0 Gardados para despois

Multas por danar ríos con obras do AVE galego

CC BY-SA Praza Pública (Fonte: Confederación Hidrográfica Miño-Sil)

Só 48.000 euros en multas ás construtoras do AVE por danar ríos durante anos con obras de 2.000 millóns

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

As empresas construtoras da liña de AVE entre Galicia e a Meseta recibiron desde 2012 un total de 24 sancións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil por danar ríos cos seus traballos que se concretaron en multas que suman un total de só 48.000 euros. Os 2.000 euros de media por sanción supoñen o 0,001% do importe total dunhas obras que se aproximan aos 2.000 millóns de euros de investimento só neses treitos que suman un cento de quilómetros no centro da provincia de Ourense. Así o reflicten os datos oficiais aos que agora ten acceso Praza.gal a través dunha petición de transparencia. Mentres que a Confederación do Miño-Sil si ofreceu un listado detallado desas sancións, a Confederación do Duero, competente en parte dos ríos afectados polas obras tanto na provincia de Zamora como no leste da de Ourense, mantén ocultos os seus datos. Ademais, non todos os efectos producidos polas obras do AVE sobre os ríos acabaron en sanción.

A Confederación Hidrográfica do Duero oculta os seus datos mentres que a do Miño-Sil impuxo 24 sancións desde 2012 a 2.000 euros de media por multa, o 0,001% do importe dos traballos

Este diario formulou unha petición de transparencia ao Ministerio de Medio Ambiente que foi á súa vez remitida ás confederacións hidrográficas do Miño-Sil e o Duero. Mentres que a primeira contestou cos datos que a continuación se detallan (no documento anexo e no mapa elaborado a partir del), máis de dous meses despois, e malia as advertencias deste diario, a Confederación do Duero non o fixo, superando así tanto o prazo inicial dun mes previsto na normativa como o dunha posible ampliación a dous meses tamén contemplado pero que tampouco foi comunicada. En 2014 esa mesma confederación do Duero admitía a existencia xa daquela dunha decena de expedientes sancionadores (naquela altura a do Miño-Sil levaba unha ducia).

Nos datos si facilitados pola confederación Miño-Sil pode comprobarse que a maioría dos danos causados polas obras do AVE nesa demarcación ao longo do cento de quilómetros do centro da provincia de Ourense que atravesa a nova liña son verteduras de lodos, hidrocarburos ou outros contaminantes, pero tamén desvío dos ríos e captacións de auga sen permiso. Nun caso un treito dun río desapareceu por completo ao longo de varios centos de metros tras unha obra iniciada sen permiso.

Máis dunha vintena de construtoras, entre elas as principais do sector en España, recibiron sancións por verteduras de lodos, hidrocarburos ou outros contaminantes, pero tamén por desvío dos ríos e captacións de auga sen permiso

As sancionadas son unha decena de unións temporais de empresas (UTE) formadas por máis dunha vintena de construtoras entre as que están todas as principais do sector en España e que tiveron que afrontar 24 sancións que suman preto de 48.000 euros de multas e de 12.400 euros en reposición de danos. Os 2.000 euros de media por sanción supoñen só o 0,001% do importe dunhas obras que se desenvolven divididas en varios treitos ao longo dun cento de quilómetros a partir do límite das provincias de Zamora e Ourense, que foron licitadas por uns 2.200 millóns, adxudicadas entre 2011 e 2012 (cando comezan as sancións) por uns 1.600 millóns pero que posteriormente sufriron sobrecustos que volveron elevar esa cifra.

Como nesa zona de Ourense o Ministerio de Fomento foi adxudicando por separado a construción, dentro de cada treito, de cada unha das dúas plataformas paralelas, unha para cada vía, que conforman a liña do AVE entre Galicia e a Meseta, e a confederación Miño-Sil comete erros nos nomes das UTE e non sempre identifica de xeito correcto cada sanción e se recaeu sobre as obras da vía dereita ou da esquerda, non sempre é posible saber que construtoras concretas foron as sancionadas. Incluso podería pasar nalgún caso que a confederación identifique con nomes distintos a UTE e empresas responsables dunha mesma obra sancionada en varias ocasións.

Visita de Rajoy e a daquela ministra Ana Pastor ás obras do túnel de Prado o 19 de agosto de 2015, cando as súas adxudicatarias xa cometeran dúas infraccións

Dúas construtoras recibiron ata catro sancións e os inspectores admiten que pola dispersión e dificultade de acceso ás obras non sempre se poden comprobar todas as irregularidades, que tardan un ano en ser sancionadas

En todo caso, con eses datos incompletos facilitados pola confederación pode comprobarse que dúas construtoras recibiron ata catro sancións. A maioría das multas concéntranse nos concellos da Gudiña e Castrelo do Val (8 sancións en cada termo municipal), seguidos de Vilar de Barrio (3), Vilariño de Conso (2), Baños de Molgas (2) e Xunqueira de Ambía (1). Canto aos ríos ou regatos afectados, destacan o Regueiro Foxo Vello e o Regueiro de Valcovo, os dous en Castrelo do Val e os dous con tres sancións cada un.

Na maioría dos casos, as multas tardan un ano entre a data da incoación do expediente e a da resolución. Ademais, segundo admiten inspectores consultados, a dispersión das obras do AVE, en lugares de difícil acceso e pouco poboados, impide que estes cheguen a tempo de comprobar todas a irregularidades cometidas.

Sancións e omisións significativas

En Campobecerros un río desapareceu por completo entubado ao longo de varios centos de metros por unha obra iniciada sen permiso e a construtora foi sancionada con 7.588 euros

A sanción máis elevada foi unha imposta en agosto de 2017 por uns feitos dun ano antes á UTE Túnel O Cañizo, de 16.534,45 euros de multa máis 8.267,23 euros por danos, por “incumprir os parámetros autorizados de vertido, causando danos ao dominio público hidráulico” no regueiro do Val da Xoana, na Gudiña. Unha das sancións máis rechamantes, desvelada en 2014 por El País, pero só a terceira polo seu importe, foi a que se impuxo á UTE Portocamba, de 7.588 euros, polo “desvío e entubado do cauce Foxo Vello, causando danos ao dominio público hidráulico, en Campobecerros”. O río desapareceu por completo ao longo de varios centos de metros.

Ademais destes datos facilitados pola Confederación do Miño-Sil, e malia a ocultación actual dos seus datos por parte da Confederación do Duero, ela mesma admitía en 2014 que xa daquela levaba abertos, na súa área de competencia do sudeste de Ourense e Zamora, unha decena de expedientes sancionadores (naquela altura a do Miño-Sil levaba unha ducia). As denuncias, sen embargo, son moitas máis, pero non todas acaban en sanción malia que si se producise un efecto comprobado das obras sobre os ríos. Naquel 2014 a Plataforma Ciudadana Ríos Limpos denunciara as cores laranxa, marrón e gris que presentaba o río Támega ao seu paso por Verín (as denuncias nese concello foron múltiples e reiteradas). A contestación que lles deu a Confederación do Duero foi a de explicarlles a orixe das cores da auga: o laranxa pola “forte carga de óxido de ferro” da xeoloxía da zona, o marrón por “arrastres” provocados pola chuvia daqueles días e o gris “si que provén das obras do AVE, pero polo mesmo motivo, cando chove moito prodúcense arrastres dos camiños de acceso aos distintos treitos das obras”. Malia admitir ese efecto das obras do AVE sobre o río, a Confederación do Duero argumentaba que “en base ao exposto, non procede a incoación de expediente sancionador”.