- O xuíz dá por rematada a investigación de Angrois cun cargo de Adif e o maquinista como acusados
- Adif acusa a un cargo de Fomento crítico coa súa actuación en Angrois de non alertar antes do risco
O director de Seguridade de Adif, que para o xuíz instrutor comparte co maquinista a responsabilidade penal das 80 mortes, di estar “doído” porque as vítimas o sinalen
“Non, nunca”. Esa foi a resposta directa que deu no Congreso dos Deputados o pasado 17 de outubro Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, á pregunta de se recibira algunha “presión política” para tomar as decisións que tomou sobre a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago, na que o 24 de xullo de 2013 ocorreu o accidente da curva de Angrois. Por esas decisións o xuíz instrutor do caso vén de propor este luns xulgar a Cortabitarte como responsable en igual grado que o maquinista do tren Alvia de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e 144 delitos de lesións polo mesmo tipo de imprudencia.
Cortabitarte ocupou o cargo de director de Seguridade na Circulación, posto de libre designación, desde 2006, coa socialista Magdalena Álvarez á fronte do Ministerio de Fomento, ata un par de meses antes do accidente, isto é, con equipos directivos á fronte de Adif nomeados tanto polo PSOE como polo PP. Nese posto, di o auto emitido este luns, Cortabitarte debeu avaliar e paliar os riscos dun erro humano previsible (o maquinista despistouse e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese ningún sistema que o evitase) que existían no AVE Ourense-Santiago tanto antes da súa posta en servizo en decembro de 2011 tras reformarse o proxecto orixinal da liña, como antes de autorizar el a Renfe que se desconectase a bordo dos Alvia o sistema de control da velocidade en xuño de 2012.
“Sufrín por verme involucrado como un dos presuntos responsables dun accidente no que non tiven ningunha responsabilidade”, dixo Cortabitarte no Congreso
Nesas dúas datas estaban á fronte do Ministerio de Fomento o socialista José Blanco e a popular Ana Pastor respectivamente, e a eles veñen dirixindo vítimas do sinistro e outros partidos reiteradas peticións de responsabilidade política polo ocorrido (os dous terán que comparecer en xaneiro na comisión de investigación política aberta no Congreso). Porén nin ante o xuíz nin na súa comparecencia do pasado outubro no Congreso Cortabitarte dixo nunca ter recibido ningunha indicación política. Pola contra, Cortabitarte vén defendendo que actuou segundo lle indicaba a normativa ferroviaria e que era responsabilidade exclusiva do maquinista respectar a velocidade. Na súa comparecencia no Congreso chegou a dicir que, malia que a dor das vítimas “en absoluto é comparable”, a el lle “doe” que estas poñan “o foco” na súa persoa: “Sufrín por verme involucrado como un dos presuntos responsables dun accidente no que non tiven ningunha responsabilidade”, dixo.
Como perito no accidente do Metro de Valencia o seu informe exculpou á administración dicindo que o sinistro non era previsible
Antes do accidente de Angrois, Cortabitarte actuou como perito na investigacion xudicial do accidente do Metro de Valencia que o 3 de xullo de 2006 provocou 43 mortes, entre elas a do maquinista, nun sinistro no que, como o de Santiago, o tren non reduciu a súa velocidade nunha curva na que tiña que frear. A peritaxe de Cortabitarte concluíu que o sinistro non era previsible por parte da administración. Porén, hai un mes a xuíza daquel caso propuxo igualmente dar por rematada a investigación e levar a xuízo a oito ex-directivos da empresa de ferrocarrís da Generalitat Valenciana. Fíxoo instada por un auto previo da Audiencia Provincial que permite establecer varias semellanzas entre o accidente de Valencia e o de Santiago que acabou ocorrendo sete anos despois.
A doutrina Botín librou hai un ano ao cargo de Adif de ser xulgado por outro accidente cun maquinista morto en 2010 en Arévalo
Cortabitarte, como director de Seguridade de Adif, tamén estivo imputado por outro accidente ocorrido en 2010 en Arévalo (Ávila) no que morreu un maquinista. Hai un ano librouse de ser xulgado por ese caso en aplicación da denominada doutrina Botín, establecida polo Tribunal Supremo en relación co responsable do Banco Santander e que di que non basta coa acusación popular para levar a xuízo a alguén se non conta tamén con acusación da Fiscalía ou particulares. No caso do accidente de Arévalo, a acusación particular da familia do maquinista falecido retirouse tras chegar a un acordo e deixou soa á acusación popular do sindicato de maquinistas, mentres que a Fiscalía non viu motivos para acusar a Cortabitarte senón só a outros dous cargos inferiores.
Cortabitarte deixou a dirección de Seguridade na Circulación un par de meses antes do accidente de Angrois e desde aquela vén ocupando outros postos inferiores en Adif non relacionados coa seguridade pero igualmente de libre designación
Cortabitarte deixou a dirección de Seguridade na Circulación un par de meses antes do accidente de Angrois e desde aquela vén ocupando outros postos inferiores en Adif non relacionados coa seguridade pero igualmente de libre designación. Na actualidade, segundo a nova estrutura de Adif aprobada polo novo equipo designado polo actual Goberno socialista, é subdirector de xestión loxística de aprovisionamentos, o mesmo posto que viña ocupando co último equipo popular. As vítimas do sinistro reclaman agora ao actual ministro socialista José Luis Ábalos que cumpra a promesa que din que lles fixo de cesalo de calquera posto de libre designación se se abría xuízo oral contra el, paso que agora propón o xuíz.
Tras o accidente de Angrois, cando o seu nome comezou a ser apuntado por outros técnicos de Adif como o máximo responsable da seguridade dentro da empresa pública, a dirección da compañía saíu na súa defensa máis alá da regulamentada defensa xudicial que debe prover aos seus empregados. Porén, nos últimos tempos son varias as fontes de Adif e dos socialistas que equiparan as súas responsabilidades actuais coas dun supervisor dun almacén de subministros.