita máis potencia”.
“O algoritmo cada vez é máis repelente”, resume Héctor Anllo, máster en comunicación estratéxica, para sinalar como a entrada de Elon Musk na plataforma supuxo a introdución indiscriminada de publicidade –que xa levaba tempo aí, pero de maneira menos intrusiva– e a proliferación do spam: “Constantemente aparecen cousas que non me interesan, que non son o que eu sigo. Déronlle unha volta de malicia ao algoritmo que me pon de moi mal humor”, di @Anllo.
"Agora mesmo en X é imposíbel seguir unha conversa e ao algoritmo dálle por posicionar en primeiro termo posts alleos aos meus intereses, totalmente baseados en clickbait", di a xornalista Bárbara G. Vilariño
A xornalista Sonia Díaz (@emereci), responsable de comunicación en múltiples proxectos, conta que desde que se impuxo o blue check (a verificación das contas) en X de pago percibiu “un descenso brutal no impacto das publicacións” nesta rede, diminuíndo ata un vinte ou incluso un dez por cento do que pasaba antes. A nivel profesional, chegara a poñer cartos en Twitter porque funcionaba moi ben a difusión dos contidos. Agora mesmo, se inicia a comunicación dun proxecto novo, xa nin lle crea un perfil en X.
“No uso profesional empregaba Twitter (agora X) para ter impacto nos medios de comunicación e noutras entidades dun determinado sector (tanto en Galicia como en España ou países de Latinoamerica), non tanto para chegar a usuarios finais como pasa en Facebook, Instagram ou TikTok. Para min Twitter é o sitio no que consegues chegar á axenda dos medios, ou a determinados sectores das oenegués. É como unha ágora pública, pero non representa a sociedade en xeral. Cando a min me parecía interesante como espazo xa era así, pero agora creo que hai incluso menos presenza desa ‘sociedade en xeral”, detalla Díaz, que forma parte do equipo da Asociación galega de comunicación para o cambio social (Agareso).
A xornalista e comunicadora Bárbara G. Vilariño (@gpuntovilarinho) afirma que de momento non vai marchar de X, pero que xa non é unha rede prioritaria nin para o seu uso persoal nin nos proxectos comunicativos que leva, “xa que caen en total irrelevancia”, salienta. “Agora mesmo en X é imposíbel seguir unha conversa e ao algoritmo dálle por posicionar en primeiro termo posts alleos aos meus intereses, totalmente baseados en clickbait. O único que me parece de utilidade é empregar as listaxes privadas que no seu tempo fixen para estar ao día do que considero: cultura, información local, feminismo, comunicación e marketing...”, debulla.
"Case calquera cousa é mellor que o scroll infinito de opinións de persoas descoñecidas, desinformadas, desquiciadas e enganchadas ao algoritmo", di @Cascarelo
Como usuario de X moi recoñecido no universo do chamado galituiter, @Cascarelo acumula máis de 15 mil seguidores, pero decidiu comezar desde cero en Bluesky. “No caso de X, penso que o seu modelo de negocio é manternos dentro da app mediante o cabreo permanente e iso chega a cansar. Ademais, a axenda política dos seus propietarios está bastante lonxe dos meus intereses”, explica a Praza.
“A xente necesita falar de novo as cousas en sitios que non sexan as redes sociais. Familia, amizades, mesmo os bares. Case calquera cousa é mellor que o scroll infinito de opinións de persoas descoñecidas, desinformadas, desquiciadas e enganchadas ao algoritmo”, escribiu desde a súa nova conta en Bluesky esta semana.
“Algúns datos falan dun transvase de usuarios, é difícil verificalo, pero si teño a sensación de que se produciu certo transvase de contas, sobre todo a partir de determinados posicionamentos políticos de Elon Musk. Non hai que esquecer que estamos en campaña electoral nos Estados Unidos”, apunta Manuel Gago, xornalista e divulgador, encargado de explicar os soportes para a información na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
"A cantidade de contas que se van abrindo lembra aos comezos de Instagram ou Facebook", di Manuel Gago sobre Bluesky, a rede social que está a protagonizar a segunda migración de X, despois da fallida a Mastodon
“O que si puiden constatar é que o volume de contidos en galego reduciuse, polo menos na miña percepción, vexo moitísimos menos. Falar de contidos en galego é un concepto moi amplo, pero o que vexo sobre todo é moito menos contido en galego que teñen que ver co ámbito do posicionamento político, da crítica, da protesta, do comentario informal... Eses son os contidos que, dalgunha forma, desapareceron bastante neste momento de X. Que contidos seguen sen desaparecer e por iso eu sigo en X e moi cómodo? Todos aqueles plantexados de maneira semi profesional de divulgación, de narración, de información, de opinión razoada. Todo iso non desapareceu, o que pasa é que en galego hai moi poucos contidos deses, ou moi poucos comparativamente a nivel global”, abonda Gago.
