0 Gardados para despois

A comisaria de Transportes da UE pecha as portas a unha investigación independente de Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A comisaria de Transportes da UE, a eslovena Violeta Bulc, pechou este luns en Madrid as portas a que o seu departamento lidere unha investigación técnica independente sobre o accidente de tren de Santiago que o 24 de xullo de 2013 provocou 80 mortos e 144 feridos. Esa investigación pediulla o Parlamento Europeo, amparándose nun ditame da Axencia Ferroviaria Europea que constatou que a análise do sinistro realizada polo Ministerio de Fomento non foi independente e centrouse en responsabilizar en exclusiva ao maquinista do tren Alvia. Bulc obviou a petición da Eurocámara e asegurou que esa non é unha competencia da Comisión Europea senón de España, que se vén negando con diversos argumentos. "Hai cousas que teñen que facerse en cada nivel, e non podemos ir máis alá", dixo a comisaria.

Violeta Bulc obvia a petición da Eurocámara de que lidere outra análise técnica do sinistro e déixaa en mans do Goberno, que a segue rexeitando

A comisaria Bulc reuniuse este luns pola mañá en Madrid co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e pola tarde os dous participaron nun coloquio sobre transportes aberto á cidadanía no Círculo de Bellas Artes da capital. Vítimas do accidente da curva de Angrois, co presidente da súa Plataforma, Jesús Domínguez, á cabeza, asistiron ao coloquio e formularon varias preguntas sobre a investigación do sinistro tanto a Bulc como a De la Serna. Bulc argumentou que a competencia da Comisión Europea é advertir das deficiencias das investigacións dos estados membros, pero que é competencia deles realizar esas investigacións. Esa argumentación deu pé ao ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para reiterar a súa argumentación de que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento agora xa é independente e que polo tanto o Goberno non pode ordenarlle que reabra a investigación.

A Plataforma de Vítimas de Angrois viña reclamando hai días a Bulc que atendese a petición do Parlamento Europeo de que lidere unha nova investigación técnica do accidente. O pasado xullo a Axencia Ferroviaria Europea ratificou que a investigación do sinistro realizada pola CIAF, na que se atribuíu toda a responsabilidade ao maquinista, non fora independente. Amparándose nese ditame da axencia europea, a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo reclamoulle á comisaria Bulc “unha investigación exhaustiva e independente do accidente”.

Fomento argumenta que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) agora xa é independente e que o Goberno non pode ordenarlle que volva analizar o sinistro

Desde Fomento, tanto coa anterior titular, Ana Pastor, como co actual, Íñigo de la Serna, arguméntase que agora a CIAF xa é independente e que polo tanto o ministerio non ten capacidade de ordenarlle que realice unha nova investigación. Porén, De la Serna reclamou formalmente esa investigación sendo alcalde de Santander cando Fomento xa fixera público ese suposto atranco legal, o que indigna ás vítimas.

Esa investigación técnica sobre Angrois realizada no seu momento pola CIAF, que tamén a Audiencia Provincial da Coruña considera “non independente”, serviu sen embargo de base ao actual xuíz instrutor da causa penal para tentar pechala co maquinista como único imputado. Porén, en maio do ano pasado a Audiencia ordenoulle reabrir a causa e investigar mellor se Adif tratou como debía os riscos que provocaban na liña de AVE Ourense-Santiago as diversas eivas de seguridade detectadas nela.

A causa xudicial debe dirimir se Adif estaba obrigado ou non a analizar o risco que existía na curva de Angrois

Nas últimas semanas un perito independente vén de ratificar que Adif non analizou eses riscos como estaba obrigado pola normativa ferroviaria, mentres que outro perito xudicial designado pola Xunta asegurou que nada obrigaba á empresa pública a analizar eses riscos. O empate das súas peritaxes contrapostas deixa agora nas mans do xuíz o seguinte paso na instrución.

Vítimas de Angrois protestan ante o ministro e a comisaria europea

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.