O PP non garante que vaia apoiar no Congreso o traspaso da AP-9 que Galicia pide por segunda vez

Hernando, este xoves durante a entrevista coa Radio Galega © PP

Tan incerto como no primeiro intento, que acabou vetado. O Grupo do PP no Congreso comeza a arrefriar as expectativas de que a nova lei para pedir a transferencia da AP-9 a Galicia, aprobada hai apenas dúas semanas pola unanimidade do Parlamento, poida ter un destino distinto ao do bloqueo sufrido polo primeiro proxecto, igualmente aprobado por todos os grupos da Cámara e freado polo Goberno de España a partir dun informe baseado en cálculos erróneos. O encargado de lanzar a advertencia foi este xoves o voceiro dos conservadores na Cámara Baixa, Rafael Hernando, quen non garante que o seu grupo vaia apoiar o que o PP si apoiou en Galicia.

No transcurso dunha entrevista na Radio Galega o máximo representante dos populares no Congreso afastouse abertamente do "compromiso claro" coa transferencia que os seus compañeiros galegos afirmaron durante o debate de aprobación da lei no Pazo do Hórreo e optou por enmarcar a proposta nunha reflexión xeral sobre as competencias. "Ás veces dende os parlamentos autonómicos téñense puntos de vista diferentes dos que se teñen no Parlamento nacional -en referencia ao Congreso- e cando se fala de transferencias" as comunidades autónomas "queren asumir máis competencias", evidencia.

Hernando: "Ás veces nos parlamentos autonómicos téñense puntos de vista diferentes, as transferencias deste tipo de infraestruturas teñen que facerse cun criterio común"

Apetición de todo o argo parlamentario galego será "estudada sempre con agarimo", "pensarémolo e analizarémolo", asegura Hernando, antes de amosar os seus receos a unha transferencia que xa foi aceptada noutros territorios para as súas autoestradas. "As transferencias deste tipo de infraestruturas teñen que facerse cun criterio común", xa que "moitas veces as comunidades autónomas teñen tendencia a pedir transferencias e despois non existen recursos para manter eses bens transferidos", afirma, se ben obvia que todo traspaso de competencias pola vía que reclama o lexislativo galego leva consigo o correspondente financiamento.

O traspaso volveu ser reclamado por unanimidade no Parlamento galego despois de que o Goberno de Rajoy o vetase no Congreso baseándose nun informe erróneo

Así as cousas, o xefe de filas do PP no Congreso non adquire máis compormiso que o de "buscar un equilibrio e aplicar normas comúns para o conxunto dos territorios españois" para evitar "situacións nas que uns falan de privilexios sobre os demais". "Os cidadáns -proclama- teñen que ser todos iguais ante a lei en dereitos e en obrigas" e "hai que pensar estas cuestións de acordo con todos", aínda que este sexa "un tema moi reivindicado en Galicia".

Nun contexto no que Hernando evita tamén pronunciarse sobre os novos prazos para a finalización do AVE a Madrid -"eu son de Almería e en ALmería tampouco temos o AVE", xustifica-, o PP abre con estas verbas un incerto panorama que, dalgún xeito, xa bosquexou en Galicia a través do seu voceiro no propio debate da segunda lei da AP-9, Martín Fernández Prado. Non en van, se ben o parlamentario coruñés considerou "importante manter a postura unánime sobre a tramitación da lei" para "defender o interese de Galicia" pediu tamén "respecto" para os "deputados en Madrid" e non "descualificalos" se, de novo, impedían a transferencia da Autoestrada do Atlántico ao Goberno galego.

Hernando, este xoves durante a entrevista coa Radio Galega © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.