Dona Margarita, propietaria do centro de Galicia, unha carballeira que se converterá nun gran parque público

Marga Mariño e a súa familia, no centro de Galicia © Cedida

No lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, no concello de Antas de Ulla (Lugo) está o centro de Galicia. Exactamente nas coordenadas 42º45'25,15" Norte e 7º54'38,99" Oeste. Así o determinou hai uns meses o Instituto Xeográfico Nacional en resposta a unha solicitude realizada polo Instituto de Estudos Ulloáns. Ese lugar é, ademais, a finca de Dona Margarita. 

Margarita vén de venderlle o terreo á Deputación de Lugo, que mercou esta e outras fincas próximas para crear o que será o Parque Central de Galicia

Margarita Mariño Varela foi mestra en Antas de Ulla e tamén en Monterroso durante case catro décadas, de aí que moitos veciños e veciñas a sigan chamando Dona Margarita, a pesar de estar xa xubilada. Durante todo este tempo foi propietaria, sen sabelo, do centro de Galicia, un terreo que dende a súa avoa fora pasando de xeración a xeración na súa familia. Ata agora. 

Margarita vén de venderlle o terreo á Deputación de Lugo, que mercou esta e outras fincas próximas para crear o que será o Parque Central de Galicia, un espazo natural conformado ao redor do centro xeográfico do país e que servirá como "un gran espazo público de ocio e natureza", con funcións didácticas igualmente, e que buscará promocionar a economía e o turismo da zona.

Membros do Instituto de Estudos Ulloáns sinalizando o Centro Xeografico de Galicia, en Nugallás © Instituto de Estudos Ulloáns

Dona Margarita xuntou a súa familia para facer unha derradeira foto e contarlles a todos, sobre todo ás máis pequenas (ten cinco netas) o que fora esa finca e que alí se atopa o centro xeográfico exacto de Galicia

"É un momento agridoce para min", conta Dona Margarita en conversa con Praza.gal. "Estou un pouco triste por desprenderme dun terreo que leva varias xeracións na familia, un lugar moi fermoso. Pero tamén contenta porque a finca vai servir para que se desenvolva a comarca, e para que a xente veña a Antas", di. De feito, hai uns días, e a xeito de despedida, Dona Margarita xuntou a súa familia no terreo para facer unha derradeira foto e contarlles a todos, sobre todo ás máis pequenas (ten cinco netas) o que fora esa finca e que alí se atopa o centro xeográfico exacto de Galicia. Un terreo, ademais, que foi pasando de muller a muller: dende a tataravoa ata a neta maior de Margarita, os primeiros descendentes desta familia son sempre mulleres.

As conclusións do informe do Instituto Xeográfico Nacional, que puxeron fin ao debate sobre a localización do centro de Galicia, sorprenderon á familia de Margarita Mariño Varela. "Sabíamos que o centro de Galicia estaba por aquí cerca, pensábase que a uns poucos metros, pero non exactamente aquí", conta. "Nos últimos anos o centro de Galicia estivo bailando dun sitio para outro; un día dicían que estaba en Lalín, outro en Monterroso, outro en Chantada, pero nós sabíamos que estaba en Antas de Ulla", destaca.

"Iso foi o único que pedín para a venda, que se respectasen os carballos, deses que dan pulo á Ulloa e que, por desgraza, moitos se adican a acabar con eles”, di

O terreo pertencía inicialmente á Casa de Carneiro de San Fiz de Amarante e era a casa da bisavoa de Margarita, algo que será lembrado no monólito que a Deputación de Lugo colocará na finca. E como é a finca? "Pois non é moi grande. É un antigo toxal, pero xa a miña nai plantou carballos e caxigos, que é como lles chamamos aquí aos carballos pequenos, e que hoxe xa medraron moito". Hoxe é unha fermosa carballeira que se converterá no núcleo do proxectado Parque Central de Galicia. "Iso foi o único que pedín para a venda, que se respectasen os carballos, deses que dan pulo á Ulloa e que, por desgraza, moitos se adican a acabar con eles”, di.

Margarita quere, ademais, agradecer e destacar o traballo feito polo presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo Teijeiro, que foi quen persoalmente se dirixiu ao Instituto Xeográfico Nacional solicitando a confirmación do lugar no que se atopaba o centro xeográfico. "Fixo un traballo moi importante, que agora servirá para enxalzar Antas de Ulla "coma un lugar acolledor" e para que "o desfruten os que visiten o lugar", dende onde "podes chegar a calquera punto de Galicia case ao mesmo tempo”, remata.

Localización (no punto vermello) do Centro Xeográfico de Galicia, segundo as coordenadas exactas achegadas polo IGN © Google

O Parque Central de Galicia

O Instituto de Estudos Ulloáns propuxo que o lugar se utilice para "amosar o valor da paisaxe tradicional da Ulloa (e, á súa vez, de boa parte de Galicia) no que se refire á súa vexetación autóctona, ao minifundio, ao muros de pedra en seco e ao outros elementos diferenciadores"

Cando o Instituto de Estudos Ulloáns recibiu o informe do Instituto Xeográfico Nacional confirmando a localización do 'Quilómetro 0' de Galicia, a entidade fixo un chamamento ás administracións públicas, especialmente ao Concello de Antas de Ulla, á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia para garantir a "protección integral "do Centro Xeográfico de Galicia, propoñendo que algunha destas administracións adquirise a parcela, para instalar alí algún tipo de monumento que marcase o lugar e a partir do cal se puidesen levar a cabo actividades divulgativas e didácticas para os centros de ensino.

Actividades que permitisen "ensinar o valor do patrimonio cultural con explicacións de xeografía e 
matemáticas" e, ademais, "amosar o valor da paisaxe tradicional da Ulloa (e, á súa vez, de boa parte de Galicia) no que se refire á súa vexetación autóctona, ao minifundio, ao muros de pedra en seco e ao outros elementos diferenciadores".

“O proxecto poñerá en valor a riqueza natural, a flora e as árbores do lugar, integrado na paisaxe actual e, ao mesmo tempo, promocionará a zona, converténdoa nun lugar de atracción turística o que, sen dúbida, será positivo para a economía de Antas de Ulla”

A Deputación de Lugo comezou a traballar de inmediato nestes obxectivos a través da deputada Pilar García Porto (de Antas de Ulla) e do seu presidente, José Tomé. A institución provincial comezou a adquirir os terreos próximos á parcela de Dona Margarita e a propia finca que constitúe o Centro de Galicia, todo para crear ese Parque Central de Galicia.

“O proxecto poñerá en valor a riqueza natural, a flora e as árbores do lugar, integrado na paisaxe actual e, ao mesmo tempo, promocionará a zona, converténdoa nun lugar de atracción turística o que, sen dúbida, será positivo para a economía de Antas de Ulla”, destacou hai uns días José Tomé, que engadiu que este parque público será “importante para a economía do concello de Antas de Ulla, o que supón unha clara aposta da Deputación Provincial de Lugo polo reequilibrio territorial e para fixar poboación na zona rural, creando actividade económica e postos de traballo”.

José Tomé, presidente da Deputación, na sinatura da escritura de compra-venda da finca na que se localiza o Centro de Galicia © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.