0 Gardados para despois

A primeira xuntanza da comisión da AP-9 limitouse a constatar plans xa previstos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Nos primeiros días do pasado decembro o novo ministro de Fomento e o presidente da Xunta mantiñan a súa primeira xuntanza institucional e finiquitaban, pola vía dos feitos, a transferencia das competencias sobre a AP-9 ao Goberno galego. Íñigo de la Serna confirmaba abertamente a operación iniciada polo goberno de Mariano Rajoy, o bloqueo do traspaso reclamado por unanimidade dende o Parlamento galego baseándose en cálculos erróneos, e a substitución da petición galega por unha comisión para supervisar a autoestrada que a Xunta presentou como unha innovadora fórmula de "xestión compartida". Ese novo organismo, que a Xunta incluíu no balance de logros dos "primeiros cen días" da nova lexislatura, vén de manter a súa primeira xuntanza e nela limitáronse a constatar plans xa previstos para a Autoestrada do Atlántico.

Ese primeiro encontro celebrouse o pasado 22 de febreiro ningún dos dous gobernos lle outorgou un rango preferente na súa axenda desa xornada. O encontro "estivo presidido", segundo informou a Xunta, polo secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, que acudiu xunto a outros cargos do Ministerio, mentres que pola banda da Xunta viaxaron a Madrid a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. 

Xunta e Fomento repasaron plans xa en marcha e indicaron que realizarán "un seguimento das medidas" para evitar atascos nas peaxes no verán

Sobre a mesa desta xuntanza non estivo, nin de lonxe, a cuestión das competencias nin fórmula ningunha de "xestión compartida". Así, indica a Consellería, "os representantes de ambas administración abordaron a situación das obras en marcha na autoestrada e os avances nas actuacións planificadas". Concretamente, Fomento ratificou que esta primavera, en abril, "prevé licitar" as obras do acceso da AP-9 á Cidade da Cultura, xa anunciado en varias ocasións, e "confirmou" que ten a "vontade" de "paliar o impacto do ruído" nas vivendas afectadas polas obras de ampliación da vía en Redondela. A esa contorna xeográfica corresponde a que podería ser considerada como principal novidade da reunión: "solicitar" ao Concello de Vigo "unha proposta técnica" para "remodelar" o treito urbano da AP-9 na cidade.

Atendendo ao comunicado pola Xunta ambas administracións tamén conversaron dun dos conflitos recorrentes da AP-9, as "retencións nas áreas de peaxe nas épocas do ano en que se rexistra máis tráfico", fundamentalmente no verán, pero non para adoptar novas decisións, senón para "realizar un seguimento das medidas xa adoptadas". O último destes episodios, no verán de 2014, saldouse coa apertura dun expediente informativo a Audasa sen maiores consecuencias despois de que a concesionaria ignorase as advertencias do Goberno galego, do que dependerían as posibles sancións no caso de seren transferidas as competencias.

E a lei da transferencia?

A primeira lei segue bloqueada no Congreso malia existir unha maioría a prol do traspaso e a segunda está a ser tramitada no Parlamento

Mentres Xunta e Goberno central acordan sentar cada seis meses nesta comisión de supervisión da autoestrada, a reclamación da transferencia vaga por varios camiños á vez. A primeira lei remitida ao Congreso co aval da unanimidade dos grupos da Cámara galega permanece bloqueada no Congreso e semella que así seguirá aínda que neste mesmo mes de febreiro unha proposta de En Marea para erguer o veto gobernamental foi aprobada en comisión malia aos votos en contra de PP e Ciudadanos.

Mentres, no Parlamento galego, está en plena tramitación un novo texto para reclamar o traspaso. Pactada por todos os grupos, a nova proposición de lei diferénciase da anterior en que non inclúe os preceptos en que Fomento baseou a súa negativa. Así, flexibiliza os prazos para transferir as competencias, explicita que "non suporá" incremento nin diminución nos Orzamentos Xerais do Estado e non inclúe, nin como hipótese, a posiblidade de rescatar a concesión. Cando chegue ao Congreso este novo texto contará, a priori, cunha maioría proclive ao traspaso, pero coa oposición do Goberno de España.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.