0 Gardados para despois

A Eurocámara insta a Comisión Europea a investigar o accidente de Angrois porque España non o fai

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A xestión das autoridades españolas no accidente de Angrois volve ficar en evidencia ante Europa. A Plataforma Víctimas Alvia 04155 interveu este martes ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para denunciar os "incumprimentos da normativa" europea de seguridade ferroviaria que, ao seu xuízo, provocou o sinistro no que en xullo de 2013 faleceron 80 persoas na compostelá curva da Grandeira, pero para tamén para esixir unha investigación "independente" do acontecido. "Confiamos no Parlamento Europeo para obtermos a verdade", proclamaron. E a Eurocámara atendeu a súa demanda ata onde chegan as súas competencias: instará formalmente a Comisión Europea, o 'goberno' da UE, a impulsar a investigación independente que España non fixo.

Tras escoitar as vítimas, representadas por Jesús Dóminguez e Teresa Gómez-Limón, e mais as intervencións dos grupos parlamentarios a presidenta da Comisión de Peticións, a liberal sueca Cecilia Wikström, dixo ver claro o que a propia Axencia Ferroviaria Europea, tamén representada na sesión, constatou nun informe feito público o pasado verán: "A obriga de investigar o accidente non se cumpriu de maneira adecuada" e por iso o Parlamento debe pedirlle á Comisión Europea que realice unha "investigación independente" e o faga o máis "rápido" posible. O executivo que dirixe Jean-Claude Juncker, engade Wikström, ten a "obriga" de "tomar este tema en serio" e "volver" á Eurocámara "cunha investigación independente".

"A obriga de investigar o accidente non se cumpriu de maneira adecuada", constata a Comisión de Peticións da Eurocámara tras escoitar as vítimas do accidente

O acordo -que a Comisión Europea ten agora a facultade de cumprir ou non- satisface no esencial o reclamado pola plataforma. "Como cidadáns europeos -sinalou Jesús Domínguez ante os eurodeputados- fomos vítimas dun gravísimo accidente por incumprimento da normativa en materia de seguridade ferroviaria por parte do Estado español. Vulneráronse os dereitos á vida e á seguridade" e por iso "necesitamos a Europa para que se abra unha verdadeira investigación" e refrende, di, que o Goberno de España "non avaliou" os riscos cando modificou o proxecto da liña Ourense-Santiago nin cando na curva de Angrois se "desconectou o sistema de seguridade" de freado automático "porque xeraba atrasos". Nin sequera "cando o xefe de maquinistas de Ourense enviou aos seus superiores un correo advertindo do perigo da curva", escrito que a plataforma amosou aos presentes.

"Se se cumprise a normativa europea o accidente non ocorrería", reitera a Plataforma, que por medio de Gómez-Limón denuncia ademais un exercicio de "publicidade enganosa" por parte de Fomento que, afirma, tamén transgrede a normativa comunitaria. Ao anunciar a liña como alta velocidade sen ter os sistemas de seguridade adecuados o Goberno español "levounos á convicción de que era unha liña segura e a tomarmos a decisión de viaxar". Foi, resume, "publicidade enganosa por parte do Estado co resultado dunha catástrofe que non se pode repetir".

Avisos sobre a falta de seguridade na liña Ourense Santiago e a desconexión do freado automático, amosados polas vítimas de Angrois á Comisión de Peticións da Eurocámara

As vítimas, acompañadas en Bruxelas pola voceira do BNG nas institucións comunitarias, a futura eurodeputada Ana Miranda, recibiron apoio ás súas demandas por parte de todos os grupos políticos presentes coa única excepción do PP. Así, dende o grupo confederal da esquerda tanto Lidia Senra (AGEe) como Marina Albiol e Ángela Vallina esixiron a apertura dunha nova investigación e reprocharon a actitude do Goberno de España. O mesmo sucedeu nas intervencións de Tatjana Ždanoka, polos Verdes-ALE, de Beatriz Becerra (ex-UPyD) e do socialista Sergio Gutiérrez, quen instou as autoridades a achegar "toda a información" que solicitan as vítimas, ademais de reclamar "axilidade" na investigación xudicial reaberta por orde da Audiencia da Coruña-.

A petición das vítimas recibiu apoio de todos os grupos políticos agás o PP, que subliñou a "independencia" do "poder xudicial en España"

Ao proceso xudicial en marcha foi, precisamente, ao que se aferrou a eurodeputada do PP Rosa Estarás para evitar apoiar as demandas da plataforma. "O poder xudicial é independente en España e daranos luz sobre este tema", proclamou, antes de considerar que "aquí hai unha contradición entre o que din os informes" da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios do Ministerio de Fomento e "o que di o informe europeo". "A CIAF di que é independente e o informe europeo, que non o é", sinala, obviando que esta comisión foi reformada despois dunha ameaza de sanción europea precisamente por falta de independencia e tras elaborar o informe sobre Angrois, no que consideraron o maquinista como único responsable do acontecido.

Non en van, o representante da Comisión Europea na sesión deste martes volveu a advertir da posibilidade dunha sanción a España se a independencia da CIAF non fica "reflectida axeitadamente". No mesmo sentido, o director da Axencia Ferroviaria Europea, Josef Doppelbauer, ratificou tras escoitar as vítimas o que xa expresara por escrito o pasado ano: "A investigación de España non cumpriu os requisitos da directiva europea de seguridade", xa que "o accidente non foi obxecto dunha investigación a fondo".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Ana Miranda (BNG): "Agardamos unha esixencia de responsabilidades políticas"

A voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, considerou este martes que a constatación de que as autoridades españolas realizaron unha investigación deficiente sobre o accidente de Angrois é unha "vitoria" que completa o "sinal positivo" de que as vítimas fosen escoitadas e que agora cómpre completar cunha "esixencia de responsabilidades políticas".

Miranda acompañará as vítimas na súa nova xuntanza coa Axencia Ferroviaria Europea

En compaña dos membros da Plataforma Víctimas Alvia 04155, cos que xa realizara xestións ante as autoridades comunitarias para a obtención do informe sobre o sinistro, Miranda considerou que a Comisión Europea debe deixar claro que cómpre ir alén da responsabilidade do maquinistas. "Temos un informe que cuestiona as causas" do sinistro e por iso, resalta, "agradecemos moito que o Parlamento Europeo, despois de moitas tensións e despois de que o informe fose ralentizado, reciba as vítímas".

Estas demandas serán expostas pola plataforma e pola propia Miranda este mércores nunha nova xuntanza co director da Axencia Ferroviaria Europea. Entre os asuntos dese encontro, adianta, estará a petición de que o responsable deste organismo, Josef Doppelbauer, "acceda a declarar" nos xulgados galegos para "esclarecer causas e responsabilidades do sinistro". A actitude de "escoita" das institucións comunitarias, resalta, contrasta co tratamento que as vítimas recibiron das autoridades españolas e galegas.