O novo ministro de Fomento nega ás vítimas de Angrois a investigación que apoiou como alcalde

Representantes das vítimas de Angrois, ante o Ministerio de Fomento Dominio Público Plataforma Víctimas Alvia 04155

"Nunca pensou que ía ser ministro". É a conclusión que tira a Plataforma Víctimas Alvia 04155 da xuntanza mantida este xoves con Íñigo de la Serna, o terceiro titular do Ministerio de Fomento ao que dirixen as súas demandas. A través da ex-deputada Teresa Gómez-Limón, vogal do colectivo, as vítímas lamentaron o que consideran todo un acto de "desfachatez". Acudían ao encontro para pedir "verdade, xustiza e responsabilidades" e, sobre todo, para poñer a proba a coherencia de De la Serna e comprobar se como ministro seguía a defender o "apoio expreso" que o pasado verán deu, como alcalde de Santander, á constitución dunha comisión de investigación sobre o accidente. A resposta foi un "non", lamentan e, polo tanto, aquela declaración non foi máis ca un exercicio de "cinismo e hipocrisía".

"O que fixo foi utilizar a dor das vítimas", di outro dos voceiros da plataforma, Jesús Domínguez. A esperanza coa que acudían vén de bater coa realidade política, lamenta: "Agora di que non vai pedir publicamente a comisión de investigación" e que "non vai crear a comisión técnica". "Levamos tres anos de loita e isto é unha tomadura de pelo", conclúe.

Cinco meses despois do "plantón" de Ana Pastor, que non acudiu á cita que fixara coas vítimas na xornada en que pasou do Ministerio á Presidencia do Congreso, a plataforma entregou a De la Serna un escrito con dúas peticións que partían do devandito "apoio expreso" á investigación sobre o accidente. Tratábase, explicaron antes do encontro, de "solicitarlle o cumprimento sen demora" dos "compromisos" que el reclamaba ao Goberno de España cando era rexedor: unha nova investigación técnica e outra, política, mais aínda tendo en conta que dende aquela houbo novidades como o feito de que Adif admitise que "omitiu por erro" durante tres anos información "relevante" sobre o accidente.

De la Serna deu "apoio expreso" á investigación de Angrois o pasado xullo, cando aínda era alcalde de Santander

No caso da investigación técnica a reclamación das vítimas susténtase na constatación, por parte da UE, de que a investigación de Fomento sobre o accidente non foi independente -dende aquela o órgano encargado das indagacións, a CIAF, foi reformado conforme ás recomendacións comunitarias para dotalo desa independencia-. A petición da plataforma é, concretamente, "unha comisión técnica independente" dirixida por membros da Axencia Ferroviaria Europea e con representación de Fomento e mais das propias vítimas -o Ministerio atende agora o requirimento europeo de que as vítimas participen nas investigacións de accidentes ferroviarios, pero só se o piden nun prazo determinado-.

As vítimas lamentan a negativa e censuran a "hipocrisía" e "cinismo" do novo ministro

A segunda petición non era máis que reclamar ao ministro que levase á práctica a decisión que apoiou cando, dende o Concello da capital cántabra, non dependía del. "Que inste publicamente o Goberno do que forma parte a crear unha comisión de investigación parlamentaria na que se depuren responsabilidades políticas". "Consideramos -di a plataforma- que despois de tres anos e medio loitando por esta causa xusta e, especialmente, no nome dos falecidos, asístenos o dereito" de que ambas comisións se creen, máis aínda cando De la Serna "foi o primeiro en comprometerse hai medio ano". Son peticións, lembran, que xa dirixiron "en incontables ocasións" a Ana Pastor.

A postura de Íñigo de la Serna a respecto da comisión de investigación de Angrois cando era alcalde contrastaba notablemente, case nas mesmas datas, coa mantida pola dirección estatal do PP, cuxo rexeitamento veu sendo moito máis duro que en Galicia, onde os populares tamén vetaron a comisión no Parlamento todas as veces que foi formulada na anterior lexislatura por AGE e BNG. Mostra disto foi a resposta ofrecida polo voceiro popular no Congreso, Rafael Hernando, a última vez que ata o momento foi solicitada a comisión nas Cortes.

O PP considerou no Congreso que pedir unha investigación política sobre Angrois é "miserable" e "absurdo"

Despois de constatar a tramitación da petición, rexistrada por En Marea, Hernando comparecera ante a prensa para considerar como "miserable" e "absurda" a esixencia de investigar as circunstancias no accidente acontecido, nas súas verbas, na parroquia santiaguesa de Angruás. No debate daquela petición, que foi rexeitada tamén polo PSOE, o voceiro popular na sesión cualificou de "demagóxica" a proposta e considerou que apoiala sería tanto como atentar contra a "separación de poderes".

De la Serna, este venres asumindo o cargo de ministro de Fomento ante Catalá e Pastor © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.