Desconectar nas vacacións: "O que te mantén conectado é o móbil"

Viaxar pode converterse nunha carga de traballo máis? CC-BY-SA Praza.gal

"Parece que o acto de desconectar, de deixar o móbil, ten que ver máis coa decisión que co lugar", defende o psicólogo clínico Xacobe Fernández

Quen non pode marchar de vacacións non desconecta? Viaxar pode converterse nunha carga de traballo máis? Que precisamos para desconectar na sociedade actual? “Vivimos nun mundo capitalista no que as vacacións son un produto, e como todo produto hai que xerar non só o seu desexo senón a súa necesidade. Onde viaxar antes era desexable, bonito ou curioso, agora practicamente é un imperativo social. Aquela persoa que non pon en Instagram unha serie de fotos de lugares que percorreu, e canto máis lonxe mellor, parece que non estea desfrutando de verdade”, argumenta Xacobe Fernández García, presidente da sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

De feito, para moitas persoas as viaxes non supoñen unha desconexión porque teñen que ser produtivas xerando contidos que despois poderán compartir nas redes para poder dicir que gozaron dese tempo. A hiperconexión acompaña os europeos agora que se conquistou o roaming –ou itinerancia de datos– libre polos países da UE, e en cada vez máis lugares do mundo hai internet wifi gratuito. Non hai que facer nada para seguir conectado alá onde vaias. Entón, a cuestión cambia: “Parece que o acto de desconectar, de deixar o móbil, ten que ver máis coa decisión que co lugar”, defende o psicólogo clínico.

Cabana rural no concello de Teo © Moradas no Ulla

No século XX, para a meirande parte da poboación, marchar de vacacións era equivalente a desconectar. Con internet aínda secuestrado nos ordenadores de sobremesa e practicamente sen teléfonos móbiles, se non dabas un número de teléfono fixo de referencia realmente estabas illado do teu mundo. “Non había a hiperconectividade que temos agora, sen embargo, temos ese pensamento herdado de marchar para desconectar. Pero o que te mantén conectado non é a distancia, é o móbil. No mundo do traballo online debemos ter en conta que do que hai que afastarse para desconectar é do móbil, non da cidade”, explica Xacobe Fernández.

O estrés mantido é un factor de risco de vulnerabilidade. O propio concepto do estrés provén do eido da enxeñaría, pois mide que cantidade de peso pode soportar unha estrutura. Cando nolo aplicamos ás persoas referímonos a canta cantidade de tarefas –de peso mental– podemos soportar. O límite do corpo está máis ou menos medido: se che doen as costas poden dicirche que non cargues pesos de máis de dous quilos. “Pero se mentalmente non podes con máis: quen o mide e como?”, di o psicólogo clínico, que debulla como funcionamos as persoas ante o estrés.

"Parece que se somos quen de aguantar algo durante uns días ou uns meses xa significa que podemos con iso eternamente", sinala o psicólogo sobre os límites do estrés

“Nun primeiro momento loitamos coas tarefas, cos problemas, co traballo, co día a día en xeral; pero se iso se mantén iniciamos unha etapa de resistencia ata que chega o esgotamento e o noso organismo réndese. Nese momento, xa non podemos con máis pero sentimos culpabilidade porque deberiamos poder. É como cando un corredor que vai facendo unha maratón chega ao final, antes estaba correndo bastante rápido e de repente pasa a liña de meta e case coxea, chega o cansazo acumulado e non pode máis. Coxea cando uns minutos antes ía correndo rápido, que lle pasaría se se sentise culpable? As persoas esixímonos seguir correndo rápido, mantemos a esixencia e non somos quen de pensar que podemos aguantar ese ritmo só durante un tempo. Parece que se somos quen de aguantar algo durante uns días ou uns meses xa significa que podemos con iso eternamente. Pero non é así: cargámonos ata tal punto que o estrés rompe a estrutura”.

Para Xacobe Fernández a pandemia da COVID-19 actuou como un “catalizador” para o protagonismo da tecnoloxía das nosas vidas. O cambio cultural está en marcha e aínda estamos enfrontando as súas consecuencias: a hiperconectividade asentouse coas videochamadas e as reunións e formacións en liña e “sufrimos as consecuencias sen saber que está pasando”. Por iso, o discurso sobre ‘rachar coa rutina’ nas vacacións ten que incluír agora as pantallas. “Se marcho a setecentos quilómetros da casa, pero sigo mirando o mesmo de sempre no móbil a rutina é a mesma”, apunta o especialista.

