Quen era secretario de Estado de Infraestruturas cando ocorreu o accidente desminte que presionase a unha ex-deputada popular que foi vítima do mesmo para que rebaixase as súas críticas
“Actuaría exactamente igual”. Así se ratificou este luns no Congreso, na comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois, o daquela secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Rafael Catalá, despois ministro de Xustiza, cando varios deputados lle lembraron diversas declaracións e actuacións súas que segundo as vítimas pretendían obstaculizar a investigación do sinistro e focalizar as culpas no maquinista. Pola contra, o xuíz instrutor, co respaldo do fiscal, vén de propor xulgar non só ao condutor senón tamén a un cargo de Adif como responsables de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional polas mortes daquel 24 de xullo de 2013, cando o maquinista se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que existise ningún sistema de seguridade que o evitase.
Catalá foi unha das voces do Goberno do PP que máis se prodigou nos medios de comunicación nos primeiros días tras o accidente salientando o “incumprimento” da velocidade máxima da curva e a importancia que para esclarecer os feitos tería a “testificación do maquinista”. Tamén el foi quen facilitou ao primeiro xuíz instrutor do caso a gravación na que o propio maquinista, Francisco José Garzón, admitía que se despistara e que non freara a tempo antes da curva. Ademais, unha das principais dirixentes da plataforma de vítimas, a ex-deputada autonómica do PP madrileño Teresa Gómez-Limón, desvelou que Catalá a chamara cando aínda se estaba a recuperar das súas feridas para pedirlle que non fora tan crítica co Goberno.
Como ministro de Xustiza e Fomento Catalá garantiu ás vítimas a colaboración do Goberno coa investigación do sinistro malia que Adif e Renfe levaban xa varios anos obstaculizando esas pescudas
Posteriormente, Catalá, ministro de Xustiza desde 2014, foi temporalmente o máximo responsable tamén de Fomento de xeito interino durante a segunda metade do ano 2016, cando Ana Pastor pasou de ser ministra a presidenta do Congreso e mentres non se configurou un novo Goberno cun novo ministro desa carteira. Nese posto de ministro de Xustiza coas competencias asumidas de Fomento, Catalá garantiu ás vítimas a colaboración do Goberno coa investigación do sinistro malia que Adif e Renfe levaban xa varios anos obstaculizando esas pescudas. Todos eses feitos levan ás vítimas do accidente a fixar en Catalá parte da responsabilidade de dificultar que se coñecesen as eivas de seguridade que existían na liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro máis alá do despiste que sufriu o maquinista.
“Cando teñamos as conclusións formais, se toca, non terei ningún inconveniente en pedir perdón”, di o ex-ministro
Sobre esas cuestións incidiron especialmente este luns na comisión de investigación os deputados Gabriel Rufián, de ERC, e Alexandra Fernández, de En Marea, con preguntas que o PP considerou inxuriosas. Catalá insistiu en que a súa preocupación naqueles días era atender ás vítimas e mesmo “mellorar as prestacións económicas” das indemnizacións que recibirían. “Nunca quixemos anticipar consecuencias nin orixes nin causas” do sinistro, dixo, asegurando que se limitou a transmitir o que á súa vez lle dicían os técnicos do ministerio e a “colaborar co xulgado de instrución competente para aportarlle toda a información desde Renfe ou Adif”, algo que esas empresas públicas non sempre fixeron. Tras asegurar que “actuaría exactamente igual”, Catalá tamén engadiu que “cando teñamos as conclusións formais, se toca, non terei ningún inconveniente en pedir perdón”.
Catalá negou conflito de intereses por traballar agora para un bufete que á súa vez asesora sobre a alta velocidade
Sobre como a gravación do maquinista dicíndolle xusto tras descarrilar ao centro de control que se despistara chegou tan rápido ao xuíz instrutor e os medios de comunicación, o que focalizou a atención sobre o condutor e non sobre a falta de seguridade da liña, Catalá desviou responsabilidades. Segundo dixo, a orde que deu foi “quen teña esa información que lla traslade a quen xa está investigando, que é o xuíz”, e asegurou descoñecer como acabou chegando tamén aos medios de comunicación.
Catalá negou tamén que presionase á popular Gómez-Limón para que rebaixase as súas críticas e dixo que só falou con ela para interesarse pola súa situación. “Nada máis lonxe da miña actitude persoal, da miña maneira de ser, presionar a ninguén”, asegurou.
Na comparecencia, os deputados de ERC e En Marea relacionaron as afirmacións que no seu momento realizou Catalá de que o accidente non fora do AVE e as súas advertencias de que dicir iso podía repercutir en contratos internacionais das empresas españolas do sector coa fichaxe do ex-ministro polo bufete Herbert Smith Freehills, que asesora proxectos da alta velocidade. Catalá di que traballa para ese bufete con autorización da oficina do Goberno que vela polos conflitos de intereses e que non se pode vincular ese feito cunhas declaracións súas hai máis de cinco anos.
A deputada de En Marea tamén salientou que unhas anotacións incautadas no caso Púnica nas que aparece o nome de Catalá relacionarían un contrato do AVE Ourense-Santiago co financiamento do PP. O ex-ministro considerou esa afirmación “unha infamia e unha calumnia” e salientou que como secretario de Estado de Fomento el “non tiña ningunha competencia na capacidade de decisión de Adif” á hora de adxudicar contratos.
