
O treito dende a glorieta da Garaballa ata o remate da avenida de Benigno Rivera completa os traballos de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena conexión clave na entrada norte de Lugo e nos seus polígonos industriais e áreas comerciais
A Avenida Infanta Elena foi evolucionando ao longo dos anos. Trazada en tempos en que esta contorna do norte de Lugo comezou a medrar, a medida que o foi facendo esta vía foi virando nun dos principais accesos da cidade e mais do seu pulmón económico e industrial: os polígonos do Ceao e das Gándaras e as áreas comerciais próximas. De aí a decisión da Deputación e do Concello de desdobrala e humanizala, que nestas semanas está a culminar.
Están xa na recta final os traballos de humanización e desdobramento nos 456 metros finais da avenida, que en total ten case tres. Dende a glorieta da Garaballa ata o remate da avenida Benigno Rivera, xa no Ceao, a construtora Ovisa desenvolve uns traballos que, cun investimento de 1,3 millóns de euros implican dúas marxes de calzada de 10,25 metros con tres carrís de circulación por sentido para vehículos
Alén do tráfico motorizado, o novo trazado do treito final da avenida estende tamén o carril bici pola marxe dereita. Ten tres metros de ancho e vai ao carón dunha das beirarrúas, que en ambas beiras contan con algo máis de catro metros. Dentro do obxectivo de facilitar o tránsito peonil por un lugar noutrora hostil para o mesmo, os traballos en marcha inclúen mellor iluminación, árbores e mobiliario urbano como bancos e papeleiras.
A vía inclúe carril bici e beirarrúas nunha contorna noutrora hostil para o tránsito peonil, así como servizos para o "futuro crecemento da cidade"
O desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, que executa Ovisa, tamén inclúen renovar outros servizos coma o abastecemento e o saneamento, ademais do alumeado. Trátase, explicou nunha visita recente o presidente da institución provincial, José Tomé, de "dotar de servizos a un futuro crecemento da cidade" nunha área con posibles desenvolvementos de solos "urbanos ou urbanizables".
A Deputación prevé que antes de finalice o ano estea rematada de vez unha actuación que "transformou a principal vía de entrada e saída da cidade na súa parte norte" ata convertela nun "acceso espectacular, o mellor que terá Lugo e onde máis falta fai, pola afluencia de tráfico que ten". O alcalde da cidade, Miguel Fernández, aplaude o "cambio neste acceso, nunha zona con gran peso comercial e industrial" e que "se adapta á perfección co desenvolvemento de futuros solos e co modelo de cidade aberta e sostible que queremos".