0 Gardados para despois

O Congreso debaterá a investigación de Angrois, "absurda" e "miserable" para o PP

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado 25 de febreiro os seis representantes de En Marea no Congreso presentaban no Congreso, xunto a Compromís e membros da Plataforma Víctimas Alvia 04155, a solicitude de constitución dunha comisión de investigación do accidente ferroviario acontecido na parroquia compostelá de Angrois en xullo de 2013. Retomábase así unha petición formulada en varias ocasións por BNG e IU durante a anterior lexislatura e vetada en todas elas pola maioría absoluta do PP. A vindeira semana o pleno do Congreso volverá abordar ese debate, aínda que co risco de que, no caso de aprobarse, a comisión non chegue a botar a andar se finalmente cómpre repetir as eleccións xerais. Para o PP, esa investigación sería "absurda" e "miserable".

Vinte días despois de que os populares impedisen que o asunto fose tratado pola vía de urxencia, a Xunta de Portavoces da Cámara Baixa deulle luz verde á inclusión da solicitude de comisión pola vía ordinaria. Os únicos votos en contra foron os do PP, mentres que o PSOE, que na anterior etapa optara pola abstención -tamén no Parlamento de Galicia-, deu o seu voto favorable.

A voceira de En Marea, Alexandra Fernández, "celebra" esa mudanza na postura dos socialistas, pero "con cautela". Se finalmente os de Pedro Sánchez se reafirman nesa postura, di, estarían "rompendo a gran coalición de silencio que mantiña co PP" a respecto do descarrilamento do Alvia. "Lamentamos que se En Marea non pelexase con insistencia por reabrir o debate, o tema quedaría soterrado para sempre", di.

A comisión ficará extinguida se cómpre repetir as eleccións xerais

Resta coñecer, non obstante, cal será a postura dos socialistas no pleno en que se decidirá se a comisión é ou non creada. Dado que está previsto que o debate se produza o mércores 26, na segunda xornada da derradeira rolda de consultas do rei á procura dunha eventual candidatura á investidura, cabe agardar que o PSOE chegue a esa sesión sabendo xa se poderán gobernar ou se, pola contra, as eleccións de xuño son xa inevitables. No caso de que o escenario fose de repetición electoral, o seu apoio á constitución da comisión e a aprobación da mesma non terían efectos prácticos, xa que en virtude do artigo 51 do regulamento do Congreso, todas as comisións non permanentes fican "extinguidas" coa disolución da Cámara.

Hernando (PP) coida que constituír unha comisión sobre "o accidente de 'Angruás" supón "utilizar os mortos con motivos políticos"

Sexa como for, o apoio do PSOE suscitou xa unha reacción irada nas filas do PP, cuxo voceiro, Rafael Hernando, non aforrou cualificativos cara á petición formulada por En Marea. A medio camiño entre a ironía e o anoxo, o parlamentario conservador considerou que crear "unha comisión de investigación de investigación sobre o accidente de Angruás -referiuse deste xeito á parroquia compostelá durante toda a súa intervención-" supón "rebaixar este Parlamento á nada", unha petición "absurda" que agora conta "coa axuda do PSOE".

Alexandra Fernández (En Marea): "Queremos evitar que os responsables gocen de impunidade política"

É "absurdo", abonda Hernando, porque "o primeiro que tería que comparecer" nesa comisión "sería, precisamente, o goberno do señor Zapatero" e, nomeadamente, "o señor [José] Blanco", porque "foi o que deseñou o trazado dese tren e aprobou as distintas medidas de seguridade", di, obviando entre outros aspectos que o sistema de freado automático permaneceu desactivado xa no mandato do PP, cando se produciu o accidente. Dende o seu punto de vista, a petición de En Marea, -á que cualifica de "rareza"- é tanto como "utilizar os mortos dun accidente con motivos políticos", xa que "todo o mundo sabe" que o tren descarrilou "porque o condutor do tren non respectou os sinais", provocando a morte de "oitenta e nove" persoas -foron 81-. "É miserable" e "deleznable", "non todo vale en política", conclúe.

As verbas de Hernando non foron ben acollidas no seo da plataforma de vítimas Alvia 04155, que en declaracións á axencia Europa Press lembraban este martes que foran elas quen pediran a comisión e, polo tanto, cabía concluír que o cualificativo de "miserables" ía dirixida tamén a elas. Mentres, dende En Marea Alexandra Fernández subliña que é a "tenacidade" deste colectivo o que permite que, chegado o caso, "o conxunto da sociedade poida levar a cabo este acto de reparación". "Queremos evitar que este tipo de catástrofes ferroviarias se volvan repetir" e que "os responsables" non gocen "de impunidade política", advirte.

Rafael Hernando (PP) ve "miserable" pedir unha investigación sobre "Angruás"

Rafael Hernando refírese repetidas veces á parroquia compostelá de Angrois como "Angruás" durante o seu rexeitamento á investigación da comisión de investigación sobre o Alvia (imaxes tiradas da retransmisión ofrecida polo PP).

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.