
A Deputación de Lugo inaugura co ciclo 'As mañás en Nugallás' a programación cultural e formativa do novo espazo de lecer familiar no centro xeográfico de Galicia en Nugallás (Antas de Ulla)
Dende finais do pasado xuño o centro xeográfico do país está no Parque Central de Galicia. A Deputación de Lugo culminou os traballos para converter en espazo de lecer a contorna na que o Instituto de Estudos Ulloáns, tras unha encomenda ao Instituto Xeográfico Nacional, puido sinalar con base científica o punto exacto en Nugallás, un lugar da parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla.
O que noutrora eran as leiras propiedade de dona Margarita (Margarita Mariño Varela, mestra en colexios da Ulloa durante case catro décadas) son agora un parque no que seguen destacando as carballeiras orixinais canda os terreos acondicionados e os novos servizos (unha cuberta para resgardarse do sol ou da chuvia, un edificio multiusos, sendeiros e unha zona de xogos infantís) creados coa "vocación de espazo para compartir en familia". A comezar polo programa de actividades para os sábados deste verán: As mañás en Nugallás.
Os nove sábados destes meses de xullo e agosto teñen citas fixadas co primeiro ciclo de lecer do Parque Central. Botou a andar o pasado día 4 co obradoiro Mundo Paxaro, para achegar as persoas participantes ás aves e á elaboración de caixas-niño, e co espectáculo Consertasso na Horta, de Brais das Hortas, e continuou o día 11 co obradoiro Bombas de Vida e a montaxe Se as árbores falasen, de Iseo a Moura.
Cada sábado o Parque Central ofrece un obradoiro de biodiversidade, conservación da natureza e saberes tradicionais e unha actuación escénica en actividades combinadas co goce do propio espazo natural
Sempre ás mesmas horas (10 da mañá e 12 e media do mediodía), as vindeiras sete semanas ofrecen outras tantas oportunidades. A comezar polo sábado 18, co obradoiro Xogando Miudiño e a actuación de Henriko presentando #TodoTrucazos. O sábado 25 a proposta é principiar o Día Nacional de Galicia co Laboratorio Verde Ulloa e continuar co espectáculo Chafallas, a vendedora de fume, d'A cova das letras.
En agosto continúan as oportunidades de asistir a accións formativas e de lecer "centrados na biodiversidade, na conservación do medio natural e na recuperación de saberes tradicionais", destaca a Deputación de Lugo, cos obradoiros Xoguetes sonoros, Ei, Carballeira!, Iniciación ao coiro, Bechoconstrución e Rastro de pegadas de mamíferos. E as artes escénicas chegarán da man de Assircópatas, Marta Ortiz, Fran Rei, Dani García e Natalia Outeiro, Pajarito. Cada mañá hai tamén un servizo de restauración no recinto.
Sinala a institución provincial lucense que esta programación procura evidenciar "un modelo de lecer vinculado ao territorio, que promove o coñecemento do patrimonio natural dunha maneira participativa e interxeracional" mentres amosa o Parque Central de Galicia como espazo familiar para "descubrir a riqueza ambiental da provincia e dinamizar o centro xeográfico de Galicia". As persoas interesadas nos obradoiros poden reservar praza no correo electrónico cicloculturalnugallas@gmail.com ou do teléfono 680 470 278.