Gago explica que houbo unha primeira migración de Twitter precisamente co cambio de denominación imposto por Musk, cando pasou a chamarse X. Nese momento houbo xente que se pasou a Mastodon, pero a súa complexidade para algúns usuarios fixo que non acabara de funcionar a gran escala e, de feito, que moitos usuarios non chegasen a abandonar X de todo.
Agora estamos nunha segunda fase, na que a migración se produce cara a Bluesky, unha rede social que coa súa última actualización remata por ‘copiar’ a estética do primeiro Twitter. “Estou probando Bluesky, pero vou moi lentamente porque non me gusta nada duplicar contidos en redes e teño pouco tempo para facer contidos diferenciados”, conta Gago, que ve o ceo moito máis despexado para Bluesky do que estivo para Mastodon.
“A cantidade de contas que se van abrindo lembra aos comezos de Instagram ou Facebook, con cifras de ata 15 seguidores diarios, que para unha conta en galego é bastante. Agora ben, non sabemos cara a onde nos vai levar isto. Pode que a xente se apunte a Bluesky pero non lle guste e marche, pero si que é un fenómenos distinto do que puidemos ver a primeira vez que a xente marchaba supostamente de Twitter”, sinala Manuel Gago, que non ten claro se as persoas que estaban comentando e opinando en Twitter son as que agora están a sumarse a Bluesky.
No Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia non se chegou a producir o debate sobre a utilidade de seguir en X, pero o ex decano Xosé Manuel Pereiro, vogal na actual Xunta de Goberno da entidade, incide en que os xornalistas individualmente non se poden permitir ese debate.
“Os medios de comunicación si que poden debater se como emisores de información queren estar nun espazo tan viciado ou se poden abandonar esa canle, pero os xornalistas non poden renunciar á información que poden atopar aí, por moi viciada que estea a ferramenta. Na miña opinión persoal, como xornalista tes que ocupar todos os espazos”, sinala. Con todo, Pereiro apunta que xa accede moito menos a X, que basicamente o emprega como “clipping de prensa e repositorio de curiosidades” e que abandonou ferramentas da plataforma como as listas, que empregaba moito nos inicios. “Perdinlle a fe”, resume.
"Que foi do meu filtro burbulla? Antes o algoritmo dábame cousas que me interesaban, agora só me dá o que lle interesa a Elon Musk que vexa", pregúntas a xornalista María Yáñez
“Como xornalista non me debo nin a X nin a Bluesky, débome aos espazos nos que está o público que poida interesarme. Non teño ningún tipo de problema en acompañar e saltar de redes porque levo vinte e tres anos en internet e levo facéndoo moitísimo tempo. Pero si que comezo a sospeitar que hai moita xente que non sabemos moi ben onde está indo, pero tampouco lle convence Bluesky. Non hai ningún tipo de rede que nos permita facer o tipo de divulgación e de narrativas que permite X, coa estrutura de fíos, o tipo de público que estaba alí situado e a capacidade que tes de ligar fontes –que en Instagram non podes– e de conseguir colocar o contido nun ecosistema xunto a outros similares, que o fai absolutamente interesante e que, desde logo, non o dan nin IG nin TikTok. Neste sentido, non teño moi claro que vai suceder. Non sei se ese público se estará disolvendo ou se volverá a X, como xa vin algúns casos”, pregúntase Manuel Gago.
O doutor en Xeografía física Dominic Royé, investigador en cuestións do clima e da súa relación coa saúde, supera os 15 mil seguidores no seu perfil de X como @dr_xeo, onde se dedica á divulgación científica. Conta a Praza que decidiu probar Bluesky cando aínda precisabas dun convite para acceder e que “nestas últimas semanas está collendo cada vez máis vida”. “A comunidade de dataviz está moi activa, pero tamén moitos científicos de toda a comunidade de #rstats. Están axudando moito os chamados starter pack con listas de contas a seguir sobre diferentes temas”, conta Royé, que destaca o ambiente “máis amable” de Bluesky. De momento vai seguir en ambas plataformas aínda que no futuro di que abandonará X.
