0 Gardados para despois

Fomento propón para investigar accidentes de tren un experto que viu "adecuada" a seguridade de Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Fomento propón o enxeñeiro e profesor Fernando Montes, vogal da CIAF desde 2014 e que en 2013 consideraba “adecuada” a seguridade existente en Santiago

A Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados reúnese este martes ás once da mañá para acoller a comparecencia e votación como novo presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do enxeñeiro e profesor Fernando Montes Ponce de León, proposto polo Ministerio de Fomento. A CIAF foi o organismo encargado da análise técnica do accidente de tren de Santiago que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos, do que concluíu que o único responsable fora o maquinista. A CIAF vén rexeitando reabrir esa investigación, como reclaman as vítimas, argumentando que non hai datos novos que a leven a facelo, malia que o xulgado que instrúe a causa penal, na que influíra no seu momento o ditame técnico, vén de sinalar agora unha incorrecta análise por parte de Adif do risco existente dun erro humano como o ocorrido, polo que acaba de imputar un ex-director desa empresa pública.

Segundo o ministerio, a súa votación no Parlamento garante a súa independencia, e esta impide ao Goberno ordenarlle que reabra a análise técnica do accidente

O pasado xullo a Axencia Ferroviaria Europea criticou duramente a investigación realizada pola CIAF, da que dixo, como tamén considera a Audiencia Provincial da Coruña, que non era independente cando analizou o accidente de Angrois. Desde aquela o Goberno modificou o procedemento de nomeamento do presidente da CIAF, que antes designaba directamente Fomento e que agora debe ser avalado polo Congreso dos Deputados nunha sesión como a de este martes. Ese novo procedemento, que para a Unión Europea xa garante a independencia da CIAF, é o que impide, segundo a argumentación do Goberno, que Fomento lle poida pedir que reabra a investigación. Se agora é independente, a reapertura da investigación tería que ser unha decisión da propia CIAF, de aí a posible relevancia dun cambio na súa presidencia.

Porén, o novo presidente da CIAF proposto por Fomento xa consideraba en novembro de 2013, antes incluso de que a investigación técnica rematase medio ano despois, que os sistemas de seguridade existentes en Santiago “eran os adecuados” e apuntaba á responsabilidade do maquinista, Franciso José Garzón, tamén imputado na causa penal, que se despistara e non freara a tempo antes da curva de Angrois logo de recibir unha chamada do interventor do tren.

Fernando Montes Ponce de León, agora proposto para presidir a CIAF, é enxeñeiro e profesor universitario, experto en sinalización ferroviaria e, en particular, no desenvolvemento do sistema de control constante da velocidade ERTMS, propio do AVE, que en Santiago Adif permitira desactivar e non puido así evitar ou paliar o erro do maquinista. Montes é vogal da CIAF desde xullo de 2014, un mes despois de que ese organismo rematase a súa investigación sobre Angrois. Pero como experto na materia, Montes participara previamente tanto na comisión técnico-científica que Fomento creou tras o accidente para propor melloras de todo tipo en toda a rede ferroviaria española como na subcomisión política de análise e mellora creada á súa vez no Congreso. Neste último foro compareceu Montes o 26 de novembro de 2013.

“Se os subsistemas que se puxeron en Santiago foron os adecuados. Pois a miña resposta é si, si. Así de sinxelo", respondía Montes en novembro de 2013 no Congreso

Alí, logo dunha exposición inicial xeral sobre os sistema de seguridade na rede ferroviaria española, a daquela deputada do BNG Rosana Pérez preguntoulle se todos eses sistemas de seguridade dos que acababa de falar eran os adecuados durante o accidente de Angrois, algo que agora o xulgado de instrución pon en dúbida. A resposta de Montes, segundo a transcrición do propio Congreso dos Deputados, foi a seguinte: “Se os subsistemas que se puxeron en Santiago foron os adecuados. Pois a miña resposta é si, si. Así de sinxelo, si, non me cabe a menor dúbida de que estamos no nivel adecuado. Houbo unha actuación horrible, foi un accidente horrible; a todos os que somos ferroviarios, a min chegábanme notas, correos de Europa de xente preguntándome polo accidente, e realmente foi horrible. Pero os sistemas que estaban postos alí eran os adecuados. Posiblemente non se atendeu aos procedementos que se debía atender, correctamente”. Eses procedementos, segundo vén defendendo Adif, deixaban no maquinista toda a responsabilidade de frear a tempo antes da curva de Angrois sen ningún sistema automático que o respaldase.

Sete meses despois daquelas consideracións, en xullo de 2014 Montes foi nomeado vogal da CIAF e agora Fomento propón que sexa o seu novo presidente, posto no que poderá propor ou non a reapertura da investigación técnica de Angrois. A última palabra sobre o seu nomeamento a terá este martes a Comisión de Fomento do Congreso, cuxos 37 membros se reparten da seguinte forma: 14 do PP, 9 do PSOE, 7 de Unidos Podemos-En Marea, 3 de Ciudadanos, 2 do Grupo Mixto (de Compromís e PDCat), 1 do PNV e 1 de ERC.

A lei permite que Fomento nomee directamente, sen capacidade de veto do Congreso, os cinco vogais que acompañan o presidente da CIAF, e este tamén sairía adiante por asentimento se En Marea non pedise debatilo

Unha reunión e votación a de este martes que se produce grazas a que así o solicitou En Marea, xa que a lei ferroviaria permite que Fomento saque adiante a súa proposta de presidente da CIAF por asentimento se no prazo dun mes o Congreso non pide supervisar a decisión. Esa mesma lei permite que Fomento nomee directamente os cinco vogais que acompañan ao presidente da CIAF, que actúan de forma colexiada con el, sen que estes poidan ser vetados polo Congreso.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

As vítimas trasladan á UE as súas dúbidas sobre a independencia actual da CIAF

Os afectados salientan que “se o Ministerio de Fomento é o que nomea, e segue a facelo” aos membros da CIAF -en particular os seus vogais, que non poden ser vetados polo Congreso-, estes “non poden ser independentes”

Este luns a Plataforma de vítimas de Angrois informou de que vén de remitir dous escritos á comisaria de Transporte da Unión Europea, Violeta Bulc, nos que amosan as súas dúbidas de que a CIAF sexa agora independente, como mantén Bruxelas, e lle preguntan polos seus seguintes pasos para investigar correctamente o sinistro.

As vítimas pregúntanlle á comisaria cando activará a Comisión Europea a investigación técnica “independente” do sinistro que lle reclamou o Parlamento Europeo. Una investigación que, nunha recente visita a Madrid, Bulc asegurou que non é competencia súa senón do Estado español, ao tempo que xustificou que o Goberno non poida agora pedirlle á CIAF que a realice para non vulnerar a súa independencia. Pero as vítimas preguntan que pensa facer a UE se ela mesma, a través da Axencia Ferroviaria Europea, certificou que España non investigou correctamente o sinistro tal e como esixe a normativa europea.

As vítimas tamén lle trasladan á comisaria as súas dúbidas sobre a suposta independencia da CIAF logo dos cambios na súa normativa introducidos polo Goberno e avalados pola UE. Os afectados salientan que “se o Ministerio de Fomento é o que nomea, e segue a facelo” aos membros da CIAF -en particular os seus vogais, que non poden ser vetados polo Congreso-, estes “non poden ser independentes”. “Quen os nomee ten intereses na causa investigada, sexa nosa ou futuras”, salientan.