0 Gardados para despois

“Non se pode acusar a Pastor ou Blanco de 80 homicidios pero teñen que responder no Congreso”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


"Os enxeñeiros tiveron tres oportunidades, no seu despacho, tranquilamente, de arranxar esta situación e que non se producira o accidente. Considero máis responsables aos enxeñeiros e aos departamentos encargados da seguridade que ao maquinista"

O 24 de xullo de 2013, ás 20.41 horas da tarde, Jesús Domínguez, informático con daquela 41 anos, abriu os ollos tumbado baixo un vagón de tren e cunha perna esnaquizada. Nuns poucos segundos convertérase nun dos 144 feridos que, xunto con 80 mortos, deixou o accidente do tren Alvia que aquel día descarrilou na curva de Angrois, á entrada de Santiago, despois de que o maquinista, Francisco José Garzón, se despistase tras recibir unha chamada do interventor do tren e non frease a tempo sen que existise ningún sistema de seguridade que puidese evitar ou paliar o sinistro.

Domínguez é presidente da Plataforma de Vítimas do Alvia e, ás portas do cuarto aniversario do accidente, reflexiona sobre a situación actual agora que vén de ser imputado tamén na causa penal, xunto co maquinista, quen foi director de Seguridade na Circulación de Adif entre 2006 e 2013, Andrés Cortabitarte. No cargo con PSOE e PP, Cortabitarte participou na posta en servizo do AVE Ourense-Santiago en 2011 despois de que se cambiase o proxecto inicial e a curva de Angrois deixase de estar protexida polo sistema de control constante da velocidade (ERTMS) propio do AVE, e el autorizou tamén en 2012 a Renfe para que os trens Alvia apagasen tamén a bordo o sistema, que frearía o tren moito antes. Agora, a Audiencia Provincial da Coruña ve nel e en Adif “indicios dunha actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” da liña.

"A min tampouco me gustaría ter que falar do accidente, pero para pasar páxina o primeiro hai que lela"

Hai familiares de falecidos ou mesmo feridos que din que lles causa dor que se fale do accidente. A plataforma de vítimas que vostede preside busca xusto o contrario, que teña visibilidade. Por que?

Entendo perfectamente a esa xente e compártoo. A min tampouco me gustaría ter que falar do accidente, pero para pasar páxina o primeiro hai que lela. O que necesitamos algunhas vítimas é que se saiba todo o que ocorreu, e por desgraza houbo xente do Goberno, do PP e mesmo do PSOE que se encargou de ocultar para que non se saiba a verdade. Desgraciadamente temos que seguir falando do accidente e xa Europa, o xuíz e a Audiencia [Provincial da Coruña] déronnos a razón. Temos que seguir falando do accidente porque algúns dos responsables aínda non se sabe quen son. Quero saber quen son non só por min senón tamén pola miña filla e por moita xente porque creo que é a maneira de mellorar a seguridade.

A gran novidade deste cuarto aniversario é a imputación, agora co aval da Audiencia Provincial da Coruña, de Andrés Cortabitarte, quen foi director de Seguridade na Circulación de Adif entre 2006 e 2013. Para vostedes, canta responsabilidade ten el e canta o maquinista?

Volvendo á anterior pregunta, se non chegamos a falar do accidente seguramente Cortabitarte tampouco estaría imputado. Grazas a esta loita empezamos a coñecer a máis responsables. E volvendo á pregunta, o maquinista evidentemente ten unha responsabilidade, porque cometeu unha imprudencia non temeraria, tivo un descoido. Pero despois de todas as peritaxes que lin, e de todos os expertos cos que falei, e todo o que estudei, creo que o que lle pasou ao maquinista ocorreríalle a calquera maquinista. Era un accidente previsible como xa anunciou por escrito un xefe de maquinistas e ocorreríalle a calquera. Considero que os enxeñeiros, os departamentos de seguridade, no seu despacho, con toda a normativa que había, son aínda moito máis responsables que o maquinista se fixesen o seu traballo en tres ocasións: cando se modificou o proxecto [de construción en 2010 antes de inaugurarse a liña] e se tiña que avaliar o risco e mitigalo; ou cando houbo un aviso do xefe de maquinistas; ou mesmo cando o señor Cortabitarte autorizou a desconexión do sistema de seguridade [nos Alvia en 2012] porque xeraba atrasos. Pois tiveron tres oportunidades, no seu despacho, tranquilamente, de arranxar esta situación e que non se producira o accidente. Considero máis responsables aos enxeñeiros e aos departamentos encargados da seguridade.

