Renfe eloxia o seu directivo imputado que mantivo avariada dous anos a seguridade en Angrois

Correo de Lanchares (Renfe) a Cortabitarte (Adif) pedindo permiso para desconectar o sistema de seguridade nos Alvia CC-BY-SA Praza Pública

Tras a súa imputación a pasada semana polo accidente do tren Alvia na curva de Angrois, quen segue sendo o director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, vén de obter este mércores o respaldo expreso do consello de dirección da compañía. Lanchares foi quen solicitou de Adif un ano e un mes antes do accidente que os trens Alvia circulasen entre Ourense e Santiago co sistema de control constante da velocidade (ERTMS) desconectado porque estaba avariado. O ERTMS non foi reparado e posto en funcionamento de novo a bordo dos Alvia ata outro ano e un mes despois do sinistro, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas porque o maquinista do tren non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese ningún sistema que evitase ou paliase o seu despiste.

A empresa pública avala expresamente a Antonio Lanchares e segue os pasos de Adif, que mantén nun posto de confianza ao seu cargo equivalente tamén imputado

A pasada semana o xuíz instrutor de Angrois imputou a Lanchares por considerar que pode ter unha responsabilidade equivalente á de quen fora director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, xa imputado desde hai medio ano por non avaliar correctamente o risco existente en Angrois. Este mércores un portavoz de Renfe informou a Praza.gal de que o seu consello de dirección viña de rexeitar a dimisión de Lanchares por considerar que a súa “experiencia” no posto é importante para a compañía. Similares eloxios dirixiu a empresa pública a Lanchares noutros medios de comunicación, como Europa Press, onde amosou o seu “pleno respaldo” e “confianza”, ou La Voz de Galicia, a quen dixo que Lanchares é “un gran profesional cunha ampla bagaxe nesas responsabilidades”.

Lanchares pediu desconectar o sistema de seguridade nos Alvia en xuño de 2012 para unha reparación que duraría un mes, pero non foi reposto ata agosto de 2014

Lanchares foi quen en xuño de 2012, un ano e un mes antes do sinistro, pediu ao seu homólogo de Adif, Andrés Cortabitarte, permiso para desconectar o sistema de control constante da velocidade propio do AVE (ERTMS) a bordo dos trens Alvia entre Ourense e Santiago porque daba fallos. A avaría, que Adif sempre defendeu que se producía nos trens e non nas súas vías, debería estar reparada nun mes, pero non foi así e os Alvia seguiron circulando sen ERTMS ata que un ano e un mes despois, o 24 de xullo de 2013, un deles descarrilou na curva de Angrois, á entrada de Santiago. Tras ese sinistro, Adif instalou outras medidas de seguridade convencionais, pero o ERTMS non foi reparado e posto en servizo novamente ata outro ano e un mes despois, en agosto de 2014.

Cos eloxios que agora dirixe a Lanchares, Renfe segue os pasos de Adif. Se Lanchares segue no mesmo posto de máximo responsable da seguridade dos trens, Cortabitarte deixara o cargo equivalente de responsable da seguridade das vías unhas semanas antes do accidente, pero foi recolocado por Adif en varios cargos de confianza. Ningún dos dous volveu aos postos básicos que lles correspondan como traballadores públicos.

Antonio Lanchares nunha imaxe da web da Plataforma de Vítimas de Angrois Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.