0 Gardados para despois

Feijóo asume que o treito Taboadela-Ourense do AVE non estará ata 2024

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Entre a cidade de Ourense e Taboadela, a uns 17 quilómetros ao seu leste, non se moveu aínda nin unha soa pedra das obras do AVE, a diferenza do resto dos treitos entre Galicia e a Meseta, que están moi avanzados. Cando estes se rematen e entren en servizo, a comezos de 2020, e mentres non se executan os anteditos 17 quilómetros, os trens de alta velocidade deberán circular nese treito pola actual vía, que vai ser adaptada cun investimento duns cen millóns de euros. PSOE e expertos consultados consideran excesivas as obras que alí se van facer para unha actuación que se di provisional, pero este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificou que ese gasto non supón renunciar a que se faga o novo trazado, orzamentado noutros 585 millóns e cuxo remate situou “en 2023 ou 2024”.

O presidente xustifica gastar uns cen millóns na adaptación da vía actual neses 17 quilómetros e nega que supoñan renunciar ao novo trazado, que custará outros 585 millóns

Durante os anos de gobernos socialistas en Madrid, a Xunta considerou que sen o treito Taboadela-Ourense, xa daquela o máis atrasado, non se podería dar por rematado o AVE galego. Porén, coa chegada do PP ao Goberno, o discurso do propio Feijóo cambiou para centrarse en que o importante é que os trens de alta velocidade cheguen, sen importar que o fagan durante 17 quilómetros por unha vía convencional que ralentizará notablemente a súa marcha. Así foi como o pasado xaneiro avalou os novos prazos achegados polo Ministerio de Fomento, que fixan a comezos de 2020 a entrada en servizo de todos os treitos excepto o Taboadela-Ourense. Pero non foi ata que se coñeceron os orzamentos do Estado para este ano, nos que tamén se indican as futuras previsións de investimento plurianual, que Fomento, logo de dubidar sobre a necesidade da obra, puxo contías e datas aos traballos entre Taboadela e Ourense: requirirán duns 585 millóns a investir ata 2024. E este xoves Feijóo asumiu por primeira vez esa data.

A Feijóo preguntóuselle, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, polas dúbidas que o investimento duns cen millóns na liña convencional suscitan sobre a futura execución do novo trazado. Nesa liña convencional, segundo barallaba ata o de agora Adif, era necesario ou adaptar o ancho das vías ou o dos eixos dos trens. Porén, a decisión agora tomada pola empresa pública que xestiona a rede ferroviaria é a de acometer ambos tipos de actuacións, o que duplica o investimento.

"A prioridade da Xunta é non aprazar a entrada do AVE a 2023 ou 2024", di Feijóo como xustificación das obras na vía convencional, que para o PSOE supoñen unha renuncia ao novo trazado

“Todos sabiamos que ía ter un custo de entre oitenta e cen millóns”, dixo Feijóo, para quen a obra para que os trens de alta velocidade circulen pola vía convencional permitirá cumprir a “prioridade da Xunta, que é non aprazar a entrada do AVE a 2023 ou 2024”, cando se remate o novo trazado. En todo caso, o presidente insistiu en que “Fomento ten comprometido un trazado novo” e instouno a que o licite “canto antes”. Feijóo tamén matizou que a súa responsabilidade actual é esixir que os trens de alta velocidade poidan circular por Galicia canto antes, e deixou en mans de quen goberne no futuro esixir o remate do novo trazado entre Taboadela e Ourense.

Na mesma rolda de prensa, Feijóo anunciou que o seu Goberno, “fora da orde do día do Consello”, constituíu unha comisión de seguimento dos investimentos do Estado en Galicia. Estará formada por representantes da vicepresidencia e das consellerías de Facenda, Infraestruturas e Medio Ambiente e asegurou que ten “vocación de permanencia en anos seguintes”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

“O incremento da peaxe da AP-9 vai ser importante”, avisa o presidente

O presidente Feijóo foi preguntado este xoves pola reclamación dun incremento das peaxes na AP-9 que vén de realizar a súa concesionaria, Audasa. O titular da Xunta salientou que ese aumento está ligado ás obras de ampliación que está a acometer a empresa, polo que reclamou que non se produza ata que eses traballos rematen. “O primeiro que ten que facer a concesionaria, por diante de reclamar os seus dereitos, é cumprir os seus deberes”, dixo, para engadir que “mentres non finalicen as obras non deberían incrementar as peaxes”. Feijóo salientou que o acordo polo que Audasa está a ampliar a autoestrada a cambio dese incremento das peaxes asinouse durante o Goberno do socialista José Luis Rodríguez Zapatero e con José Blanco como ministro de Fomento e preguntouse e respondeuse el mesmo de xeito retórico: “O incremento da peaxe vai ser importante? Si”.