"Hai que acabar coas presións dos políticos que din cando poñer un tren en servizo”

Cortabitarte ocupou cargos de libre designación e dirección con PP e PSOE e Adif segue defendendo a súa actuación. Cre que o están protexendo? E se é así, por que?

Están a protexelo porque seguramente terá moito que dicir. Contactamos con enxeñeiros de Renfe e Adif que evidentemente non queren dar a cara. Ao final o que hai, e é o que hai que cambiar, é que hai presións dos políticos porque son os que indican cando se ten que inaugurar ou poñer un tren en servizo. E iso é o que hai que cambiar. Sempre hai enxeñeiros e técnicos que están dispostos a asinar estas postas en servizo aínda que as análises de risco non estean feitas. E iso é o que nos contan desde dentro e iso é o que se viu neste accidente.

Está a haber unha unidade de acción na causa penal entre vostedes e o avogado do maquinista para buscar máis culpables que o condutor?

Como nós limos a normativa e pensamos que hai máis responsables, entendo que o avogado do maquinista tamén busca outros responsables, e se cadra puidese parecer que nalgúns momentos puidésemos estar aliñados. Pero quero lembrar que tiven unha conversa co avogado do maquinista, que estivo moi enfadado cando se pechou a instrución porque no noso escrito de acusación acusabamos a Garzón [o maquinista imputado]. Ás veces pódese coincidir, pero que nós pensemos que hai máis responsables e el pense que hai máis responsables, pois ben... Pero non coincidimos cando fixemos o escrito de acusación ao maquinista.

Vostedes foron moi críticos coa lentitude e con ese intento do que fala do segundo xuíz instrutor que ten a causa, Andrés Lago Louro, de pechar o caso co maquinista como único acusado. Que visión teñen agora do instrutor e da xustiza en xeral?

Despois de catro anos, que agora se impute ao director de Seguridade de Adif porque non fixo a avaliación de riscos cando isto nós denunciámolo en 2014 en Europa... Eu non son un experto, pero lendo a normativa estaba claro que había que facer unha avaliación de riscos cando se produce un cambio nas condicións de seguridade, que é o lóxico en enxeñaría, non só no ferrocarril senón en calquera sector. Podo entender que aos xuíces lles custe entender estas cuestións, pero parece ser que o xuíz Aláez [o primeiro instrutor da causa] si o fixo no seu momento. Logo chegou o xuíz Lago Louro e eu creo que tiña en contra a todo o mundo. Tiña en contra a Avogacía do Estado, a Fiscalía e a Audiencia Provincial que desimputara por dúas veces a Adif. Posiblemente diría que igual levaban razón. O que pasa é que nós fomos a Europa e eu creo que a Audiencia xa tiña coñecemento dese informe demoledor [que lles entregou a Axencia Ferroviaria Europea ás vítimas hai un ano] no que se puña enriba da mesa que a investigación que se fixo en España nin era independente, nin sobre todo abordaba as causas esenciais do accidente. Á Audiencia non lle quedou máis remedio que reabrir o caso e eu creo que o xuíz Lago Louro decidiu seguir investigando, puxo máis interese e deuse conta de que hai máis responsabilidades ademais da do maquinista.

"Evidentemente non se pode acusar á ministra Ana Pastor ou ao ministro José Blanco de cometer 80 homicidios imprudentes pero si hai moitas responsabilidades políticas e moitas respostas que teñen que dar no Congreso"

Ademais da investigación penal en marcha, vostedes levan pedindo desde catro meses despois do accidente, de momento sen éxito, unha comisión de investigación política sobre o caso. Para que serviría?

Hai causas que non son directas do accidente, coas que non se podería acusar a alguén de cometer un homicidio imprudente, pero que si son responsabilidades políticas. Porei algún exemplo para que a xente o entenda. Este informe do que falaba antes da UE no que se dicía que a investigación nin era independente nin analizaba as causas esenciais que son as que afectan a Renfe, Adif e Fomento, saíu na prensa que houbo presións desde o Goberno para que ese informe non saíse. Aí hai unha responsabilidade política. Queremos saber quen eran os que presionaban para que non saíse este informe. Ou por exemplo cando varios autos dos xuíces, que non é que o digamos as vítimas, sinalan que Adif e Renfe non lles entregan toda a documentación. Mesmo tres anos despois aparecen análises de riscos de Angrois. Queremos saber por que o presidente de Renfe, ou o presidente de Adif, que non o elixen as vítimas, elíxeno o ministro ou a ministra, Ana Pastor no seu día, quen era que dicía que non se entregase toda a información. Ou por exemplo, nas notas de prensa do Ministerio de Fomento vendeuse que a liña contaba con toda a seguridade e cun sistema de condución automática, o ERTMS que evitaría o accidente. Todo iso foi incerto. Houbo unha publicidade enganosa que custou a vida a 80 persoas. Quen fixo esa publicidade enganosa ten que ir ao Congreso e dar resposta a isto. Ou que se investiron máis de 150 millóns de euros nun sistema de seguridade que non funcionaba. Quen recepcionou ese proxecto? Aquí hai moitas cuestións, que evidentemente non se pode acusar á ministra Ana Pastor ou ao ministro José Blanco de cometer 80 homicidios imprudentes pero si hai moitas responsabilidades políticas e moitas respostas que teñen que dar no Congreso.