Piscinas na praia de Samil, en Vigo © Vigo Film Office

Marcos Calveiro, escritor e director de edicións na Editorial Galaxia, confesa que está de vacacións pero non chegou a desconectar do traballo. En parte porque o seu traballo neste momento consiste en ler orixinais para un premio de novela “e hai traballos máis estresantes”, sinala. “Teño traballo pero non é o mesmo que ir á oficina. Organízome eu e tampouco deixo de facer plans. Con todo, onde se pode ir agora en agosto? É imposible saír xantar ou cear sen ter reserva, a túa praia favorita está chea de xente e case non podes nin chegar a ela... A cousa se está complicando tanto que para min xa non é agradable”, debulla.

Desconectar é imposible para Nuria Vil, poeta, resitadora e performer viguesa. Conta que no verán nunca hai traballo, pero como é autónoma iso non está exento de angustia: “Para min ser artista autónoma no verán é saber que estou a ter os mesmos gastos pero con cero ingresos”. Este ano, co afán de darse unhas vacacións, pero sen deixar de ser produtiva, vaise montar a súa propia residencia literaria para seguir avanzando cun proxecto de novela para público infantil e xuvenil que comezou nunha residencia na Illa de San Simón o ano pasado, un texto ao que non regresou en todo este ano por atender os outros traballos que lle foron xurdindo. “Vou estar de vacacións porque teño un sitio ao que ir que non é onde traballo normalmente: a casa dos meus pais”, sinala.

No caso de Víctor de Mira, traballador da hostalaría, a desconexión pasa por saír de onde vive. “Traballo en Laxe e este sempre foi o lugar de vacacións da miña familia, o meu sitio de desconexión. Agora aquí relaciónome con todo o mundo, tanto polo meu traballo como polas implicacións sociais na vila, polo que cando teño tempo libre teño que marchar”, explica. Como traballador no principal sector turístico, o verán é o seu momento de maior carga laboral. Ademais, é un observador directo das tendencias turísticas: “Parece que non vas de vacacións para ti, senón para os demais. Nos últimos anos vexo algo que antes non pasaba nunca, xente que baixa do coche, fai unhas fotos, e marcha. Xa estivo aquí, xa ten material para as súas redes sociais”.

"Parece que non vas de vacacións para ti, senón para os demais. Vexo xente que baixa do coche, fai unhas fotos, e marcha. Xa estivo aquí, xa ten material para as súas redes", di Víctor de Mira

El ten claro que os voos de baixo custo “democratizaron” as viaxes, pero considera que “se nos está indo das mans”. “Os da miña xeración e posteriores coñecemos un montón de sitios que doutra maneira nos resultaría imposible, pero o low cost vainos estoupar na cara porque se estendeu ao aloxamento, ás comidas... Tampouco digo que as viaxes nas vacacións teñan que ser exclusivas, pero estamos acostumando mal os viaxeiros. Incluso os que se poden permitir gastar algo máis, canto máis barato sexa algo máis barato o queren. “Temos xente que pensa que os queremos estafar e vén un pouco á defensiva”, conta pola súa experiencia. A el tamén lle gusta viaxar, mais recoñece que xa non sabe onde ir para ser respectuoso coa xente local: “Tes que saber que se vas a Venecia vas ser un deses dos que te queixas aquí”.

Vista da praia de Laxe, na Costa da Morte © Turismo de Laxe

O sistema capitalista quere que as persoas esteamos sas e sexamos produtivas, e iso non é malo en si mesmo. O psicólogo incide en que o problema vén cando priorizamos ser produtivas 

A desconexión implica máis unha actitude que uns medios porque esa herdanza de que a desconexión equivale a viaxar xa non vale, temos un mundo diferente e debemos aprender a relacionarnos con el. “Agora a desconexión implica decidir desconectar”, asegura o psicólogo clínico. Mais, como tomar esa decisión?

“O primeiro é ter claro que estar tan conectados e conectadas non nos fai ben, e o segundo é ter a seguridade de que é máis importante superar a vertixe que seguir na dinámica. Porque desconectar dá vertixe: non sabes o que te vas perder, non sabes que información non vas ter ou incluso non sabes que facer se non tes recursos a man. Cando unha persoa rompe unha rutina ten momentos nos que non sabe exactamente que facer e pode aparecer o aburrimento. A rutina dá tranquilidade e aporta unha estrutura, se a túa rutina está nunha pantalla e ti a quitas, de pronto non tes nada que facer e fáltache esa estrutura; e iso pode incluso angustiar. Porén, é un salto que hai que dar, tendo tamén claras aquelas cousas que si queres facer: lecturas, manualidades, sendeirismo, actividade física... Todas esas cousas que tes planificadas na mente e non das feito ‘por falta de tempo’ deben pasar a ser a túa prioridade”, recomenda Fernández.

O sistema capitalista quere que as persoas esteamos sas e sexamos produtivas, e iso non é malo en si mesmo. O psicólogo Xacobe Fernández incide en que o problema vén cando priorizamos ser produtivas por enriba da nosa saúde física e mental. Que isto forme parte do debate público e supoña unha preocupación para as xeracións máis novas é unha conquista social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.