O Centro Xeográfico de Galicia, en Antas de Ulla, aspira a ser BIC como "paisaxe cultural"

Localización (no punto vermello) do Centro Xeográfico de Galicia, segundo as coordenadas exactas achegadas polo IGN © Google

O pasado mes de decembro o Instituto Xeográfico Nacional (IXN), dependente do Ministerio de Fomento, acreditou cun informe a localización exacta do centro de Galicia. Este punto, situado nas coordenadas 42º45'25,15" Norte e 7º54'38,99" Oeste, atópase no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, no concello de Antas de Ulla (Lugo).

O Instituto de Estudos Ulloáns propón que algunha administración pública adquira o terreo para asegurar a protección do lugar e a realización de visitas didácticas ao lugar

O informe fora solicitado polo presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo Teijeiro, que pedía que o IXN realizase unha medición exacta para pechar de vez o histórico debate sobre cal é o centro xeográfico de Galicia, un honor que durante décadas reclamaron para si distintas localidades, dende Lalín a Melide, pasando por Agolada ou Chantada.

Agora o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) vén de solicitarlle oficialmente á Xunta a declaración deste lugar como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de "paisaxe cultural". O IEU destaca que neste caso "estamos ante un lugar senlleiro, cuxas calidades culturais son únicas, sendo un elemento natural que require para a súa apreciación da intervención humana na construción de ciencias como as matemáticas ou a xeografía física". A entidade conclúe que "o Centro Xeográfico de Galicia constitúe un soporte material da súa identidade, porque fixa o punto no que os extremos do país son o máis equidistantes posibles".

Membros do Instituto de Estudos Ulloáns sinalizando o Centro Xeografico de Galicia, en Nugallás © Instituto de Estudos Ulloáns

A entidade pide ademais a intervención das administracións públicas (nomeadamente da Xunta, da Deputación de Lugo e do Concello de Antas de Ulla) para garantir a "protección integral "do Centro Xeográfico de Galicia, propoñendo que algunha destas administracións adquira a parcela na que se sitúa este punto, un terreo clasificado como "solo rústico", polo que "o seu valor non é moi elevado", engade.

"O Centro Xeográfico de Galicia constitúe un soporte material da súa identidade, porque fixa o punto no que os extremos do país son o máis equidistantes posibles", destaca

O Instituto de Estudos Ulloáns propón a realización de visitas didácticas ao lugar, nomeadamente por parte de centros de ensino, que permitirán "ensinar o valor do patrimonio cultural con explicacións de xeografía e 
matemáticas". Ademais, posibilitará "amosar o valor da paisaxe tradicional da Ulloa (e, á súa vez, de boa parte de Galicia) no que se refire á súa vexetación autóctona, ao minifundio, ao muros de pedra en seco e ao outros elementos diferenciadores", destaca.

"Poñémonos a disposicións das administracións para deseñar un lugar de referencia, de encontro para todos os galegos", conclúe a entidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.