Así debeu ser a crónica hai 12 anos: Descarrila un tren en Santiago por imprudencias do maquinista e Adif

Novas sobre o accidente de Angrois hai agora 12 anos e feitos probados da sentenza CC-BY-SA Praza Pública

No primeiro aniversario do accidente de Angrois con sentenza xudicial empregamos os feitos probados para refacer -o xornalismo é imperfecto- a "última hora" daquel 24 de xullo de 2013 no que morreron 79 persoas

O xornalismo é imperfecto e o de sucesos catastróficos aínda máis, xa que hai que contar en pouco tempo uns feitos que afectan a moitas persoas dos que resulta imposible ter todo o contexto. Iso foi o que sucedeu co accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, rexistrado ás 20.41 horas daquel día, case cos informativos da noite de radio e televisión en directo e cunhas poucas horas de marxe para pechar as edicións dos xornais en papel. Houbo que contar o que se sabía a medida que se ía sabendo, así que as primeiras crónicas do sinistro, por forza, foron inexactas en absolutamente todos os medios de comunicación. Todos. 

Despois, houbo medios, poucos, que seguiron pescudando e matizando o que ocorrera e outros que quedaron coa versión oficial transmitida polas autoridades, que todo fora un despiste do maquinista. 

Este XII aniversario do accidente é o primeiro no que xa hai sentenza xudicial, que condenou ao mesmo nivel ao maquinista do tren e a quen era director de Seguridade na Circulación de Adif. Empregando os seus feitos probados e outros datos do sumario o xornalista que chegou ao lugar do accidente á media hora de suceder reelabora a súa crónica e fai unha nova "última hora" con 12 anos de atraso pero máis rigor:

 

Mércores 24, xullo 2013. Santiago vivía este mércores 24 de xullo a véspera da súa festa grande cando un tren Alvia entre Madrid e Ferrol descarrilou nunha curva da entrada á cidade a só catro quilómetros da estación, no lugar de Angrois. Fíxoo cunha forza tal que un dos seus oito vagóns voou a varios metros da vía. O sinistro, rexistrado ás 20.41 horas, deixa 79 persoas falecidas e 143 feridas. Varios pasaxeiros relataron que sentiron como o tren tomaba moi rápido unha curva e despois, cando abriron os ollos, estaban rodeados de cadáveres.

O Alvia Madrid-Ferrol colleu a 176 por hora unha curva limitada a 80 porque o condutor despistouse ao recibir unha chamada do interventor nun lugar no que o director de Seguridade de Adif incrementara o risco de accidente

O maquinista do tren, Francisco José Garzón Amo, de 52 anos e con ampla experiencia sen tacha previa, ferido leve, comunicou tanto ao centro de control de tráfico ferroviario ao que chamou inmediatamente tras o descarrilamento como á policía que chegou ao lugar que se despistara e non freara a tempo antes da curva de Angrois.

Recibira unha chamada telefónica innecesaria do interventor do tren que durou un minuto e 40 segundos durante os cales pasou pola zona na que debía reducir progresivamente a velocidade dos 200 quilómetros por hora a que viña circulando desde Ourense aos 80 quilómetros por hora a que está limitada a curva de Angrois. Non o fixo ata que xa viu a curva diante del, á saída do último túnel antes de Santiago, e malia que pulsou o freo de emerxencia o tren acabou descarrilando a 176 quilómetros por hora. 

Axentes da policía na curva de Angrois minutos despois do accidente CC-BY-SA Praza Pública

O despiste do maquinista acabou en accidente mortal porque non había ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. Unha ausencia de medidas de seguridade debida a que o director de Seguridade na Circulación de Adif durante o deseño, construción e operación da liña Ourense-Santiago, Andrés Cortabitarte, no cargo ata hai unhas semanas, non aplicou nin encomendou a outros ningún dos procedementos de avaliación e xestión de riscos previstos na normativa nin antes nin despois da posta en servizo.

Ademais, a autorización de Cortabitarte hai algo máis dun ano, en xuño de 2012, a Renfe para que trens como o sinistrado circulen entre Ourense e Santiago sen o sistema de control constante (ERTMS) propio dos trens de alta velocidade fixo que o risco dun descarrilamento como o ocorrido se incrementase aínda máis, xa que a ausencia dese dispositivo reduciu a posibilidade de que un maquinista despistado ou desorientado recobre a atención. 

Tras o descarrilamento, veciñanza de Angrois foi a primeira en socorrer as vítimas. No mesmo minuto en que ocorreu, o servizo de emerxencias 112 comezou a recibir chamadas informando de que "acaba de descarrilar un tren e está a arder". 

Listado de chamadas e actuacións do 112 no accidente de Angrois durante a noite do 24 de xullo de 2013 CC-BY-SA Praza Pública

Porén, a Xunta tardou máis de dúas horas en elevar o nivel de alerta ao necesario para atender a envergadura do ocorrido. Unha asistencia que contou coa vantaxe de estar xa mobilizado na cidade un importante dispositivo con motivo da festa do 25 de xullo.

Catro horas despois do accidente o ministerio fixo chegar ao xuíz unha gravación na que o maquinista admite o seu despiste e que non freou a tempo, pero o maxistrado analizará tamén outras responsabilidades e a instrución durará anos

Canto á investigación do ocorrido, a policía xudicial da comisaría de Santiago avisou unha hora despois do accidente ao xulgado de garda da existencia de persoas falecidas. O xuíz de garda, Luis Aláez, responsable do xulgado de Instrución 3, que asumiu a investigación, compareceu na curva de Angrois arredor das once da noite coa comitiva xudicial para proceder ao levantamento de cadáveres. 

Preto da unha da madrugada, o secretario de Estado do Ministerio de Fomento, facía chegar ao instrutor unha gravación da conversa tras descarrilar do maquinista co centro de control de Adif na que o primeiro admitiu o seu despiste e que non freara a tempo. Porén, o xuíz analizará tamén as responsabilidades máis alá do maquinista e a instrución durará anos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.