0 Gardados para despois

O xuíz de Angrois pregunta á UE se a análise de riscos da liña que Adif non fixo era obrigatoria

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


As autoridades europeas seguen a gañar peso no esclarecemento do accidente de Angrois, tamén na súa vertente xudicial. Un ano despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) criticase nun duro informe a investigación oficial do Ministerio de Fomento sobre o accidente e certificase, como xa fixera a Audiencia da Coruña, que esa investigación non foi independente, o xuíz instrutor do caso, Andrés Lago Louro, atende o ofrecemento realizado o pasado xaneiro pola institución comunitaria e pídelle que lle ratifique se era obrigatorio realizar unha avaliación integral de riscos na liña na que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas en xullo de 2013.

Nun auto ditado este 26 de xuño, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, o xuíz instrutor desbota as peticións de arquivo que formularan tanto a empresa pública Adif como o seu ex-xefe de seguridade, Andrés Cortabitarte, imputado por presuntos delitos de homicidio imprudente e lesións. Mentres a Audiencia coruñesa resolve sobre os recursos contra esa imputación o maxistrado coida que as dilixencias poden seguir avanzando no que atinxe a "recabar informe" da Axencia Europea e axudar así a resolver as "discrepancias" a respecto da avaliación de riscos manifestadas polos peritos -o independente si a considerou necesaria.

O xuíz rexeita arquivar o caso, como pedían Adif e o ex-xefe de seguridade imputado, aínda pendente de recuso ante a Audiencia

Lago Louro formula á ERA un total de oito preguntas encabezadas pola aclaración sobre "que cómpre entender, segundo a normativa comunitaria aplicable e en estritos termos de seguridade ferroviaria" por "avaliación integral de risco" e, se na liña Ourense-Santiago, na que descarrilou o tren, "era normativa e/ou tecnicamente necesaria unha avaliación de risco que tivese en conta a situación de perigo" que "concretamente" existía na curva, tanto antes da posta en servizo -en decembro de 2011- como "con posterioridade, en caso de sobrevir" algún "cambio significativo". Neste sentido, o xuíz cuestiona tamén á ERA sobre se "merece a consideración" de "cambio significativo" elementos como "a construción dunha nova liña de alta velocidade" ou unha "modificación" do proxecto na que "o sistema de supervisión continua da condución", o freado automático ERTMS, é "substituído" por "un sistema de apoio á condución" como o ASFA dixital.

Lago Louro atende ao ofrecemento da Axencia Ferroviaria Europea e pídelle que lle explique formalmente se España incumpriu a normativa sobre análise de riscos

Na segunda parte do seu cuestionario o xuíz que investiga o sinistro pide á Axencia que, en caso de ser obrigatoria esa avaliación integral, explique sobre o xeito en que debera determinarse "o nivel de risco" e, ligado con isto, se considera que a "exportación de riscos ao maquinista" ou a Renfe "no que se refire concretamente ao risco de accidente por descarrilamento en curva ou en caso de exceso de velocidade" foi realizada de xeito "corrrecto". O cuestionario conclúe pedindo o parecer sobre se cómpre ter en conta "o factor humano" á hora de realizar a avaliación, se esta análise é responsabilidade de Adif ou tamén de Renfe, o xeito en que terían que asumir a avaliación de riscos ambas empresas públicas e "se existe ou non un consenso técnico entre os expertos sobre a necesidade de protección das transicións significativas de velocidade mediante sistemas de control continuo ou puntual".

A ERA xa desautorizou o papel das autoridades españolas no sinistro en varias ocasións e reiterou que a investigación oficial non foi independente

Con esta petición o xuíz Lago Louro pide incorporar formalmente á causa respostas que, en gran parte, a ERA xa ofreceu no último ano. Así, por exemplo, mentres Adif retrucou á imputación de Cortabitarte asegurando ante o xuíz que a análise de riscos non era obrigatoria, a Axencia deixou claro nunha  resposta á Plataforma Víctimas Alvia 04155 que "sobre a cuestión de se se debera realizar unha avaliación de risco para a nova liña, podo confirmar plenamente que a lexislación da UE si o require", indicara por escrito o xefe de seguridade da ERA, Christopher Carr, nun documento que as vítimas achegaron ao xulgado.

Nun novo e claro cuestionamento do papel xogado polas autoridades españolas no accidente de Santiago o responsable comunitario de seguridade ferroviaria explicaba que "o risco de descarrilamento" durante a marcha e "especificamente en curvas" foi "coñecido polos enxeñeiros ferroviarios dende que se construíron os ferrocarrís por primeira vez", xa que "teñen o risco de non controlar a velocidade". Na curva de Angrois, sinalaba, "o risco foi identificado", pero non atallado por parte de Adif, que decidiu "exportalo" ao maquinista.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.