Un ano despois do choque dun tren nas Neves cun maquinista ferido a investigación está "demorada"

O tren de mercadorías descarrilado o 15 de novembro do pasado ano nas Neves © Guardia Civil

A nova Autoridade Independente de Investigación (AITAT) admite que "cambios organizativos no equipo investigador" demoraron o estudo do sinistro no que só o tren descarrilado tivo danos por máis de 3,5 millóns de euros

O 15 de novembro do pasado ano un tren de mercadorías da empresa Captrain descarrilou nas Neves ao chocar cun muro de contención tras un dos habituais corrementos de terras que se veñen rexistrando na liña Ourense-Vigo polo Miño. O maquinista resultou ferido e os danos á infraestrutura e o material rodante foron cuantiosos, de máis de 3,5 millóns de euros só no caso do tren. 

Un ano despois os investigadores veñen de facer pública unha "declaración provisional" que admite que a investigación está demorada entre outras cuestións por "cambios organizativos no equipo investigador" logo da substitución este pasado verán da antiga Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) pola nova Autoridade Independente de Investigación de Accidentes Ferroviarios, Marítimos e de Aviación Civil (AITAT).

Estación de Guillarei, na liña Vigo-Ourense polo Miño CC-BY-SA Bene Riobó

Segundo os datos iniciais da investigación, o tren de mercadorías de Captrain con destino a Vigo-Guixar chocou "cunha sección de muro de contención de formigón" tras pasar pola estación das Neves. Acabaron descarrilados e envorcados a locomotora e os nove primeiros vagóns. "O maquinista resulta ferido leve, e os danos á infraestrutura e o material rodante resultan elevados", de máis de 3,5 millóns de euros só no material rodante.

Nunha anterior declaración provisional os investigadores xa salientaran que "se rexistraran chuvias abundantes os días anteriores". E no novo documento agora divulgado, con data do 29 de outubro, inciden nesa vía de investigación sobre o posible efecto das chuvias sobre a infraestrutura, salientando que xa se recopilou información como "o rexistro videográfico do Posto de Mando, o rexistro de precipitacións e avisos de alerta meteorolóxicos, o historial de inspeccións de mantemento no muro". Tamén se realizaron "entrevistas co Posto de Mando de Ourense e o maquinista do tren accidentado, e visitouse o lugar do suceso". 

Porén, engade o documento, "estase pendente de recibir información relevante por parte do administrador da infraestrutura e os seus contratistas, que axudará a determinar as causas do suceso". Tamén sinala que "os cambios organizativos no equipo investigador, como consecuencia da integración da CIAF na Autoridade Administrativa Independente para a investigación técnica de accidentes e incidentes ferroviarios, marítimos e de aviación civil en xullo de 2026 demoraron o avance da investigación". 

O documento remata sinalando "próximas accións" dos investigadores como realizar unha nova visita e recorrido en cabina do lugar do accidente, analizar o proxecto construtivo do muro e entrevistas co persoal responsable do mesmo.

Actuacións previstas por Adif para a liña Vigo-Ourense-León Dominio Público Adif

A liña do Miño sofre reiteradas interrupcións do tráfico por corrementos de terra en época de chuvias e Adif ten en marcha diversas actuacións para a súa "renovación"

O accidente nas Neves chegou cando Adif ten en marcha diversas actuacións para a "renovación" da liña Ourense-Vigo polo Miño tras reiteradas incidencias. Unha liña que tras o accidente quedou pechada durante varias xornadas e que foi novamente pechada en febreiro polos riscos que supuña a circulación por ela con mala climatoloxía.

Segundo a empresa pública xestora da rede ferroviaria, están planificadas actuacións por 265 millóns de euros para adecuar a liña ao Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, unhas actuacións que se van acometer no treito entre Guillarei (Tui) e Ourense tras realizarse xa nos últimos anos diversas obras entre Vigo e Guillarei e entre Guillarei e a fronteira portuguesa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.