0 Gardados para despois

O cargo de Adif imputado en Angrois líbrase de xuízo noutro accidente pola 'doutrina Botín'

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Quen foi director de Seguridade na Circulación de Adif de 2006 a 2013, Andrés Cortabitarte, imputado polo accidente de Angrois no que morreron 80 persoas e que segue a ocupar un cargo de libre designación na empresa pública, vén de ver como un xulgado de Segovia, en aplicación da denominada 'doutrina Botín', arquiva a súa imputación por outro accidente cun maquinista morto ocorrido en Arévalo. Malia que o propio xulgado e a Audiencia Provincial vían motivos suficientes para levalo xa a xuízo, xunto con outros dous acusados que si terán que sentar no banco, líbrase del porque só conta coa acusación popular do sindicato de maquinistas Semaf pero non da Fiscalía ou dalgunha acusación particular. O Semaf prevé recorrer esa decisión.

O mesmo xulgado que co aval da Audiencia o imputou pola morte dun maquinista en Arévalo arquívao por non ser acusado polo fiscal nin por acusación particular senón só pola acusación popular do Semaf

A 'doutrina Botín', establecida polo Tribunal Supremo e que librou o responsable do Banco Santander, di que non basta coa acusación popular para levar a xuízo a alguén se non conta tamén coa da Fiscalía ou particulares. No caso do accidente de Arévalo, a acusación particular da familia do maquinista falecido retirouse tras chegar a un acordo, mentres que a Fiscalía non ve motivos para acusar a Cortabitarte senón só ao xefe de circulación de Adif na zona na que se produciu o sinistro e o xefe das obras que alí se estaban a realizar. Só o Semaf mantén a súa acusación contra Cortabitarte, avalada ata o de agora polo propio xulgado instrutor e pola Audiencia Provincial.

En Arévalo, un maquinista morreu cando na noite do 26 de marzo de 2010 o seu tren de carga chocou por detrás contra outro que estaba parado. Na zona estaban realizándose probas de sinalización e un fallo técnico fixo que se puxese en verde un semáforo que debía estar en vermello. A Audiencia Provincial de Segovia (malia que Arévalo está en Ávila, o caso instrúeo un xulgado da veciña Santa María la Real de Nieva, en Segovia) ratificou o ano pasado a imputación por aqueles feitos dos anteditos xefe de obras e xefe de circulación e de Cortabitarte por ser o “máximo responsable da seguridade viaria”. O tribunal entendía “que existiu no accidente unha conduta gravemente imprudente, como foi a de permitir que nunha situación en que se estaba probando o software de control do tráfico, se permitise a circulación de trens” sen adoptar outras medidas de seguridade “pese a que se coñecían as recomendacións que indicaban a procedencia de suspender o tráfico durante as obras”.

Hai un ano a Audiencia Provincial de Segovia salientou que "como máximo encargado da seguridade da circulación, debe manterse a súa imputación, sen prexuízo da valoración que poida facerse no acto do hipotético xuízo", que agora non se celebrará contra el

A Audiencia de Segovia dicía que “a imprudencia esencial foi a de autorizar o tráfico polo lugar durante as probas de sinalización” e avalou a imputación de Cortabitarte porque “se trata do director de seguridade de circulación, e polo tanto o máximo responsable da seguridade viaria, polo que a decisión última sobre a suspensión do tráfico durante a execución das obras era da súa competencia”. A Audiencia salientaba daquela que “en calquera caso, como máximo encargado da seguridade da circulación, debe manterse a súa imputación, sen prexuízo da valoración que poida facerse no acto do hipotético xuízo” sobre a confianza que Cortabitarte depositara en que a empresa que facía os traballos comprobase antes que os semáforos estaban en vermello.

Porén, agora o xulgado de instrución vén de eximir a Cortabitarte de sentar nese xuízo, que si se realizará contra os outros dous imputados, por non contar máis que coa acusación popular do Semaf. Fontes deste sindicato sinalan que recorrerán esa decisión e argumentan que os maquinistas aos que representan teñen un interese directo, non espurio, na seguridade ferroviaria. Tamén sinalan que no seu momento a propia Audiencia mantivera a súa imputación malia que xa non era acusado pola Fiscalía.

O pasado 27 de xullo Cortabitarte culpou o maquinista do accidente de Angrois e desviou outras responsabilidades a outros departamentos

No caso do accidente de Santiago, Cortabitarte está imputado, xunto co maquinista do tren, por considerar o xuíz instrutor e a Audiencia Provincial da Coruña que era coñecedor do risco existente na curva de Angrois e non fixo nada para evitalo ou palialo. Tras dúas negativas previas, Cortabitarte compareceu ante o xuíz e as partes o pasado 27 de xullo para culpar o maquinista do accidente e desviar outras responsabilidades a outros departamentos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.