A Audiencia da Coruña reitera que a investigación oficial sobre Angrois non foi independente

Fragmento do auto ditado pola Audiencia da Coruña o pasado 31 de marzo CC-BY-SA Praza Pública

Non existiu unha investigación técnica independente sobre o sucedido no accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas ao desacarrilar o tren Alvia nas proximidades de Santiago o 24 de xullo de 2013. Así o expresou a Audiencia Provincial da Coruña cando, en maio de 2016, rectificou o xuíz instrutor e ordenou reabrir a investigación sobre o sinistro, no mesmo sentido o ratificou a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) en xullo do mesmo ano e nun ton idéntico o vén de reiterar a propia Audiencia coruñesa. As pescudas oficiais sobre o accidente, realizadas pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento non foron independentes.

A Audiencia coruñesa vén de notificar un auto que, datado no pasado 31 de marzo, resolve varios recursos interpostos na instrución por, entre outras, a Plataforma Víctimas Alvia 04155, a asociación de persoas afectadas polo accidente APAFAS e mais o avogado do maquinista do tren. Segundo consta no auto a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, os recursos referíanse a aspectos como a petición de remuda de varios peritos da investigación -con mención explícita á peritaxe plaxiada, aspecto sobre o que a Audiencia non se pronuncia- e a súa substitución por técnicos da ERA e tamén, no caso da plataforma de vítimas, á retirada da investigación da CIAF, precisamente por non ser independente.

A sección sexta da Audiencia decidiu rexeitar estes recursos -non ve "irregularidades" no proceder dos peritos e considera axeitado o seu labor, di entre outros argumentos-, tamén o relativo ao informe da CIAF, que situou o maquinista como único culpable, pero na súa argumentación incide na falta de independencia. Así, este novo auto fai seu o criterio expresado na reapertura da investigación, cando a Audiencia considerou que "certamente, dada a orixe" dos "compoñentes" da CIAF, con dependencia directa de Fomento e das entidades do Ministerio, este informe "non pode ser tido como unha avaliación de axentes independentes non concernidos polo suceso obxecto do proceso penal", isto é, polo propio accidente, "que é precisamente o que determina a necesidade de pericias xudiciais".

O tribunal rexeita eliminar o informe da CIAF da instrución, pero resalta que será "avaliado tendo en conta, entre outros factores", que non é unha investigación independente 

Neste contexto, a Audiencia considera que o feito de que despois a Axencia Ferroviaria Europea concordase en que o informe da CIAF "non é válido como investigación independente" non o "invalida" como "elemento de interese para a investigación penal". Este documento, indica, terá que ser considerado como "un máis dos moitos existentes" na investigación, e "como todos", terá que ser "avaliado tendo en conta, entre outros factores", esa falta de independencia. "Pero non por isto ten que ser eliminado do proceso", conclúe a sala.

A constatada falta de independencia da CIAF no momento de realizar esta investigación é un dos motivos centrais que leva a Plataforma Víctimas Alvia 04155 a esixir unha nova investigación técnica, ademais dunha política, con persoal independente. No entanto, o Ministerio de Fomento vén insistindo en que non pode pedir unha nova investigación á CIAF porque agora si é independente -a súa composición mudou para evitar unha sanción da UE-. O horizonte anúbrase aínda máis porque, como adiantou Praza.gal, no seo da CIAF considérase que non existe "nada que xustifique reabrir o caso", malia a abundancia de novas informacións ao respecto. Ademais, dende finais do pasado marzo preside a CIAF o enxeñeiro e profesor Fernando Montes que, como relatou este diario, viu no seu momento "adecuada" a seguridade de Angrois.

Este novo avance no longo proceso xudicial sobre o accidente de Angrois chega nun momento procesual no que boa parte dos focos están sobre o antigo xefe de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, investigado por presuntos delitos de homicidio e lesións por imprudencia, quen o pasado día 4 se negou a declarar á espera de que se resolvan os recursos sobre a súa imputación. Mentres, a argumentación oficial do Goberno de España e das súas empresas públicas segue a ser erosionada por constatacións xudiciais e técnicas de que o risco da liña non foi avaliado como correspondía.

Auto da Audiencia da Coruña que cualifica a CIAF como non independente Dominio Público Praza Pública
Conclusións da CIAF culpando do accidente ao despiste do maquinista Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.