Vacafest: "Sen brilli brilli nin postureo, pero con desfile de vacas"

Promoción do Vaca Fest de Casa Grande de Xanceda © Casa Grande de Xanceda

"Nunha época de macrofestivais nós queremos volver ao natural e familiar". Casa Grande de Xanceda prepara a súa granxa para, na fin de semana que abre o Día Nacional de Galicia, ofrecer "un festival rural" de pequena dimensión e moi pegado á terra.

Durante a tarde do 26 de xullo a marca ofrecerá actividades como un obradoiro de baile tradicional, xogos populares, un circuíto de pequenos tractores ou un parque de pacas de palla. E, por suposto, degustacións de produtos antes do que será "o prato forte, o desfile de verán".

Promoción do Vacafest

Ás sete e media da tarde, "a hora na que as vacas volven do muxido aos prados", chegará ese gran momento. As gaitas das Faíscas da Pontragha abrirán unha comitiva que pecharán as pandeireteiras da Escola de Música Tradicional do Concello de Mesía. Acompañando os animais estarán os tractores da granxa, decorados para a ocasión.

Casa Grande de Xanceda celebra o Día Nacional de Galicia cun evento festivo familiar "que pon en valor o sector primario"

"Adaptámonos ás rutinas das vacas para que non se lles faga estraño", explican sobre unha festa que pretende ser, asemade, "o noso xeito de celebrar" o Día Nacional, "poñendo en valor o sector primario e as vacas". Antes, especifican, "as familias poderán gozar dunha pequena foliada para poñer en práctica o que aprenderon no obradoiro de baile tradicional.

A pequena dimensión do evento fai que non estean entradas á venda. De orientación eminentemente familiar, a asistencia ordenouse a través dun sorteo nos produtos de Casa Grande de Xanceda dirixidos ao consumo infantil. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.