Os dous peritos xudiciais reiteran as súas visións opostas sobre se Adif cumpriu as normas en Angrois

Juan Carlos Carballeira, perito da Xunta (esquerda) e César Mariñas, perito independente, nos xulgados CC-BY-SA Praza Pública

A Axencia Ferroviaria Europea terá agora a palabra na determinación de se Adif, co seu ex-director de Seguridade Andrés Cortabitarte, imputado no caso, á cabeza, analizou como debía o risco existente na curva de Angrois, na que hai agora catro anos un tren Alvia descarrilou deixando 80 mortos e 144 feridos. Este xoves os dous peritos xudiciais do caso cuxas peritaxes eran "contraditorias" ao respecto verbalizaron ante o xuíz instrutor e as partes eses informes entregados a principios deste ano por escrito en senllas declaracións dunhas tres horas. O experto independente reiterou que Adif non analizou correctamente o risco mentres que o enxeñeiro designado pola Xunta asegurou que si o fixo, malia que corrixiu oralmente parte do seu informe escrito. O xuíz xa preguntou ao respecto á Axencia Ferroviaria Europea, que será a encargada de desempatar esas visións "contraditorias".

A Axencia Ferroviaria Europea deberá agora desempatar entre o enxeñeiro independente que di que a empresa pública non avaliou o risco como debía e o achegado pola Xunta, que a exculpa malia corrixir verbalmente parte do seu informe

O primeiro en declarar este xoves en Santiago ante o xuíz instrutor e as partes personadas na causa foi o enxeñeiro de Camiños Juan Carlos Carballeira, funcionario designado pola Xunta malia a súa falta de experiencia en materia ferroviaria. Carballeira chegou a recoñecer hai un ano que plaxiara parte dun informe pericial previo copiándoo da investigación elaborada polo Ministerio de Fomento que fixo responsable do sinistro só ao maquinista do Alvia. Este xoves Carballeira corrixiu verbalmente parte da súa peritaxe por escrito, nunha intervención que a maioría dos avogados presentes na sala cualificaron de contraditoria e confusa. Malia esa corrección de si mesmo, e despois de que por escrito dixera que non era necesaria unha avaliación integral do risco da liña de AVE Ourense-Santiago, este xoves ao saír do xulgado Carballeira asegurou que Adif si realizou como debía a análise de riscos “completa” -como a cualificou tras asegurar que a “integral”, como se vén denominando durante a instrución, “non existe”-. O funcionario autonómico tamén dixo estar “de acordo” coa visión que a Axencia Ferroviaria Europea ten do accidente “pero contextualizado”. Tras a declaración de Carballeira, vítimas do sinistro concentradas á porta do xulgado criticaron que Carballeira fose "elixido pola Xunta" como perito e salientaron a súa falta de experiencia en materia ferroviaria.

As vítimas critican que Carballeira fose "elixido" pola Xunta malia non ter experiencia en materia ferroviaria e a maioría dos avogados presentes na sala cualificaron de contraditoria e confusa a súa declaración

Tras Carballeira compareceu no xulgado o enxeñeiro de Telecomunicacións César Mariñas, elixido polo primeiro xuíz instrutor do caso por sorteo de entre os mellores profesionais propostos polo colexio profesional. Mariñas tamén ratificou o seu informe entregado previamente por escrito no que afirmara, como reiterou hoxe, que Adif non realizou como debía a análise de riscos do AVE Ourense-Santiago. Unha ratificación na que a avogada do Estado e o avogado do imputado Cortabitarte tentaron que incorrese en contradicións. Á súa saída do xulgado, Mariñas foi aplaudido polas vítimas concentradas ás súas portas.

O terceiro perito xudicial do caso, o enxeñeiro Industrial, José Manuel Lamela, tamén designado pola Xunta, centrou as súas análises noutras cuestións distintas a esa análise de riscos por parte de Adif en que se está a centrar o caso, polo que xa non foi citado polo xuíz unha vez que achegou ao xulgado o seu informe por escrito sen indicar nel ningunha deficiencia na súa área de especialización pero amosando a súa sorpresa pola falta de medidas de seguridade da liña.

Tras as comparecencias dos peritos, este xoves está tamén citado a declarar como investigado -antiga figura de imputado- o director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, a quen o xuíz e a Audiencia Provincial da Coruña atribúen a máxima responsabilidade sobre a elaboración desa análise de riscos agora no centro da investigación.

Parte do informe do perito independente CC-BY-SA Praza Pública
As vítimas, ás portas dos xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.