0 Gardados para despois

A Audiencia confirma a imputación do ex-director de Seguridade de Adif polo accidente de Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A Audiencia Provincial da Coruña considera que sobre Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif tanto co PSOE como co PP, pesan “indicios dunha actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” sobre o perigo que supuña a curva de Angrois, na que o 24 de xullo de 2013, hai agora case catro anos, descarrilou un tren Alvia provocando a morte de 80 persoas e feridas a 144. Así o di o tribunal nun auto emitido este venres no que confirma a decisión do xuíz instrutor de tomar declaración a Cortabitarte en calidade de investigado, antigo imputado, como posible responsable do accidente xunto co maquinista do tren, Francisco José Garzón, imputado desde o primeiro momento por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois sen que estivese activo ningún sistema automático capaz de evitar ou paliar o seu erro humano.

O tribunal ve en Andrés Cortabitarte “indicios dunha actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” da liña

Cortabitarte compareceu no xulgado o pasado 4 de abril, pero negouse a declarar á espera de que a Audiencia decidise sobre o recurso que presentara contra a súa imputación. Ao imputalo, o xuíz instrutor atribuíulle a responsabilidade de non analizar correctamente o risco existente na curva de Angrois dun exceso de velocidade por erro humano como o que ocorreu e cuxa responsabilidade Adif “exportara” aos maquinistas. Tanto Cortabitarte como Adif, nos seus recursos á imputación, argumentaron que a normativa non esixía esa análise de riscos. Este xoves o instrutor emitiu outro auto co que pide á Axencia Ferroviaria Europea que lle indique se era ou non obrigatoria. E este venres a Audiencia considera que “non hai base para descartar a aplicación da referida norma [relativa ás análises de risco], o cal non é unha decisión de definitiva sobre a cuestión, senón provisional e ligada ao estado do procedemento, como corresponde á natureza da presente resolución”.

Á espera de que a Axencia Ferroviaria Europea se pronuncie sobre se a análise de riscos era ou non obrigatoria, a Audiencia di que de momento "non hai base para descartar a aplicación" desa norma e mantén a imputación "provisional e ligada ao estado do procedemento"

Cortabitarte foi imputado o pasado marzo polo xuíz instrutor, que o considerou responsable de non analizar correctamente o risco existente en Angrois dun exceso de velocidade como o que ocorreu e de non habilitar as medidas precisas para evitalo. “Tendo coñecemento de dita situación de risco [...] non consta que fixese ou ordenase medida ningunha destinada a avaliar e xestionar dito risco [o que] o fai en principio responsable a título de autor dos delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave en que finalmente se concretou dito risco tras producirse o descarrile do tren Alvia o pasado 24 de xullo de 2013”, dixo o xuíz instrutor. Segundo o maxistrado, Adif tolerou que se “exportase” o risco ao maquinista “sen efectuar unha previa valoración integral da liña que protexese aos usuarios fronte ao posible erro humano, o que, en termos de contribución causal ao resultado finalmente producido, equipara dito incumprimento á imprudencia do maquinista que tiña o deber de conxurar e/ou mitigar”.

O tribunal censura o "enrevesado encadeamento de remisións normativas" que hai no sector

Un dos argumentos que deran tanto Cortabitarte como Adif nos seus recursos agora desestimados era que o tipo de análise de riscos que non fixeron non era precisa por non supor a apertura da nova liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente un “cambio significativo do sistema ferroviario”. Porén, a Audiencia contéstalles que “unha nova liña do sistema ferroviario é unha modificación significativa que afecta á seguridade”. O tribunal tamén censura o “enrevesado encadeamento de remisións normativas” que hai no sector.

A Audiencia tamén matiza ao xuíz instrutor, cuxos argumentos para imputar a Cortabitarte “parecen dar por certo que o risco de descarrilamento nesa curva concreta foi detectado e comunicado a Adif”, pero di que “de constar tal expresa comunicación do risco concreto da curva e o coñecemento que se deduce, a base para a imputación sería nítida e se debería producir cunha maior antelación”. E engade que “máis ben o ocorrido é o contrario ao que parece entenderse: ao seguirse determinadas pautas sobre o modo de avaliación de riscos, non se prestou atención á concreta perigosidade que implicaba a curva”, o que non obvia para que, a xuízo do tribunal exista “base para a imputación” de Cortabitarte.

A Audiencia rexeita o intento de Cortabitarte de deitar a responsabilidade noutros órganos por baixo e por riba del

Do mesmo xeito, o tribunal tamén rexeita o intento de Cortabitarte, no seu recurso, de deitar a responsabilidade tanto por baixo del, na consultora pública INECO que analizou a liña, como por riba, na dirección xeral do Ministerio de Fomento que autorizou finalmente a súa posta en servizo. “Non se debe respaldar esta liña de defensa como causa para excluír a indiciaria apreciabilidade de posibles responsabilidades penais que é obxecto do recurso”, di a Audiencia.

Sete anos no cargo

Cortabitarte supervisou os sistemas de seguridade que en 2010 se decidiu que tivese a liña e en 2012 autorizou desconectar un deles

Cortabitarte, que foi director de Seguridade entre 2006 e unhas poucas semanas antes do accidente de Santiago, non só era o máximo responsable de supervisar esa análise de riscos que peritos, xuíz instrutor e Audiencia botan en falta sobre a curva de Angrois, senón que estivo implicado en decisións que, segundo os peritos, incrementaron eses riscos. Un ano antes do sinistro, en xuño de 2012, el mesmo autorizara en persoa desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS, porque ás veces fallaba e provocaba demoras dos trens. A autorización emitiuna durante unha fin de semana e deixando toda a responsabilidade do freado en mans dos maquinistas, xa que o sistema convencional de control puntual da velocidade, o ASFA, non estaba alí programado para actuar sobre un exceso de velocidade como o ocorrido no accidente. Cortabitarte tamén era o responsable do departamento de Seguridade cando, durante a construción do AVE Ourense-Santiago previa á súa inauguración en decembro de 2011, Adif decidiu non instalar o ERTMS nas vías en toda a liña senón só ata catro quilómetros antes da curva de Angrois. Foi esa outra decisión que segundo os peritos tamén incrementou o risco, aínda que o ERTMS tería detido igualmente o tren de estar dispoñible nel xa que o freado se activa a esa distancia se o maquinista non o fai.
Cortabitarte xa fora imputado previamente polo primeiro xuíz instrutor da causa, xunto con outra vintena de directivos e técnicos de Adif. Porén, todos se negaran a declarar e a Audiencia da Coruña retirara aquelas imputacións por consideralas xenéricas e carentes de probas suficientes, pero matizando que, de concretarse, Cortabitarte sería a figura á que apuntar e non o resto daqueles imputados, que non serían coñecedores das características de seguridade da liña.

Por  outra banda, como director de Seguridade, Cortabitarte está tamén imputado por outro accidente ocorrido en Arévalo (Ávila) en 2010, no que un maquinista morreu cando o seu tren chocou por detrás contra outro despois de que fallase un semáforo no que Adif estaba a realizar probas. Cortabitarte, no cargo de máximo responsable de Seguridade na Circulación tanto co goberno do PSOE como do PP, deixou o departamento poucas semanas antes do accidente de Santiago, pero foi recolocado noutros cargos de libre designación da empresa pública, que o defendeu.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.