Cre que un ministro, fose o socialista José Blanco que inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago ou a popular Ana Pastor que puxo en servizo os trens Alvia híbridos, debe saber de sistemas de seguridade ferroviaria?

Non ten que saber de sistemas de seguridade ferroviaria. Precisamente nunha reunión que tivemos en Bruxelas con José Blanco eu ensineille as notas de prensa nas que el, José Blanco, anunciaba que o tren e a liña contaba con todos os sistemas de seguridade. E díxenlle que só nos quedaban dúas opcións, ou o ministro enganou a todos os cidadáns vendendo unhas características e unha seguridade que non ten, ou ao ministro enganárono os técnicos ou o presidente de Renfe ou Adif. Iso é o que queremos saber en sede parlamentaria. Desde logo, alguén nos enganou, falta saber quen. E o mesmo ministro dicíanos que el non sabía de sistemas de seguridade, por tanto aquí alguén enganou gravemente a todos os cidadáns.

"A nós non nos manipula ninguén. O PP si que manipulou e fíxoo inmediatamente, o primeiro ano"

O PP acusa o resto de partidos de xogar con vostedes cando apoian as súas peticións de que se cree esa comisión parlamentaria que investigue as responsabilidades políticas do sinistro. Séntense manipulados por algún partido, como di o PP?

O que lle diría ao PP e a calquera político, sexa do partido que sexa, que despois de vivir ese accidente, de ver no meu caso o que vin eu, ou un pai de perder a un fillo, dicir que nos manipulan... Desde aquí quero dicir claro e alto que a nós non nos manipula ninguén. O PP si que manipulou e fíxoo inmediatamente, o primeiro ano. No primeiro aniversario tanto os veciños de Angrois como a maioría de vítimas non queriamos ningunha medalla, porque non somos heroes, o que queremos é que se saiba toda a verdade. E o que se fixo [pola Xunta do PP] foi cambiar unha data e púxose [a entrega das Medallas de Galicia] o 24 de xullo cando normalmente era o 25 e montaron alí un espectáculo para dar unhas medallas ás vítimas. Cando a maioría das vítimas quixemos entrar nese acto para explicar por que non queriamos as medallas senón que queriamos unha comisión de investigación, pois estes mesmos políticos mandáronnos ás forzas de seguridade, os antidisturbios, e non puidemos pasar. Antes de falar de quen utiliza ás vítimas, teñen que ser os políticos os que respondan a esa pregunta.

Xunto con esa investigación política, vostedes tamén reclaman outra técnica, porque a que fixo no seu momento Fomento, segundo ratificaron tanto a Audiencia da Coruña como a Axencia Ferroviaria Europea, non foi independente. Que achegaría agora esa investigación técnica que non achegue xa a xudicial en marcha?

Esa investigación técnica non só a piden as vítimas senón que a pide o Parlamento Europeo, a Axencia Ferroviaria Europea e a comisaria [de Transporte], Violeta Bulc. Esa pregunta fíxenma e evidentemente que hai peritaxes no xulgado bastante boas. Pero tamén temos o problema no xulgado de que a dous dos tres peritos elixiunos a Xunta, que tamén é parte implicada, parte do Goberno e do Estado que é contra quen loitamos. Nesa comisión técnica eu achegaría [ao perito xudicial] César Mariñas que foi o único técnico elixido de forma independente [por sorteo de entre os mellores profesionais propostos polo Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións]. Calquera investigación técnica que se faga agora ten que ser auspiciada pola Unión Europea porque o que quedou de manifesto é que no sector ferroviario en España, ao ser un sector que non está liberalizado, todos os técnicos que traballaron teñen intereses en conflito con Renfe ou Adif.

