0 Gardados para despois

Vítimas de Angrois ven infrutuosa a súa xuntanza con Ana Pastor tras dous anos de espera

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, recibiu este xoves o presidente da plataforma de vítimas do accidente de Angrois, Jesús Domínguez, case dous anos despois de non avisalo de que non acudiría a unha reunión que concertara con el para xusto o mesmo día en que deixou de ser ministra de Fomento. No encontro deste xoves, que Domínguez considerou infrutuoso, Pastor aseguroulle, segundo comunicou el mesmo, que ela deu a orde de que o sinistro fose investigado de forma correcta. Porén, a xustiza e a UE ratificaron que non foi así e que Fomento só tentou culpar o maquinista do descarrilamento do tren nunha liña de AVE na que non había activo ningún sistema que evitase ou paliase o erro humano do condutor, o que provocou 80 mortes.

A presidenta do Congreso e ministra de Fomento no momento do accidente asegura ás vítimas que deu orde de que a investigación do sinistro fose correcta, pero a xustiza e a UE certificaron que non foi independente

O obxectivo das vítimas no encontro era reclamarlle a Pastor que pedise perdón de xeito público pola súa xestión do sinistro. A plataforma lembra que, tras o accidente, cando compareceu no Congreso, a daquela ministra garantiu a independencia da comisión que realizou a investigación oficial do sinistro e que concluíu facendo responsable do mesmo só ao maquinista do Alvia. Porén, a Unión Europea e a xustiza negaron posteriormente esa independencia. Do mesmo xeito, nesa comparecencia Pastor prometera a colaboración permanente coa xustiza do ministerio e das empresas públicas Adif e Renfe, pero posteriormente o xulgado instrutor da causa acabaría apercibíndoas por non entregar documentación que este lles reclamara.

As vítimas reprochan a Pastor que sendo ela ministra Adif autorizou a Renfe a que os Alvia circulasen entre Ourense e Santiago sen o sistema de control constante de velocidade

Pero as vítimas repróchanlle a Pastor especialmente que foi sendo xa ela ministra cando, un ano e medio antes do sinistro, Adif autorizou a Renfe a que os trens Alvia circulasen entre Ourense e Santiago co sistema de control constante da velocidade (ERTMS) desconectado porque fallaba sen que fose reparado ata que ocorreu o accidente. As vítimas critican a Pastor que, tras o sinistro, non adoptase ningunha medida contra os técnicos que autorizaron esa desconexión, os directores de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, e Renfe, Antonio Lanchares, que agora son o foco principal da causa xudicial, na que están imputados.

Pastor comunicou o desbloqueo da comisión política de investigación; varias fontes apuntan a un acordo para que a presida o PDeCAT, algo que se deberá votar o vindeiro día 18

Por outra banda, segundo o presidente das vítimas, Pastor comunicoulle que os grupos parlamentarios desbloquearon a comisión de investigación política do sinistro, aprobada polo Congreso hai máis de medio ano pero que aínda non se constituíra por discrepancias sobre quen a debe presidir. Varias fontes apuntan a que hai un acordo para que sexa un deputado do PDeCAT, algo que se deberá votar o próximo mércores, na sesión constitutiva da comisión.

Tras o encontro deste xoves o presidente dos afectados lamentou saír do mesmo só con boas palabras pero sen ningún compromiso político novo para que se esclareza todo o sucedido arredor do accidente máis alá da reiterada apelación de Pastor a estar xunto ás vítimas. Domínguez insistiu na necesidade de que a comisión de investigación política non se vexa interferida por intereses partidistas para que nela se depuren todas as responsabilidades sobre a xestión do sinistro que non serán analizadas na causa penal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.