0 Gardados para despois

O cargo de Adif imputado por Angrois tenta diluír responsabilidades en Renfe e noutros países

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O avogado de Andrés Cortabitarte, o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif entre 2006 e 2013 imputado polo accidente de Angrois, vén de presentar no xulgado unha serie de preguntas que pide que se engadan ás que o xuíz instrutor decidiu facerlle sobre o sinistro á Axencia Ferroviaria Europea. O letrado quere que o organismo comunitario diga como se avaliaban os riscos noutros estados membros da UE e se tamén tiña que avalialos Renfe, como empresa empregadora do maquinista, tamén imputado polo seu despiste.

O avogado de Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade, quere que o instrutor lle pregunte á Axencia Ferroviaria Europea como se avaliaban os riscos noutros estados e se tamén tiña que facelo a empresa operadora do tren

Hai tres semanas a Audiencia Provincial da Coruña ratificou a imputación de Cortabitarte, a quen Adif mantén nun cargo de libre designación, por ver nel “indicios dunha actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente. Ao tempo, o xuíz instrutor do caso decidiu preguntar á Axencia Ferroviaria Europea se era obrigatoria ou non a análise de riscos que Adif, con Cortabitarte á súa fronte, non fixo nesa liña.

Agora, o avogado de Cortabitarte vén de presentar un escrito no que solicita que se amplíen as preguntas que o xuíz fai á axencia europea para incluír nelas varias que considera necesarias para unha mellor defensa do seu cliente. O avogado pregunta, entre outras cousas, como eran as avaliacións de seguridade que realizaban outros estados membros da UE, se houbo dificultades por parte deses estados “para a comprensión e aplicación” dos sistemas de xestión da seguridade ditados pola UE ou se a “exportación” dun risco aos maquinistas, como fixo Adif no caso da liña Ourense-Santiago, “require a avaliación, control e aceptación por parte das empresas ferroviarias”, en referencia a Renfe Operadora.

No seu recurso infrutuoso contra a súa imputación, a defensa de Cortabitarte xa alegara que a responsabilidade de analizar o risco da curva de Angrois debía buscarse noutros departamentos

No seu recurso infrutuoso contra a súa imputación, a defensa de Cortabitarte xa alegara que a responsabilidade de analizar o risco da curva de Angrois debía buscarse noutros departamentos, tanto por riba súa na Dirección de Ferrocarrís de Fomento como por baixo na consultora pública Ineco que avaliara a liña. Fronte a esa argumentación, a Audiencia da Coruña optou por manter a imputación de Cortabitarte, que está citado a comparecer novamente no xulgado o próximo día 27 deste mes de xullo, tras negarse a declarar o pasado mes de abril.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

PSOE e o grupo de Unidos Podemos pactan a investigación política de Angrois

As vítimas reclámanlles que non presenten cada un unha petición distinta senón que todos os partidos que a apoian asinen unha mesma iniciativa conxunta

PSOE e o grupo parlamentario de Unidos Podemos-En Comú-En Marea escenificaron este luns, xusto unha semana antes do cuarto aniversario do accidente de Angrois, o seu acordo para solicitar unha investigación política do sinistro, tras facerse oficial a progresiva rectificación do PSOE desde a súa negativa inicial. O acordo sobre a investigación do accidente xorde da creación por parte dos dous grupos dun espazo de colaboración permanente no Congreso dos Deputados para abordar os asuntos parlamentarios que queiran impulsar contra as políticas do PP, como a revalorización das pensións, a subida do salario mínimo e as prestacións por desemprego para parados de longa duración ou a recuperación da negociación colectiva. Este é o principal resultado da reunión mantida este luns entre delegacións de ambos os grupos, encabezadas por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, que atopou como principais escollos a crise territorial con Catalunya e os "tempos" para tentar "sacar a Rajoy do Goberno".

A portavoz de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, presente no encontro, expuxo ao seu remate que na reunión acordouse poñer en marcha a comisión de investigación sobre o accidente do Alvia que viñan reclamando as vítimas desde poucos meses despois do sinistro do 24 de xullo de 2013. O PSOE mostrouse contrario ata agora desa comisión, pero tras un progresivo cambio de postura no PSdeG a volta de Pedro Sánchez á Secretaría Xeral socialista desatascou o seu apoio, co que a investigación pode saír adiante malia a negativa do PP. As vítimas reclámanlles aos partidos que asumen a súa reclamación que non presenten cada un unha petición distinta senón que todas as formacións asinen unha mesma iniciativa conxunta.

Yolanda Díaz, ao remate da reunión co PSOE