0 Gardados para despois

A Xunta autorizou 1.300 peritaxes externas desde que impuxo funcionarios sen experiencia para as de Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A finais de 2013 a Xunta impúxolle ao primeiro xuíz instrutor do accidente de tren de Angrois dous funcionarios autonómicos sen experiencia en materia ferroviaria como peritos encargados de analizar o sinistro do 24 de xullo daquel ano, no que morreron 80 persoas. Argumentaba o Goberno galego que así o obrigaba unha norma autonómica previa, que establece que só se pode recorrer a expertos independentes para realizar unha peritaxe xudicial cando a administración non atope persoal propio para facela. Fronte ao ocorrido co caso de Angrois, e segundo revela agora a Xunta, entre 2013 e 2016 o Goberno galego encargou menos peritaxes xudiciais a persoal dependente da administración, 965, que as que realizaron expertos externos, 1.357, polas que pagou 1,3 millóns de euros.

Entre 2013 e 2016 a Xunta encargou 965 peritaxes a técnicos autonómicos fronte a 1.357 a expertos externos

O primeiro xuíz instrutor do accidente de Angrois, Luis Aláez, pediu pouco despois do sinistro aos colexios profesionais de enxeñeiros de Industriais, Camiños e Telecomunicacións que cada un deles lle facilitase unha terna dos seus mellores profesionais para, mediante sorteo, elixir un de cada especialidade para axudalo a analizar o accidente. Cando así o fixo, os profesionais elixidos inicialmente como peritos de Camiños e Industriais presentaron orzamentos para realizar os seus traballos de máis de 800.000 e 500.000 euros respectivamente, honorarios que tería que abonar a Xunta como administración competente na xestión da xustiza a nivel autonómico.

Foi nese momento cando o Goberno galego rexeitou eses nomeamentos xa realizados polo xuíz e esgrimiu a norma previa que obriga a buscar primeiro expertos dentro da propia administración antes de contratalos fóra. A Xunta ofreceulle ao xuíz a cambio dous funcionarios con esas mesmas titulacións de enxeñeiros de Camiños e Industriais pero sen experiencia previa en materia de ferrocarrís. Pola contra, o terceiro perito nomeado polo xuíz por sorteo de entre os profesionais ofrecidos polos colexios, o enxeñeiro de Telecomunicacións, cuxo orzamento non superaba os 50.000 euros, mantivo e mantén hoxe o seu encargo porque a Xunta dixo que non atopaba ningún funcionario para facer o traballo.

As vítimas do accidente acusan os dous funcionarios da Xunta de asumir as teses de Adif e Renfe, que culpan do sinistro ao maquinista, fronte ao perito independente que apunta eivas de Adif

Durante o seu traballo na causa, os dous peritos da Xunta, un dos cales mesmo plaxiou parte dun informe, foron duramente criticados polas vítimas do sinistro e polo avogado do maquinista por asumir as teses de Adif e Renfe de que o despiste que sufrira o condutor do tren Alvia fora a única causa do accidente. Fronte a eles, o perito independente experto en Telecomunicacións sinalou diversas eivas de seguridade na liña de alta velocidade que serían responsabilidade de Adif. Eivas que agora están detrás da argumentación que permitiu a imputación o pasado marzo do ex-director de Seguridade na Circulación da empresa pública, Andrés Cortabitarte.

Este diario preguntou á Xunta, a través do mecanismo habilitado pola lei de transparencia, cantas peritaxes xudiciais asumiu con funcionarios propios e cantas con expertos externos, e canto custaron, desde 2013. Fronte a anteriores demoras nese procedemento de transparencia, desta volta a Xunta, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, contestou ao día seguinte de chegarlle a petición. Segundo os seus datos, entre 2013 e 2016 o persoal dependente da administración realizou 965 informes periciais para a Xustiza, fronte aos 1.357 elaborados por técnicos externos, polos que a Xunta pagou un total de 1.322.153 euros. Estas cifras non teñen en conta as peritaxes médico-legais e psicolóxicas, que realiza o persoal forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Os dous funcionarios autonómicos acabaron encargando estudos externos sobre materias que eles non eran quen de analizar cos seus propios medios ou coñecementos

No caso de Angrois, a complexidade da causa é superior a boa parte do resto de asuntos xudiciais que obrigan a realizar peritaxes. Tanto que, sen chegar aos extremos dos orzamentos propostos polos dous peritos independentes rexeitados, hai un ano os dous funcionarios designados pola Xunta xa gastaran, á marxe do seu soldo habitual na administración, uns 200.000 euros en encargar estudos externos sobre materias do caso que eles non eran quen de analizar cos seus propios medios ou coñecementos. Fronte a eles, o perito independente de Telecomunicacións presentara uns honorarios totais polos seus servizos ata aquel mesmo momento de só 42.350 euros. Uns custes, todos eles, que a Xunta, como outras partes presentes na causa, poderían aínda recuperar cando se establezan as costas do proceso tras o xuízo. Porén, a mesma Xunta que autorizou os informes externos encargados a dedo polos seus funcionarios, venlle pondo problemas para cobrar ao perito independente esixíndolle que xustifique mellor o seu traballo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.