Un manuscrito do ex-conselleiro de OHL pon o foco en como o contrato máis caro da liña foi adxudicado a unha unión de empresas na que participa a construtora Vimac, da familia Contreras, que segundo os papeis de Bárcenas fixo pagos ao PP
Un manuscrito incautado no despacho do ex-conselleiro da construtora OHL Javier López Madrid no marco do caso Púnica vincula esa investigación co caso da caixa b de diñeiro negro do PP derivada dos papeis de Bárcenas, segundo revela este martes a Cadena SER. O papel, localizado segundo a emisora entre outros do empresario de comezos de 2012, ten como encabezamento “Carlos Contreras VIMAC”, en referencia a unha das empresas da familia Contreras, que segundo os papeis de Bárcenas doou diñeiro negro ao PP, e nel sinálase que “quieren hueco en el AVE a Galicia” e que o daquela secretario de Estado de Fomento, Rafael Catalá, estaría interesado en que así fose. Na primavera de 2012 Vimac adxudicouse, xunto a outras dúas empresas, a construción da plataforma dereita do treito Prado-Porto no que supuxo o contrato máis caro do AVE galego, por 123 millóns de euros.
O treito Prado-Porto é paradigmático das numerosas irregularidades existentes na construción da liña de AVE entre Galicia e Madrid nos seus treitos máis complexos, atravesando as montañas do macizo central ourensán. Nese treito en cuestión morreu un traballador, unha das empresas socias de Vimac foi condenada por varias contratacións fraudulentas, rexistráronse danos ambientais aos ríos da zona e as obras acumularon anos de demora.
No cento de quilómetros en que a liña de AVE atravesa as montañas de Ourense e do oeste de Zamora as súas dúas vías divídense en dúas plataformas paralelas que Adif foi contratando por separado. A plataforma dereita entre Prado e Porto, de 9,1 quilómetros entre os concellos de Laza e Vilar de Barrio, foi licitada en novembro de 2011 polo Goberno daquela do PSOE por 171 millóns e adxudicada o 30 de marzo de 2012 xa co PP por 123 millóns á Unión Temporal de Empresas (UTE) Prado Porto conformada pola filial de ACS Vías y Construcciones (67,5%), Torrescamara y Cía de Obras (22,5%) e Vimac (10%). Eses 123 millóns supuxeron a adxudicación máis cara da vintena de contratos en que se dividiu a construción das plataformas paralelas do AVE ao seu paso polas montañas de Ourense e Zamora. Pola súa banda, a plataforma paralela para a vía esquerda, con algo menos de lonxitude, foi adxudicada a finais de 2012 a outra UTE formada por Dragados e Tecsa, as dúas tamén filiais de ACS, por 78 millóns. As dúas plataformas dese treito inclúen senllos túneles de 7,6 quilómetros de lonxitude, os segundos máis longos de toda a liña.
Varias sentenzas revelaron como no treito Prado-Porto se fixo traballar fraudulentamente a obreiros de xeito indistinto en dúas obras paralelas malia que foran contratadas por separado a distintas adxudicatarias
Nesas dúas plataformas paralelas do treito Prado-Porto hai dous anos oito sentenzas similares do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenaron a unha das socias de Vimac, Vías y Construcciones, por varias contratacións fraudulentas de traballadores aos que despediu como se fosen temporais pero que o xulgado considerou indefinidos. As sentenzas relatan como Vías y Construcciones, filial de ACS, aproveitou que ela mesma era adxudicataria da vía dereita e que foi subcontratada para varios traballos polas adxudicatarias da vía esquerda (Dragados e Tecsa, as dúas tamén do grupo ACS) para destinar os seus obreiros a unha e outra plataforma do treito “indistinta e simultaneamente en función das circunstancias”. “Todas esas irregularidades”, din as sentenzas, que as considera “graves”, “supoñen que a contratación temporal efectuada deba considerarse fraudulenta, pois as condutas descritas determinan que a empresa utilizou os servizos do traballador como se dun traballador fixo se tratara”.
Un xulgado investiga a morte en 2013 dun enxeñeiro atropelado por un camión nese mesmo treito de dous túneles paralelos entre Prado e Porto
Nese treito de dous túneles paralelos entre Prado e Porto traballaba para a mesma Vías y Construcciones un enxeñeiro de 37 anos que o 2 de abril de 2013 morreu ao ser atropelado por un camión. A súa morte é unha das que está a investigar un xulgado de Verín que a principios deste ano abriu unha causa penal por un posible delito contra os dereitos dos traballadores tras unha denuncia da CIG pola elevada sinistralidade das obras do AVE galego. Só nesa zona entre Ourense e Zamora van xa seis mortos desde 2013, aos que hai que engadir outros tres en anos previos noutras zonas de Galicia.
A UTE Prado-Porto na que participa Vimac foi sancionada con só 240 euros por un vertido de augas residuais en 2013
Ademais dos accidentes laborais, as obras do AVE están a ter efectos sobre o medio ambiente. Segundo revelou Praza.gal, as confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro veñen detectando reiterados danos e verteduras aos ríos da zona que se están a saldar con sancións de reducido importe en comparación cos millóns de euros dos contratos implicados. No caso da UTE Prado-Porto na que participa Vimac, o 30 de abril de 2013 a Confederación do Miño-Sil abriulle un expediente por “vertido de augas residuais” dun pequeno túnel do treito sen permiso a un regato que se saldou un ano despois cunha multa de 240,40 euros. Similares multas recibiron outras empresas participantes na construción dunha ou outra plataforma dese mesmo treito Prado-Porto.
Por outra banda, malia que esa plataforma dereita do treito Prado-Porto foi adxudicada a Vías, Torrescamara e Vimac na primavera de 2012 por un prazo de execución de 34 meses, uns tres anos, as obras duraron o dobre.