PP e PSOE impoñen a súa orde de comparecentes na comisión sobre Angrois por riba do que pedían as vítimas

Mesa da comisión de investigación sobre Angrois na súa sesión de constitución Dominio Público Congreso dos Deputados

As 49 comparecencias, entre as que están as dos ex-ministros de Fomento Blanco e Pastor, abriranse a finais deste mes cos propios afectados, que querían pechalas para así matizar as inexactitudes que dixesen o resto de comparecentes

Vítimas do accidente do tren Alvia, que o 24 de xullo de 2013 descarrilou por exceso de velocidade deixando 80 mortos na curva de Angrois, serán as encargadas de iniciar, a finais deste mes de xuño, as 49 comparecencias finalmente acordadas este xoves polos grupos parlamentarios integrantes da comisión de investigación política sobre o sinistro no Congreso. Malia que a plataforma de afectados, que coa súa loita logrou a creación desta comisión, reclamaba ser ela a que pechase a serie de comparecencias para poder matizar con documentos e datos as inexactitudes que puidesen declarar os comparecentes previos, PP e PSOE impuxeron que sexan elas as que inicien as declaracións.

Así, tras as declaracións dos técnicos, os que rematarían as comparecencias, dentro de varios meses, serían os cargos políticos, entre eles os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor. O socialista estaba no cargo cando en 2011 se inaugurou a liña e cando en 2010 se modificou o proxecto orixinal e con el a seguridade da curva de Angrois. A popular era ministra cando ocorreu o accidente e cando en 2012 Adif autorizou a Renfe a que os trens Alvia desconectasen o sistema de control constante da velocidade.

Os socialistas limitáronse a deixar aberta a porta a que, a medida que avancen as comparecencias, os grupos poidan decidir sobre a marcha que as vítimas volvan intervir ao final do resto de comparecencias

A plataforma de vítimas de Angrois pedira expresamente ao PSOE ser os últimos en comparecer na comisión, e salientaron a varios dos seus deputados que a postura socialista sería determinante ao contar tamén co apoio de Unidos Podemos-En Marea e Ciudadanos. Pero finalmente os socialistas situáronse a carón dos populares e impuxeron que os afectados sexan os primeiros en intervir. Segundo varias fontes consultadas, os socialistas limitáronse a deixar aberta a porta a que, a medida que avancen as comparecencias, os grupos poidan decidir sobre a marcha que as vítimas volvan intervir ao final do resto de comparecencias.

Desde En Marea a deputada Alexandra Fernández xustificou que o seu e outros grupos acabaron aceptando a proposta dos socialistas de deixar aberta esa posibilidade porque de forzarse este xoves unha votación en sentido contrario a perderían dada a maioría que sumarían PP e PSOE. Este diario intentou sen éxito obter a versión da deputada socialista galega Pilar Cancela, que encabezou as negociacións do PSOE tanto na sesión da comisión deste xoves como coas vítimas, cuxa petición non atendeu.

A plataforma de afectados polo sinistro considera que as declaracións de maquinista e interventor non achegarán nada novo nunha investigación política como a do Congreso

As vítimas tamén recean da decisión, a petición do PP, de que compareza o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, imputado na causa xudicial por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois sen que existise ningún sistema de seguridade activo que evitase ou paliase o seu erro humano previsible. Os socialistas tamén lograron a comparecencia do interventor do tren que realizou a chamada telefónica que estaba atendendo o maquinista cando se produciu o accidente. A plataforma de afectados polo sinistro considera que as declaracións de maquinista e interventor non achegarán nada novo nunha investigación política como a do Congreso. Malia que tería a obriga de comparecer na Cámara, o maquinista podería argumentar que non quere declarar nada por estar baixo investigación xudicial.

Tanto o maquinista como os directores de seguridade de Adif e Renfe poderían negarse a declarar durante a súa comparecencia por estar os tres imputados na causa xudicial

Nesa situación de poder manter o silencio durante a súa comparecencia estarían tamén outros dous citados, os ex-directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, respectivamente, os dous imputados na causa xudicial por entender os xuíces que puideron non actuar como lles obrigaba a normativa ante o risco existente en Angrois.

Este xoves tamén se acordou que as comparecencias se produzan con formato de interrogatorio, isto é, que os grupos poidan repreguntar e non que os comparecentes se limiten a realizar unha exposición. Igualmente, o presidente da comisión, Feliu Guillaumes, avanzou que pedirá á Mesa do Congreso que se habilite o mes de xullo para que tamén nel poidan realizarse comparecencias a un ritmo que espera que sexa de dúas sesións semanais con tres comparecentes por sesión.

Vítimas do accidente de Angrois ante o Congreso dos Deputados Dominio Público Plataforma Vítimas Alvia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.