0 Gardados para despois

Catro anos de reproches dos xuíces a Adif pola súa “complexidade”, que dificulta aclarar Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O accidente do tren Alvia en Santiago, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, cumpre este luns catro anos sen que as vítimas recibisen aínda xustiza nin agarden obtela a curto prazo. O maquinista do tren, Francisco José Garzón, que se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois, está imputado desde aquel momento, pero non foi ata o pasado marzo que o segundo xuíz instrutor da causa imputou tamén ao ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, pola súa posible responsabilidade ao non avaliar o risco da curva e habilitar medidas de seguridade que evitasen ou paliasen o erro humano do condutor. Durante estes catro anos, tanto os dous xuíces instrutores que tivo a causa como os maxistrados da Audiencia Provincial da Coruña veñen lamentando a dificultade que lles supón para aclarar as responsabilidades penais do caso a “complexidade” e “fragmentación” tanto da estrutura organizativa de Adif como da normativa ferroviaria, unha "complexidade" sobre a que a propia Adif declina pronunciarse.

O aniversario do accidente chega tras a recente imputación do ex-director de Seguridade da empresa pública pola súa “actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” da liña

O pasado 28 de xuño, no auto co que ratificou a imputación de Cortabitarte como presunto responsable “dunha actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” da liña, a Audiencia da Coruña admitía que “estamos nun ámbito de difícil aprehensión” e lamentaba o “enrevesado encadeamento de remisións normativas” a respecto de quen e como debía realizar esa avaliación de riscos. Pero xa o primeiro xuíz instrutor do caso, Luis Aláez, salientaba ás poucas semanas do accidente a “descentralización, especialización e fragmentación de funcións e de tarefas” nesa empresa pública como un problema para atopar responsables. Unha Adif que se negara inicialmente a identificar os cargos responsables da seguridade na liña de AVE Ourense-Santiago como lle pedira o xuíz e que máis adiante demoraría ou obviaría en varias ocasións a entrega da documentación que este lle pedía.

O 9 de maio de 2014, ao imputar a varios cargos de Adif logo desimputados pola Audiencia Provincial, entre eles Cortabitarte, o instrutor salientaba nun auto que foran “responsables de Adif os que idearon esa conexión ferroviaria complexa e novidosa entre Ourense e Santiago”. E insistía en que “deixáronse prevalecer determinados intereses na creación dese novo enlace ferroviario entre Ourense e Santiago de Compostela polos responsables de velar prioritariamente pola seguridade, que conduciu á construción dun complexo enlace ferroviario que non ten as medidas de seguridade suficientes”.

Ao comezo da instrución Adif negouse a identificar os seus cargos con responsabilidade en cuestións de seguridade e o actual xuíz segue a considerar "complexa" a estrutura organizativa da empresa pública

O segundo e actual xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, non afondou nas posibles responsabilidades de Adif máis alá do maquinista ata que así llo ordenou a Audiencia ao reabrir hai un ano a instrución que o maxistrado xa quería pechar. Porén, tamén el salientou antes diso, nun auto en outubro de 2015, que “a materia que aquí nos ocupa entraña unha complexidade técnica que non é habitual”. O pasado marzo, despois de meses analizando o proceso co que Adif autorizou a posta en servizo da liña, o xuíz acaba imputando a Cortabitarte tras unha longa exposición de feitos que realiza para “determinar, dentro da complexa estrutura de Adif, a quen compete o deber de realizar a avaliación de riscos que foi omitida”.

En maio de 2016, cando lle ordenou ao segundo xuíz reabrir a instrución, a Audiencia da Coruña tamén se pronunciara sobre o funcionamento interno de Adif recuperando o adxectivo “fragmentario” que xa empregara o primeiro instrutor. O tribunal dicía que “é a Adif a quen compete definir o seu método de avaliación e xestión de riscos para cumprir os estándares esixidos pola normativa e levouno a cabo dunha forma que cabe considerar fragmentaria” o que fixo que “non exista un estudo integral da liña [Ourense-Santiago] que permitiría avaliar o risco da curva e adoptar decisións sobre o perigo que concretamente supuña”. Naquel mesmo auto a Audiencia tamén sinalaba, en referencia á normativa de aplicación para avaliar os riscos, que “nos atopamos nun ámbito sumamente específico e técnico e de difícil aprehensión desde unha perspectiva xurídica [...] que fai que non sexan identificables claramente mandatos concretos e específicos que poidan considerarse aberta e nitidamente incumpridos”.

Un ano despois, ao ratificar o pasado 28 de xuño a imputación de Cortabitarte, a mesma Audiencia incide no “enrevesado encadeamento de remisións normativas” e inclúe na súa argumentación un parágrafo que pode servir de exemplo das ambigüidades que están tendo que desentrañar os xuíces e ás que se refiren con expresións tan pouco tallantes como “cabe deducir” ou “é razoable entender”: “Sendo forzoso no caso o cumprimento da ETI do subsistema MCS e non constando con claridade que a mesma estableza como obrigatorio o método do RMCS, é razoable entender que dita ETI, e en consecuencia o método EN 50126, poida ser considerada código práctico a efectos de control dos perigos”.

Varios avogados presentes na causa lamentan que deberan ser os xuíces os que interpretasen as normas e dixesen cales son de aplicación ao caso e en que medida, e non preguntarllo á UE

Varios avogados presentes na causa lamentan que deberan ser os xuíces os que interpretasen as normas e dixesen cales son de aplicación ao caso e en que medida. Porén, ante a súa incapacidade para determinar que normativa é aplicable no AVE Ourense-Santiago e a “controversia” que admiten que existe ao respecto entre dous peritos xudiciais, o instrutor decidiu preguntar á Axencia Ferroviaria Europea “se era normativa e/ou tecnicamente necesaria unha avaliación integral do risco que tivera en conta a situación de perigo concretamente existente na curva en que se produciu o accidente”. Da súa resposta dependerá en gran medida o futuro da instrución do caso aos catro anos do accidente e da imputación, xunto co maquinista, do director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, como a persoa que para os xuíces era "indiciariamente" responsable de avaliar eses riscos.

Liña de tempo interactiva

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.