0 Gardados para despois

Os últimos concursos lanzados polo PP dificultan que o AVE estea en probas a finais de 2019, como agora lle esixe ao PSOE

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Adif, aínda controlado polos populares, licitou instalacións técnicas con prazos de execución que se adentran en 2020

O AVE entre Galicia e a Meseta non estará rematado ata ben entrada a próxima década. “En 2023 ou 2024”, segundo admitiu hai un ano o presidente Feijóo, que será cando se poida rematar o treito duns 17 quilómetros entre Taboadela, ao leste da cidade de Ourense, e a propia urbe, no que aínda non se moveu unha pedra. Á espera dese novo trazado vaise adaptar a vía actual existente nese treito para que poidan circular por ela os trens de alta velocidade, para o que á súa vez hai que rematar o resto da liña desde o límite coa provincia de Zamora. Despois de que a comezos de 2017 o Goberno central adiase un ano os anteriores prazos, o compromiso mantido ata o de agora por Fomento, avalado pola Xunta, era que a finais de 2019 puidesen circular xa os trens en probas, deixando no aire a data do seu uso comercial. Este domingo Feijóo insinuou que o PSOE debera incluso adiantar eses prazos, pero os últimos concursos de obras convocados polo PP antes de deixar o Goberno fan aínda máis difícil que os trens en probas poidan circular xa en 2019.

Situación xeral das obras do AVE entre Zamora e Ourense [Praza Pública]

Este domingo Feijóo insinuou que o PSOE debera incluso adiantar os prazos: "sempre criticou esta data porque entende que se pode facer antes"

“Se non se pode adiantar os prazos, pido polo menos que se cumpra a palabra dada: que a finais do ano 2019 estean entrando en probas os trens de alta velocidade”, dixo este domingo Feijóo, nove días despois da moción de censura que afastou o PP do Goberno central e co novo executivo aínda sen nomear os novos cargos de Adif, a empresa pública encargada da construción do AVE. Feijóo engadiu que o PSOE “sempre criticou esta data porque entende que se pode facer antes” e que espera que o novo ministro lle concrete “se se poden adiantar os prazos que Partido Socialista criticou por ser moi longos”.

Malia que é habitual que as empresas ofrezan rebaixas de prazo, iso xa non está nas mans de Adif, que polo tanto admitía de xeito implícito, aínda baixo dirección do PP, que os traballos poderían non estar rematados ata 2020

Porén, os últimos concursos convocados por Adif aínda cos populares á súa fronte dificultan que se poida cumprir esa data, xa que propoñen prazos de execución que levarían o remate físico das vías ata comezos de 2020. O pasado sábado Adif publicou no Diario Oficial da Unión Europea a licitación ou apertura do concurso público para o subministro e transporte de desvíos ferroviarios para as vías do AVE entre Sanabria e Ourense por un prezo máximo de 14 millóns de euros. O anuncio indica que Adif non comezará a valorar as ofertas que reciba ata o 26 de xullo, e despois aínda terá que adxudicar e formalizar o contrato, momento a partir do cal comezaría a contar o prazo de execución do contrato, que a empresa pública fixa nun máximo de 16 meses, o que levaría o seu remate a comezos de 2020. Malia que é habitual que as empresas que concorran ofrezan rebaixas dese prazo, iso xa non está nas mans de Adif, que polo tanto admitía de xeito implícito, aínda baixo dirección do PP, que eses traballos poderían non estar rematados ata 2020.

O mesmo ocorre con outros contratos que aínda nin foron licitados. O pasado 8 de maio, por exemplo, Adif publicou tamén no mesmo Diario Oficial da UE a súa previsión de que proximamente abriría o concurso doutro contrato para instalacións de seguridade nos túneles da nova liña. Avanzaba daquela que prevía un prazo de duración dos traballos de 15 meses, pero un mes despois o concurso aínda non foi aberto. E, como no caso anterior, despois Adif aínda terá que recibir ofertas, valoralas, adxudicar o contrato e formalizalo antes de que a empresa adxudicataria empece a traballar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.