Teófilo Serrano, presidente de Renfe co PSOE, nega agora que hai catro anos criticase como pouco serias as análises de riscos da súa empresa
Antes de Catalá na comisión tamén compareceu Teófilo Serrano, que foi presidente de Renfe desde a chegada de José Blanco a Fomento en maio de 2009 e ata o seu cesamento en xaneiro de 2012 polo PP. Serrano dixo que non houbo “ningunha presa” para poñer en servizo a liña Ourense-Santiago, que el non foi coñecedor da alerta sobre o risco existente na curva de Angrois que lanzou un maquinista xefe cando aínda era presidente e mesmo negou que hai catro anos dixese no Congreso, como así quedou reflectido nas actas, que Renfe non facía análises de risco serias sobre a seguridade ferroviaria, cuestión considerada clave pola investigación penal do accidente.
“Non facemos análises de risco máis que para os riscos laborais e de saúde do traballo, son as únicas análises de risco que se fan en serio, e iso eu creo que hai que melloralo bastante, en materia de seguridade ferroviaria estritamente dito e en calquera outra materia”, dixo Serrano en 2014
Serrano xa compareceu en outubro de 2014 na subcomisión de mellora xeral do sistema ferroviario estatal creada daquela no Congreso tras o accidente. Alí, a porta pechada, pero segundo quedou constancia nas transcricións das comparecencias, Serrano dixo que Renfe non facía análises de riscos sobre a seguridade ferroviaria dos seus servizos. “Non facemos análises de risco máis que para os riscos laborais e de saúde do traballo porque hai unha lei polos accidentes, pero esas son as únicas análises de risco que se fan en serio, para o demais as análises de risco... E iso eu creo que hai que melloralo bastante, en materia de seguridade ferroviaria estritamente dito e en calquera outra materia”, dixo Serrano en 2014. Porén, este luns Serrano asegurou que non dixo o que dixo hai catro anos cando falou da “seguridade ferroviaria” senón que se estaba a referir a análises dos riscos económicos dos investimentos na alta velocidade. Serrano tamén dixo este luns que “non lle correspondía a Renfe facer análises de riscos”.
No auto co que hai mes e medio o xuíz instrutor da causa penal deu por rematada a investigación, o maxistrado fai responsable do sinistro, ademais do maquinista, ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non analizar correctamente os riscos da liña de AVE Ourense-Santiago. Malia que a Axencia Ferroviaria Europea considera que esas análises deberan ser feitas non só por Adif senón tamén por Renfe, o xuíz levantou a imputación que pesaba ata agora sobre o director de Seguridade na Circulación desa segunda empresa, Antonio Lanchares, que dimitiu pouco antes.
Serrano dixo descoñecer a orixe da decisión de cambiar o ancho da liña Ourense-Santiago que acabou modificando a súa configuración de seguridade
A Serrano tamén se lle preguntou pola decisión de cambiar o proxecto orixinal da liña Ourense-Santiago para evitar que tivese cambiadores de ancho de vía que demorarían as viaxes dos trens, decisión que acabaría derivando nunha modificación da configuración de seguridade da liña que deixaría desprotexida a curva de Angrois e cuxa orixe o daquela presidente de Adif atribuíu a Renfe, operadora dos trens. Este luns Serrano dixo descoñecer a orixe desa decisión e atribuíuna a técnicos.
"Non quero responderlle", foi a contestación que deu Serrano a Alexandra Fernández sobre se o de Angrois foi un accidente da alta velocidade
Sobre a alerta do risco da curva que un ano e medio antes do accidente, cando el aínda presidía a empresa pública, lanzou un maquinista xefe, Serrano asegurou que el non foi coñecedor desa advertencia e fixo ver que non foi tramitada polas canles regulamentarias. A Serrano tamén lle preguntou a deputada de En Marea Alexandra Fernández se o de Angrois foi un accidente da alta velocidade, como se promocionara orixinalmente a liña e o tren e negou posteriormente o Goberno. “Non quero responderlle”, foi a súa contestación. Serrano tamén se desvinculou da posta en servizo do tren Alvia híbrido eléctrico e diésel que tivo o accidente, lembrando que el encargou a súa creación pero que foi posto en servizo e supervisado para a súa homologación despois de que el deixase o cargo, xa durante o Goberno posterior do PP.
Mario Garcés, subsecretario de Fomento co PP, nega inxerencias na investigación oficial, invalidada pola xustiza e a UE
Tras as intervencións deste luns, xa só restan por comparecer na comisión de investigación os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor
Este luns tamén compareceu na comisión Mario Garcés, subsecretario de Fomento co PP cando ocorreu o accidente, que argumentou que as súas competencias limitábanse a coordinar administrativamente os diversos departamentos e organismos dependentes do ministerio. Entre eles estaba a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), que un ano despois do sinistro fixo único responsable do mesmo ao despiste que sufriu o maquinista e cuxo informe foi invalidado tanto pola instrución xudicial como pola Axencia Ferroviaria Europea pola súa falta de independencia e polo seu contido incompleto. Garcés asegurou este luns que “nunca, nunca, por parte deste subsecretario nin de ningún membro do ministerio de Fomento houbo ningunha inxerencia na actuación da CIAF”.
O ex-subsecretario tamén insistiu en que posteriormente se modificou o funcionamento da CIAF para garantir a súa independencia e que iso impediu, e segue a facelo, que o Goberno lle puidese ordenar reabrir a investigación técnica, como insiste en reclamar a UE e rexeita a propia comisión de investigación.
Tras as intervencións deste luns, xa só restan por comparecer na comisión de investigación os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, o socialista no cargo cando se puxo en servizo a liña de AVE Ourense-Santiago e se reduciu a seguridade nas vías e a popular cando ocorreu o accidente tras reducirse tamén a seguridade nos trens Alvia e durante os primeiros anos da súa investigación.