O instrutor considera o director de seguridade da empresa pública único responsable das eivas de seguridade do AVE Ourense-Santiago e equipara a súa actuación á do condutor como delitos de homicidio por imprudencia
O xuíz instrutor do accidente de Angrois, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, vén de dar por rematada a investigación cinco anos e medio despois e propón a apertura de xuízo contra o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e contra quen no seu momento foi director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. O primeiro despistouse e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese activo ningún sistema que evitase ou paliase o seu previsible erro humano, eivas das que considera responsable ao segundo. No seu auto, o instrutor equipara a actuación de Cortabitarte á do condutor, polo que considera os dous responsables de oitenta delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 delitos de lesións polo mesmo tipo de imprudencia. Agora a Fiscalía e as partes persoadas na causa deberán pronunciarse sobre a súa decisión.
O auto co que o xuíz dá por rematada a fase de instrución, emitido con data deste luns, pon o foco na falta de avaliación de riscos da liña previa á súa inauguración en 2011 e da desconexión do sistema de control da velocidade a bordo dos Alvia en 2012, un ano antes do sinistro, pedida polo director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, e que foi autorizada por Cortabitarte nunhas poucas horas. Segundo o xuíz, Cortabitarte, igual que non avaliou o risco da liña antes de autorizar a súa posta en servizo, tamén “autorizou a devandita desconexión sen previamente realizar unha avaliación do risco que tal desconexión puidera comportar para a seguridade na circulación”.
O xuíz considera a "condución neglixente" do maquinista como "causa directa" do accidente pero apunta tamén ao cargo de Adif como responsable de autorizar a posta en servizo da liña en 2011 "sen previamente conxurar o risco de fallo humano" que nela existía
Esta é a segunda vez que o instrutor propón dar por rematada a investigación. Xa o fixo a finais de 2015, cando considerou que só había probas para acusar o maquinista, pero a Audiencia Provincial da Coruña ordenoulle investigar mellor se Adif analizara como debía os riscos existentes na liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente. Froito desas novas investigacións chegaron a estar imputados nos últimos anos outras seis persoas ademais do maquinista: Cortabitarte como máximo responsable da seguridade de Adif; un subordinado seu; o seu homólogo en Renfe, Antonio Lanchares; e tres técnicos da consultora pública Ineco que declararon no xulgado que non analizaron os riscos da curva de Angrois porque Adif non llelo encargou. Agora o xuíz considera que o único responsable final das eivas de seguridade na liña e no tren é Cortabitarte, ao que equipara penalmente co condutor, que non freou a tempo tras despistarse logo de recibir unha chamada telefónica do interventor do tren.
O auto do xuíz comeza por salientar que “a causa directa, inmediata, e que decididamente desencadeou o desgraciado accidente que tivo lugar o pasado 24 de xullo de 2013 foi o exceso de velocidade derivado dunha condución neglixente” do maquinista que non freou a tempo de 200 a 80 quilómetros por hora antes da curva de Angrois. E a continuación fai un relato dos feitos sobre como antes da inauguración da liña de AVE Ourense-Santiago en decembro de 2011 polo daquela ministro en funcións socialista José Blanco houbo modificacións no proxecto “cuxa repercusión na seguridade resulta obvia sen que conste que previamente se houbera avaliado o risco que ditos cambios puideran comportar para a seguridade”. Unha avaliación do risco cuxa responsabilidade atribúe exclusivamente a Cortabitarte.
Tanto no xulgado como na súa comparecencia no Congreso, o cargo de Adif sempre negou ter recibido presións
Nas súas comparecencias tanto no xulgado como na comisión de investigación política aberta no Congreso, Cortabitarte rexeitou a súa responsabilidade e derivouna exclusivamente cara ao maquinista. O cargo de Adif tamén negou sempre posibles presións políticas dos seus superiores para que actuase como actuou.
Agora o xuíz di que “é o señor Cortabitarte o que emite o Certificado de Seguridade da vía, requisito previo imprescindible sen o cal non sería posible dar inicio á súa explotación, e emíteo sen previamente conxurar o risco de fallo humano que non foi obxecto dunha debida avaliación previa de conformidade co esixido pola normativa europea aplicable”. Unha esixencia que o xuíz constata despois de considerar máis cribles diversas peritaxes que coincidiron na necesidade de realizar esa avaliación fronte á versión discrepante dun perito imposto pola Xunta que non consideraba que fose necesaria esa análise dos riscos.
Agora a Fiscalía e as partes persoadas na causa deberán pronunciarse sobre este auto do xuíz que dá por remata unha investigación que neste cinco anos e medio viuse entorpecida por diversas ocultacións de Adif e Renfe e pola lentitude do sistema xudicial.
O auto do xuíz tamén explica por que propón arquivar as imputacións que pesaban sobre os outros cinco investigados ata o de agora. Dos tres técnicos da consultora pública Ineco di que fixeron o traballo que Adif lles encargou, mentres que do subordinado de Cortabitarte sinala que foi imputado para garantir o seu dereito de defensa se na causa aparecían indicios contra el, cousa que di que non se produciu.
O xuíz dedica máis espazo a analizar a actuación do homólogo de Cortabitarte en Renfe, o director de Seguridade na Circulación da operadora Antonio Lanchares, que deixou o cargo hai tres meses. Del di que a súa imputación non debe proseguir porque malia que foi el quen solicitou a Adif desconectar o sistema de control da velocidade a bordo dos Alvia un ano antes do sinistro, en xuño de 2012, a autorización correspondeu exclusivamente a Cortabitarte. Sobre esa decisión, a Axencia Ferroviaria Europea considerou no seu momento nun informe entregado no xulgado que os seus riscos tamén deberon ser analizados por Renfe, pero agora o xuíz centra a responsabilidade exclusivamente en Cortabitarte. Tampouco por esa desconexión do sistema nos Alvia, xa coa ministra popular Ana Pastor en Fomento, declararon nin Cortabitarte nin Lanchares ter recibido ningunha presión política.
Agora a Fiscalía e as partes persoadas na causa deberán pronunciarse sobre este auto do xuíz que dá por rematada unha investigación que nestes cinco anos e medio viuse entorpecida por diversas ocultacións de Adif e Renfe e pola lentitude do sistema xudicial.