Tres días despois do cuarto aniversario do accidente do Alvia, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, quen foi director de Seguridade na Circulación de Adif entre 2006 e 2013, Andrés Cortabitarte, compareceu este xoves no xulgado de Santiago como investigado -antiga figura de imputado- como presunto responsable “dunha actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” sobre o perigo que supuña a curva de Angrois. Na súa declaración, a primeira que fai tras negarse previamente dúas veces a declarar, Cortabitarte dixo que a causa do accidente foi o “exceso de velocidade por erro humano do maquinista” e negou que a normativa o obrigase a el a prever o risco que existía nesa curva.
Andrés Cortabitarte, que foi director de Seguridade, di que a causa do accidente foi o “exceso de velocidade por erro humano do maquinista” e nega que a normativa o obrigase a el a prever o risco da curva
A Audiencia Provincial da Coruña considerou a Cortabitarte para imputalo responsable “indiciariamente” dos homicidios por imprudencia do accidente do Alvia xunto co maquinista do tren, Francisco José Garzón, xa imputado desde o primeiro momento por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois sen que estivese activo ningún sistema automático capaz de evitar ou paliar o seu erro humano. Os xuíces atribúenlle a quen foi director de Seguridade de Adif con PSOE e PP a responsabilidade de non analizar correctamente o risco da curva de Angrois e non implantar medidas que evitasen ou paliasen o erro humano que sufriu o maquinista.
Este xoves, nunha comparecencia de máis de dúas horas, na que só respondeu as preguntas do xuíz, o fiscal e o seu avogado, pero non do resto de partes, Cortabitarte salientou que el só participou nun momento determinado ao final dun longo proceso de posta en servizo da liña de AVE Ourense-Santiago. Un proceso de validación da seguridade no que desviou responsabilidades a outros departamentos de Adif e Renfe así como ás construtoras adxudicatarias da obra e consultoras externas como a pública Ineco. Cortabitarte asegurou que a avaliación de riscos de cuxa ausencia se lle responsabiliza non era necesaria segundo a normativa daquela vixente. Segundo dixo, a responsabilidade de "mitigar e facer tolerables" os posibles riscos que existisen na liña, correspondía a "Ineco e o construtor". Cortabitarte chegou a dicir que descoñecía que outros departamentos de Adif cambiaran previamente o proxecto orixinal e rebaixaran a seguridade da curva antes de que el validase a seguridade de toda a liña para a súa posta en servizo.
Cortabitarte insistiu na súa comparecencia en que o maquinista circulaba ao dobre da velocidade que debía e cando se lle preguntou expresamente cal é para el a causa do accidente dixo que un “exceso de velocidade por erro humano do maquinista”. Porén, cando o novo fiscal do caso, Mario Piñeiro, lle preguntou que medidas había activas para evitar ese erro humano, o imputado limitouse a sinalar a documentación de a bordo que lle indicaba ao condutor a que velocidade ir por cada treito e os sinais visuais xunto á vía para orientarse da súa posición, o que fixo que o fiscal lle lembrase que aquel maquinista non circulaba por unha vía convencional senón por unha liña de alta velocidade.
En recursos previos contra a súa imputación, o avogado de Cortabitarte xa tentou desviar a responsabilidade lonxe do seu defendido cara outros departamentos do Ministerio de Fomento
En recursos previos contra a súa imputación, o avogado de Cortabitarte xa tentou desviar a responsabilidade lonxe do seu defendido de distintos xeitos. Nun primeiro escrito atribuíu a responsabilidade final das autorizacións para a posta en servizo da liña por riba del á Dirección de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento e por baixo á consultora pública Ineco. Nunha segunda ocasión, pedíndolle ao xuíz que pescude como se analizaban os riscos noutros países da UE e se Renfe debía facer tamén unha análise propia de riscos.
Esta é a terceira vez que Cortabitarte comparece ante o xuíz, despois de que nas dúas anteriores se negase a declarar. Na última ocasión, o pasado 4 de abril, recorrera a súa imputación ante a Audiencia da Coruña. Agora, despois de que a Audiencia veña de ratificar esa imputación, está pendente de coñecerse o que poida dicir a Axencia Ferroviaria Europea, á que xa preguntou o xuíz instrutor, ao respecto de como Adif, con el á fronte, analizou os riscos da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro. Unha visión, a da axencia europea, que servirá de desempate ante as visións contraditorias ao respecto que este mesmo xoves deitaron no xulgado os dous peritos xudiciais da causa, un deles independente que di que Adif non analizou como debía os riscos de Angrois e outro designado pola Xunta que di que a empresa pública cumpriu co que esixía a normativa.
Sete anos no cargo
Un ano antes do sinistro, en xuño de 2012, Cortabitarte autorizara en persoa desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS, porque ás veces fallaba e provocaba demoras dos trens
Cortabitarte, que foi director de Seguridade entre 2006 e unhas poucas semanas antes do accidente de Santiago, non só era para o xuíz instrutor e a Audiencia o máximo responsable de supervisar esa análise de riscos que peritos e maxistrados botan en falta sobre a curva de Angrois, senón que estivo implicado en decisións que, segundo os peritos, incrementaron eses riscos. Un ano antes do sinistro, en xuño de 2012, el mesmo autorizara en persoa desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS, porque ás veces fallaba e provocaba demoras dos trens. A autorización emitiuna durante unha fin de semana e deixando toda a responsabilidade do freado en mans dos maquinistas, xa que o sistema convencional de control puntual da velocidade, o ASFA, non estaba alí programado para actuar sobre un exceso de velocidade como o ocorrido no accidente.
Cortabitarte xa fora imputado previamente polo primeiro xuíz instrutor da causa, xunto con outra vintena de directivos e técnicos de Adif. Porén, todos se negaran a declarar e a Audiencia da Coruña retirara aquelas imputacións por consideralas xenéricas e carentes de probas suficientes, pero matizando que, de concretarse, Cortabitarte sería a figura á que apuntar e non o resto daqueles imputados, que non serían coñecedores das características de seguridade da liña.
Por outra banda, como director de Seguridade, Cortabitarte está tamén imputado por outro accidente ocorrido en Arévalo (Ávila) en 2010, no que un maquinista morreu cando o seu tren chocou por detrás contra outro despois de que fallase un semáforo no que Adif estaba a realizar probas. Cortabitarte, no cargo de máximo responsable de Seguridade na Circulación tanto co goberno do PSOE como do PP, deixou o departamento poucas semanas antes do accidente de Santiago, pero foi recolocado noutros cargos de libre designación da empresa pública, que o defendeu.