O Congreso veta un candidato ao novo ente de investigación de accidentes pola súa relación con Angrois

Adolfo Moreno Díaz, vetado para o novo ente unificado de investigación de accidentes pola súa relación co accidente de Angrois © Congreso dos Deputados

Como cargo de Renfe Adolfo Moreno soubo da desconexión da seguridade que deitou toda a responsabilidade no maquinista e formaba parte da actual CIAF que se vén negando a facer unha investigación técnica como require a UE

O Congreso dos Deputados vetou este martes, a iniciativa de BNG e PP, o nomeamento dun ex-cargo de Renfe, Adolfo Moreno Díaz, como vogal do novo ente unificado que vai investigar accidentes de tren, avión e barco. Moreno foi cargo de Renfe e soubo da desconexión do sistema de seguridade que deixou en mans do maquinista toda a responsabilidade de frear na curva de Angrois, e ata a actualidade viña sendo vogal da actual Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) que se vai integrar no novo ente unificado de investigación e que se vén negando a facer unha investigación técnica do sinistro como require a Unión Europea. 

Cabina de condución dun tren Alvia S-730 como o accidentado en Angrois © CIAF - Ministerio de Fomento

O novo ente de investigación que vai unificar as actuais comisións de investigacións ferroviaria, aérea e marítima para darlle máis independencia contará cun presidente e seis vogais, dous por cada tipo de medio de transporte, propostos polo Goberno de España e que debían ser ratificados polo Congreso. Así o fixo a Cámara Baixa con todos menos con Moreno Díaz, o único ademais que xa viña formando parte da actual CIAF.

BNG e PP impulsaron o veto que contou co apoio de Vox e Junts mentres que PSOE mantivo o seu apoio ao candidato e Sumar abstívose

O deputado do BNG Néstor Rego foi o primeiro en declarar a súa negativa ao candidato, ao que posteriormente se sumou o deputado galego do PP Celso Delgado

Moreno era cargo intermedio na dirección de Seguridade de Renfe cando o seu máximo responsable, Antonio Lanchares, pediu a Adif desconectar o sistema de control automático da velocidade (ERTMS) a bordo dos Alvia entre Ourense e Santiago porque fallaba. A autorización de Adif foille comunicada por Lanchares a Moreno e outros cargos intermedios e durante máis dun ano o sistema permaneceu sen reparar e desconectado ata que ocorreu o accidente de Angrois, no que a falta de ERTMS o maquinista era o único responsable de frear antes da curva do sinistro. Polo seu despiste ao non facelo tras recibir unha chamada do interventor do tren vén de ser condenado como único culpable pola Audiencia da Coruña. 

Correo de Lanchares (Renfe) a Cortabitarte (Adif) pedindo permiso para desconectar o sistema de seguridade nos Alvia CC-BY-SA Praza Pública

Posteriormente e ata a actualidade Moreno viña sendo vogal da actual CIAF, que se vén negando a facer unha investigación técnica do sinistro que cumpra coa normativa europea, como esixe a UE. A realizada no seu momento evitou analizar outras cuestións máis alá da responsabilidade do maquinista e a Axencia Ferroviaria Europea criticou que persoas que participaran nela tiveran previamente relación directa coas empresas públicas investigadas Adif e Renfe. 

Ademais, o popular Celso Delgado afeou que Moreno opine en redes sociais sobre empresas ferroviarias malia o seu deber de neutralidade como membro ata agora da CIAF. 

Finalmente, Moreno foi vetado grazas aos votos de BNG, PP, Vox e Junts, mentres que PSOE e PNV rexeitaron o veto e Sumar, ERC e Bildu abstivéronse. O Congreso si aceptou o resto de vogais e o presidente proposto polo Goberno, Gonzalo Guillén Espejo, que era capitán marítimo da Coruña. 

Informe da Axencia Ferroviaria Europea que ratifica que a investigación da CIAF sobre Angrois non foi independente Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.