0 Gardados para despois

Blanco, disposto a declarar na comisión de Angrois: "Eu só tomei a decisión política de garantir recursos para o AVE"

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Bruxelas

“Eu só tomei unha decisión política, a de garantir os recursos necesarios para que se fixese o AVE”. Esa foi a explicación que ofreceu este martes en Bruxelas o ex-ministro de Fomento do PSOE e agora eurodeputado, José Blanco, cando foi preguntado pola reclamación das vítimas do accidente de Angrois para que compareza na comisión de investigación política sobre o sinistro que se vai desenvolver no Congreso dos Deputados. A pregunta partiu dun grupo de xornalistas desprazados a Bruxelas polo Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal e a Comisión Europea no marco dunha reunión con eurodeputados da eurorrexión para coñecer o seu traballo comunitario.

A argumentación que vén ofrecendo Blanco ao respecto das súas posibles responsabilidades políticas no accidente de Angrois é a de que, como ministro, el só decidiu que o AVE galego fose unha prioridade para o Goberno. “Outro tipo de decisións que se fosen adoptando con criterios técnicos ou non” sobre a concreción desa decisión política, di Blanco, non son responsabilidade súa senón de quen as tomase.

O ex-ministro afástase das "decisións que se adoptaron con criterios técnicos"

Sobre a propia creación da comisión de investigación política no Congreso, Blanco negou que viñese rexeitándoa ata o de agora “por temor” e asegurou que o facía “por coherencia”. Segundo o socialista, a súa postura, tanto no caso de Angrois como no de calquera outro, é a de que “entre tanto houbera un proceso xudicial en marcha, non debería haber unha comisión” política paralela.

Blanco rexeita que se cree calquera comisión política mentres sigan abertas investigacións xudiciais dos mesmos feitos

Os propios socialistas argumentan de xeito oficial que o seu cambio de postura debeuse á aparición de novos datos na investigación xudicial. Porén, outras fontes ligan a mudanza aos cambios na propia dirección do PSOE tras a volta á secretaría xeral de Pedro Sánchez. Un argumento que se vería reforzado polo feito de que non hai grandes novidades na instrución xudicial nos últimos anos senón que as eivas de seguridade que xa se coñecían agora si veñen sendo consideradas relevantes

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.