0 Gardados para despois

Catalá ofrece “transparencia” ás vítimas de Angrois tras ser dos primeiros en sinalar o maquinista

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Coa marcha de Ana Pastor o pasado martes do Ministerio de Fomento á presidencia do Congreso dos Deputados, o ministro encargado de xestionar en funcións o departamento vacante é Rafael Catalá, titular de Xustiza desde setembro de 2014. El era o secretario de Estado de Infraestruturas cando hai tres anos ocorreu o accidente de tren de Angrois, no que foi un dos primeiros en sinalar ao maquinista como responsable do sinistro e ao que as vítimas acusan de tentar silencialas. Tres anos despois, este luns o agora ministro responsable de Fomento ofreceulles aos afectados “transparencia” e colaboración.

O ministro de Xustiza, agora responsable tamén de Fomento, era o 'número 2' de Pastor cando ocorreu o sinistro e os afectados acúsano de tentar silencialos

Nunha entrevista en TVE, Catalá foi preguntado pola decisión tomada hai dous meses pola Audiencia Provincial da Coruña de reabrir a instrución xudicial do sinistro para investigar se, máis alá da responsabilidade do maquinista, Adif non tratou de xeito adecuado o risco de accidente que existía na curva de Angrois. Tras esa decisión xudicial, hai tres semanas a UE entregoulles ás vítimas un informe no que critica a investigación técnica que Fomento fixo do sinistro por centrala exclusivamente na responsabilidade do condutor. O ministro di agora que “as vítimas teñen todo o dereito a reclamar máis investigación, máis informacións”. “Nós intentamos desde a primeira noite pór todos os medios” para axudar ás vítimas, engadiu o titular de Xustiza e Fomento, entre os que salientou a petición ás aseguradoras para “que indemnizasen pronto”. “Imos estar sempre con total transparencia colaborando co xulgado e coas asociacións de vítimas”, sentenciou Catalá.

Porén, tras o accidente Catalá foi un dos primeiros en apuntar, tanto en público como en privado, ao maquinista como principal responsable do sinistro. El foi unha das voces do Goberno que máis se prodigou nos medios de comunicación nos primeiros días logo do accidente salientando o “incumprimento” da velocidade máxima da curva e a importancia que para esclarecer os feitos tería a “testificación do maquinista”. Tamén el foi quen entregou ao primeiro xuíz instrutor do caso a gravación na que o propio maquinista, Francisco José Garzón, admitía que se despistara e que non freara a tempo antes da curva.

Por outra banda, unha das principais dirixentes da plataformas de vítimas, a ex-deputada autonómica do PP madrileño Teresa Gómez-Limón, desvelou que Catalá a chamara cando aínda se estaba a recuperar das súas feridas para pedirlle que non fora crítica co Goberno.

De Catalá depende a Fiscalía, que durante a instrución do caso renunciou a analizar as eivas de seguridade do AVE Ourense-Santiago

Agora Catalá é temporalmente o máximo responsable de Fomento, ao que as vítimas piden que constitúa unha comisión de investigación técnica realmente independente. Del tamén depende a Fiscalía, que durante a investigación de Angrois renunciou a secundar ningunha das múltiples iniciativas do resto de partes persoadas que pediron analizar as diversas eivas de seguridade que presentaba a liña de AVE Ourense-Santiago. O fiscal do caso, Antonio Roma, defende que só ten relevancia penal o despiste do maquinista.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.