A xornalista María Yáñez asegura que en canto poida deixar de entrar na aplicación por cuestións de traballo, posiblemente desinstale X, “xa veremos se desactivo a conta ou non”, engade. Confesa que para comunicar en determinados ámbitos sectoriais é util, por exemplo no sector do cinema de ámbito estatal, que é no que traballa agora; mais no ámbito persoal non lle interesa nada. “E cada vez me enfada máis ver como o ‘para ti’ me mostra contido moi desagradable e moi nesgado á dereita. Que foi do meu filtro burbulla? Antes o algoritmo dábame cousas que me interesaban, agora só me dá o que lle interesa a Elon Musk que vexa. Está botado todo a perder, e tamén bastante botado ao monte. X é basicamente un niño de fascistas”, afirma Yáñez, que probou Bluesky e Mastodon pero non chegaron a convencela –“é un pouco volver a quince anos atrás, cando empezabamos en Twitter, e agora dáme moita preguiza”–. “O mellor é deixar as redes sociais. Como plataforma nova só me atrae Substack”, asevera.
Xavier Campos explica que co "panorama mediático tan pechado e tan vinculado ao PP e á Xunta que temos en Galiza" as redes son fundamentais para formacións como o BNG
Xavier Campos, coordenador de comunicación da Executiva Nacional do BNG, explica que nos últimos anos a formación nacionalista mantivo unha política de expansión en redes “coa idea de chegar a diferentes segmentos e poder facer que a nosa mensaxe, tendo en conta o panorama mediático tan pechado e tan vinculado ao PP e á Xunta que temos en Galiza. O que constatamos, con desagrado, tanto no particular como no político, é unha deriva cada vez máis a peor e moi especialmente en X. Unha deriva a peor que ten que ver coa invasión de contidos da ultradereita, a conformación dun espazo de odio e de diferentes formas de insulto e acoso que se dan nas redes, moi especialmente nesta”.
Polo momento no Bloque non valoraron a posibilidade de deixar ningunha das redes sociais. “Nunha realidade como a galega danse unha serie de elementos que fan aínda máis difícil tomar unha decisión, entre eles a cuestión do panorama mediático. Non é sinxelo poder prescindir dun espazo de traslado de información máis ou menos directa, que é o que as redes nos permiten en moitos sentidos, nun contexto onde carecemos doutras vías para facelo dunha forma minimamente normalizada. O feito de non contar cuns medios públicos plurais, padecer unha manipulación informativa constante por parte da TVG e da Radio Galega e a dependencia do groso do sistema mediático privado vinculada á Xunta fai que para nós a cuestión das redes sexa especialmente sensible. Con todo, iremos analizando a deriva que vaian tendo para valorar a nosa posición nelas en cada momento”, asegura Campos.
"Cal é o feito que nos vai facer pasar a outra rede?", pregúntase o especialista en comunicación estratéxica Héctor Anllo
O asunto é que o uso das redes sociais xa se converteu nun costume diario. “Xa non concibo a miña vida sen Twitter. Para min é inviable ver Eurovisión sen ter Twitter, ou algunha serie, porque ao final case o mellor está pasando en Twitter en non na tele. Converteuse na segunda pantalla”, destaca Héctor Anllo, que neste momento está a centrar a súa actividade en Bluesky, a pesar de non poder quitar un ollo do que pasa en X porque –de momento– Bluesky non serve para encher as súas ansias de contido.
Anllo é consciente da contradición, pois sinala que seguir en X agora é alimentar todo o odio e a agresividade verbal que proliferan aí, mais tamén segue aí a interacción coa comunidade que cada quen se foi creando na última década. “Cal é o feito que nos vai facer pasar a outra rede?”, pregúntase o especialista en comunicación estratéxica, que considera que “hai que ser valentes” e que as contas institucionais deberan actuar como motores do cambio: “Por que non intentalo?”.
Para Manuel Gago, estamos a entrar nunha nova fase das redes sociais, que ten que ver con certa saturación e cun universo que quizais se sente que entrou demasiado nas nosas vidas. “Moito público está buscando como redefinir esa relación e non as quere abandonar, pero quere un tipo de relación distinta. Na medida en que consigamos crear redes moito máis amables, moito máis humanas, que teñan máis de cooperación que de bombardeo e discusión, pois vai ser mellor”, vaticina.