0 Gardados para despois

As vítimas de Angrois logran a comisión de investigación sobre o accidente que piden dende 2013

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Máis de catro anos despois de que o descarrilamento do tren Alvia no lugar compostelán de Angrois provocase a morte de 80 persoas e feridas a outras 144, as vítimas do sinistro veñen de lograr unha das súas principais demandas: a apertura dunha investigación política sobre o accidente. O pleno do Congreso aprobou este xoves a petición conxunta de PSOE e En Marea para, en presenza dunha delegación da Plataforma Víctimas Alvia 04155, crear unha comisión á que só se opuxo o PP xunto aos seus aliados UPN e Foro Asturias.

O anunciado cambio de criterio do Grupo Socialista desequilibrou a balanza a prol do "si" onde antes houbera un bloqueo sistemático ás reclamacións das persoas afectadas polo sinistro. "Sentimos o atraso, pero camiñaremos xuntos", dixo ás vítimas dende a tribuna no nome do PSOE a deputada galega Pilar Cancela. "Chegamos aquí polo voso tesón, pola vosa loita; o mérito é todo voso", admitiu tras explicar que a "nova posición política" do seu partido ten a súa orixe en "novidades que non podemos obviar", tanto as procedentes da investigación xudicial do caso como da Axencia Ferroviaria Europea.

"Existen indicios dunha actuación deficiente na avaliación de riscos" na curva da Grandeira, recoñece Cancela. A falta de independencia na investigación técnica oficial, o xeito en que os riscos foron deitados sobre o maquinista ou o papel do imputado ex-xefe de seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, son factores que ao seu xuízo fan "necesario poñer en marcha" esta comisión.

Pilar Cancela (PSOE), ás vítimas: "Sentimos o atraso, pero camiñaremos xuntos"

"Agradecemos que, despois de tres intentos, se sumase o Grupo Socialista", retrucou Alexandra Fernández pola banda de En Marea. A comisión que agora sae adiante, di, foi unha demanda "persistente" das vítimas que no ámbito político padeceu "unha carreira de obstáculos e vetos". "Tiveron que chegar a instancias europeas porque aquí sempre se atoparon cun bloqueo", pero tamén cun silencio "escandaloso" do Goberno de España ante a evidencia de que a investigación oficial non foi independente, tal e como constataron a Audiencia Provincial da Coruña e mais a UE.

Alexandra Fernández (En Marea) lembra que as vítimas "tiveron que chegar á UE porque aquí sempre atoparon bloqueo" e censura que o PP tente "ocultar a verdade"

A "falta de avaliación de riscos", o aviso non atendido do xefe de maquinistas de Ourense, a "desconexión do sistema de seguridade porque xeraba retrasos" son a xuízo de Fernández motivos dabondo que sustentan a apertura desta investigación. "Como poden dicir que non?", cuestionou aos populares. "Se se negan, a quen deberían investigar é a vostedes para saber por que tratan de ocultar a verdade", concluíu.

Coa aprobación da iniciativa xa garantida -grupos como Ciudadanos e PNV tamén interviñeron para facer explícito o apoio- accedeu á tribuna o deputado ourensán Celso Delgado para representar o PP. "Non imos apoiar esta solicitude porque está en instrución un procedemento xudicial", avanzou, antes de xustificar que o proceso dos tribunais foi xa complementado cunha "intensa" actividade en materia de análise de riscos da rede ferroviaria en xeral. 

Celso Delgado (PP) defende a negativa para "preservar a independencia do poder xudicial"

O grupo conservador, defende Delgado, di "non" para "preservar a independencia do poder xudicial"; "a sentenza fixará feitos e causas e será o momento no que formular se procede unha investigación parlamentaria". Dende o "lamento" polo "cambio de posición" do PSOE, o grupo que sustenta o Goberno de Mariano Rajoy augura unha contaminación "partidaria" que, din, non vai axudar a "saber a verdade", que é o que o PP "quere". Pero agora os 135 "non" do PP non foron dabondo e dende o alto do hemiciclo, desta volta, a plataforma de vítimas puido aplaudir que a súa demanda foi atendida.

Votación da comisión de investigación sobre o accidente de Angrois / Congreso dos Deputados

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo di que “a que reclaman as familias” é a “solución xudicial” e o BNG pedirá investigar tamén no Parlamento

D.R./D.L.

O presidente da Xunta reiterou este xoves a súa negativa á comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois. Preguntado pola creación minutos despois de que a aprobase Congreso, Alberto Núñez Feijóo optou por salientar que "o PP mantivo a súa opinión", mentres que o PSOE a cambiou ao seu ver "como consecuencia do seu novo liderado", en referencia a Pedro Sánchez.

Feijóo dixo agardar pola "solución xudicial" do caso "que é a que están reclamando e esperando as familias" e volveu amosar a súa disposición a comparecer no Congreso se a comisión agora creada o reclama. Mentres, na Cámara Baixa, vítimas e familiares celebraban a creación dun órgano parlamentario que, lembran, levan reclamando catro anos.

O Bloque lembra a súa "actuación decisiva" para o pronunciamento das autoridades da UE sobre o accidente

Dende Galicia a creación da comisión foi aplaudida polo BNG, que a ve "positiva" malia non "renunciar" a que tamén o Parlamento galego investigue o sucedido. No vindeiro debate de política xeral, avanzan, o Bloque formulará de novo esta reclamación. Lembra, ademais, que a "actuación política" da formación soberanista foi "decisiva ante as autoridades comunitarias" para, por exemplo, lograr que a Axencia Ferroviaria Europea fixese público o informe no que ditamina que a investigación oficial de Fomento non foi independente.