"Aínda que vaias á web de Adif ou Renfe e che digan que van poñer en marcha un tren de alta velocidade con toda a seguridade, despois do vivido en Angrois eu dubidaría moito desa información"

Tras o accidente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu na responsabilidade do maquinista fronte aos intereses económicos de empresas estranxeiras por desacreditar o AVE español, que pugnaba por varios contratos internacionais. Que imaxe ten do sistema ferroviario español?

Todo é unha farsa. Días despois do accidente, moi preocupados desde logo non polas vítimas, porque algúns nos debatiamos entre a vida e a morte e outros enterraban os seus familiares, pois a gran preocupación de Feijóo e Catalá, que era o secretario [de Estado] de infraestruturas e agora casualmente ministro de Xustiza, era dicir que isto podía afectar á alta velocidade, e que non era un accidente da alta velocidade. Xa quedou demostrado no xulgado que era un tren e unha liña de alta velocidade. Aquí vemos unha vez máis como os políticos cando queren si que pinchan e cortan para dicir que isto é alta velocidade e que os cidadáns temos unhas vías e uns trens moi seguros, e logo resulta que todo é unha farsa. Aínda que vaias á web de Adif ou Renfe e che digan que van poñer en marcha un tren de alta velocidade con toda a seguridade, despois do vivido en Angrois eu dubidaría moito desa información.

Como valora o tratamento mediático que está a recibir o seu caso?

Ao principio hai moito tratamento, todos os medios envórcanse, hai moitas novas, e ao final a sociedade esquécese e moi poucos xornalistas e moi poucos medios se encargan dun asunto como este. Ademais normalmente, por desgraza, búscase máis o lado humano, o lado persoal. Pero o lado de ver as causas verdadeiras, de investigar e de buscar os responsables, pois ese tema sempre queda máis esquecido.

Un cambio importante na instrución xudicial do accidente produciuse grazas ás críticas que as institucións europeas realizaron sobre como España xestionou o sistema ferroviario e o sinistro, para o que foi importante o traballo de mediación realizado pola representante do BNG en Bruxelas. Na Plataforma hai vítimas de todo o espectro político e de toda España. Como ven esa relación fluída co BNG, un partido de esquerda soberanista?

Dentro da asociación, imaxínese, hai de todo, e non só de España, hai xente de Venezuela, de Estados Unidos. O que buscamos é a verdade. Apóianos o BNG e pódenos axudar a buscar a verdade porque nos abre as portas de Europa? Pois benvido. Que nos axuda o PP? Pois estariamos encantados de que nos abrise as portas de Renfe e Adif e vísemos toda a documentación. Que nos apoia Ciudadanos, Podemos...? Non somos de ningún partido político. O que buscamos é a verdade e o que pedimos é algo moi lexítimo e democrático. O que pasa é que precisamente cando falan do uso político, é aos políticos aos que lles interesa situarnos nalgún sitio. Pero é difícil situarnos cando no tren ía Teresa Gómez-Limón, membro da asociación moi activa, e era deputada do PP e logo chamábaa o agora ministro Catalá para presionala e que non pedise a dimisión [dos presidentes] de Renfe e Adif. Son un pouco absurdas estas cuestións.

"É estraño que se formase a outra asociación ao día seguinte porque no noso caso está formada por familiares que perderan a vítimas, eu estaba no hospital, e cun accidente destas características, pois á xente cústanos reaccionar"

Durante os primeiros meses tras o accidente outra asociación de vítimas tivo máis protagonismo, pero fai xa máis de tres anos que é a súa plataforma a maioritaria e a que está a impulsar máis claramente a investigación xudicial. Por que houbo aquela división?

Non houbo ningunha división. É estraño que se forme unha asociación ao día seguinte porque no noso caso está formada por familiares que perderan a vítimas, eu estaba no hospital, e ata que se forma unha asociación, cun accidente destas características, pois á xente cústanos reaccionar. Naquel momento xurdiu unha asociación que non tivo case ningún tipo de actividade. Moita xente desa asociación que se formou ao principio está incorporada xa na plataforma e nós consideramos que a plataforma agrupa xa á xente da asociación precisamente por esa falta de actividade.

Como van as súas feridas?

Pois ben, pero irían mellor se soubese o que ocorreu e todos os responsables pagasen por iso e a xente o soubese. Habería xustiza para as vítimas e ademais mellorariamos a seguridade, porque en tren imos todos. E que as cousas cambien, que non sexan os políticos os que deciden cando se inaugura un tren ou unha liña, benefícianos a todos.

Entrevista a Jesús Domínguez, presidente da plataforma de vítimas do Alvia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.