0 Gardados para despois

A falta de competencias volve impedir á Xunta actuar contra Audasa polos atascos da AP-9

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


En xullo de 2012 a poboación galega estaba a piques de saber que ía ser chamada ás urnas anticipadamente, en outubro dese ano, e a Xunta dirixíase ao Ministerio de Fomento. A concesionaria da Autoestrada do Atlántico, Audasa, viña de provocar un dos habituais atascos ante as cabinas de portaxe nunha fin de semana de praia e o Goberno galego reclamaba á ministra, Ana Pastor, que abordase este "problema histórico" e promovese medidas como as xa vixentes noutras autoestradas de titularidade estatal, obrigadas a erguer as barreiras cando os engarrafamentos superan determinada lonxitude. Facíao porque, como agora, a Xunta carece de competencias para actuar directamente.

Dous anos despois, no verán de 2014, a escena repetiuse. Sol, calor, atascos ante as peaxes da AP-9 e chamado da Xunta a Fomento para que Audasa "puxese medios" para solucionar o problema. Naquela ocasión tamén o Valedor do Pobo se implicara no contencioso mediante unha investigación de oficio e, finalmente, o Ministerio dera en abrir un expediente informativo á empresa polas "demoras excesivas" e "retencións inxustificadas" en "reiteradas ocasións". No entanto, como en anteriores expedientes, a compañía non sufriu maiores consecuencias e as declaracións da ministra sobre unha eventual revisión da concesión por incumprimento nunca se fixeron realidade.

Os atascos máis recentes producíronse mentres Audasa certificaba uns beneficios de 45 millóns e esixía subir xa as peaxes

Pasaron xa dous veráns máis e, ás portas do terceiro, a pasada Semana Santa volveu ser escenario de atascos nas peaxes da principal autoestradas do país. Sucedeu, casualmente, nos mesmos días en que Audasa comunicaba á CNMV as súas contas de 2016, que reflicten uns beneficios de 45 millóns de euros -repartidos integramente en dividendos aos seus accionistas-, os maiores en cinco anos, e dan conta ademais dunha esixencia: subir as peaxes para compensar os cartos adiantados nas obras de ampliación en Santiago e Vigo e mais as bonificacións das portaxes na contorna da ponte de Rande. O Goberno galego di non concordar con esta petición, cando menos ata que os traballos estean concluídos. Pero, como en todas as ocasións anteriores a ausencia de competencias marca o escenario.

Postura da Xunta e reinicio da lei para o traspaso

Ao ser cuestionada ao respecto por Praza.gal a Consellería de Infraestruturas sinala que "a defensa dos intereses dos usuarios vén sendo unha preocupación continua da Xunta en relación á AP-9" e foi isto o que "motivou" os "diferentes escritos e reclamacións dirixidos tanto ao Ministerio de Fomento como á sociedade concesionaria" nos últimos anos, "reclamando a adopción de medidas extraordinarias que garantisen a calidade do servizo en situacións de especial intensidade de tráfico". Esas medidas, abonda, estiveron tamén sobre a mesa da primeira xuntanza da comisión creada por Xunta e Fomento para supervisar a autoestrada.

A Xunta ten que se limitar a "trasladar" as protestas a Fomento, que en anteriores ocasións abriu expedientes a Audasa sen maiores consecuencias

Así e todo, di o Goberno galego, os atascos das recentes xornadas festivas debéronse "en gran parte" ás "obras de ampliación" que obrigan a impoñer "limitacións de velocidade e outras medidas de seguridade". Nese encontro, agrega a Consellería, a representación galega tamén "trasladou" que a suba de peaxes esixida por Audasa "non pode aplicarse en modo ningún antes de que rematen as obras de ampliación" e "sen que se cuantifique e xustifique o investimento realizado". Así e todo, o departamento de Ethel Vázquez insta a "lembrar" que esas "demandas económicas" teñen "a súa orixe nos acordos pechados entre o Goberno de Zapatero en funcións e a concesionaria" para as obras de ampliación.

Infraestruturas oponse á suba das peaxes antes da fin da ampliación e insta a "lembrar" que a compensación foi asinada "polo goberno de Zapatero"

De calquera xeito, esta postura da Xunta terá que ficar nese "traslado" a Fomento, toda vez que é o Ministerio, como Administración titular da infraestrutura, o que litiga con Audasa tras o recurso contencioso-administrativo formalizado pola empresa para esixir poder cobrar xa portaxes máis elevadas. Este escenario prodúcese xusto cando comeza o seu trámite parlamentario a lei que podería mudar a situación, o segundo texto que, co apoio de todos os grupos da Cámara, reclama a transferencia a Galicia das competencias sobre a AP-9.

O proxecto para o traspaso, cuxos deputados e deputadas responsables serán elixidos a vindeira semana, sairá do Pazo do Hórreo por segunda vez aprobado por unanimidade. Cando isto suceda será remitido ao Congreso, onde os prazos do proxecto poden ser dilatados e onde, ademais, a lei galega correrá un risco idéntico ao da súa primeira versión: o veto do Goberno central, sustentado na anterior ocasión cun informe baseado en cálculos erróneos. Neste sentido, o voceiro do PP na Cámara Baixa, Rafael Hernando, advertía o pasado marzo en declaracións á Radio Galega que o apoio do PP galego á transferencia segue sen garantir que o partido teña a mesma postura en Madrid.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.