0 Gardados para despois

Audasa ignora á Xunta e cobra malia provocar atascos superiores aos 3 quilómetros

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


En xullo de 2012 a Autoestrada do Atlántico, a AP-9, vivía por enésima vez unha das súas clásicas retencións de verán, motivadas pola combinación do incremento de tráfico proveniente da costa a unha mesma hora e da obriga de se deter nos postos de peaxe para pagar o que corresponda. Naquela altura o Goberno de Mariano Rajoy levaba uns poucos meses no poder e a Xunta dirixiuse a el, concretamente ao Ministerio de Fomento que dirixe unha destacada militante do PP galego, Ana Pastor, para instalo a exercer as súas funcións de supervisión e abordar este "problema histórico". Tratábase, en esencia, de que a concesionaria Audasa erguese as barreiras das peaxes cando as retencións superasen os dous quilómetros. Dous veráns despois os atascos regresan e a empresa, agora propiedade do grupo americano Citi, ignora o Goberno galego.

Este domingo foi o primeiro do verán con sol e calor en boa parte do país e as fileiras de vehículos volveron a un dos puntos críticos da autoestrada. Contra as oito da tarde a peaxe de Teo, nas proximidades de Santiago, comezou a tornar en tapón para os automóbiles que viaxaban en dirección á capital galega dende os carrís que veñen de Vigo e absorben o tráfico que chega dende as praias do Salnés e do Barbanza. Pouco despois xunto ao sinal indicativo de que resta un quilómetro para a peaxe os coches xa estaban completamente parados e nos tres quilómetros anteriores o engarrafamento era case total, con treitos de tránsito que non podía superar os 50 quilómetros por hora.

Hai dous anos a Xunta pediu que Audasa erguese as barreiras con atascos de máis de dous quilómetros; o deste domingo foi próximo aos catro

Neste contexto os operarios da concesionaria pouco máis podían facer que actuaren como improvisados gardas para ordenar os coches que se acumulaban ante a peaxe. O único cambio a respecto dunha xornada normal foi que as máquinas de cobro automático coas que Audasa substitúe paulatinamente o seu persoal alcumándoas como "pago fácil" volveron ser cabinas manuais. Ademais, habilitouse un único paso para a telepeaxe. E nada máis. Cada condutor ou condutora tiña que pagar para que se erguese a barreira, como se Audasa estivese prestando o servizo que oferta e sen que practicamente ninguén dese en pedir unha folla de reclamación. A razón última para que Audasa poida seguir cobrando é que no seu contrato de concesión non figura a obriga de erguer as barreiras en caso de atasco, como si acontece noutras autoestradas, e Fomento non impulsa cambio ningún para que así sexa.

Tráfico á baixa e prezos á alza

Este novo episodio de condutoras e condutores tendo que pasar por caixa para pagar tras estaren atrapados na autoestrada prodúcese nun contexto no que a AP-9 acumula varios anos de perda de tráfico e de reiteradas subas de tarifas. Concretamente, a que segue sendo gran arteria de comunicación do eixo atlántico perde vehículos dende hai sete anos, unha caída que é especialmente intensa dende o ano 2010. Audasa pechou ese exercicio cunha intensidade media diaria de 23.395 vehículos mentres que, no remate de 2013, este indicador caera aos 20.658, un 12% menos que un ano antes. O pasado ano a empresa viu reducidos tamén os seus beneficios nun 30% pero, así e todo, aínda gañou case 10 millóns de euros.

A AP-9 perde tráfico dende 2007

Malia estas cifras Audasa non só non aplica mellora ningunha no seu servizo, senón que teima en incrementar a súas tarifas. A última suba, aplicada en xaneiro pasado, provocou que por primeira vez percorrer todo o trazado da autoestrada -de Ferrol a Tui- nun turismo superase os 20 euros. Mentres colectivos de persoas usuarias se mobilizan para, aínda sen froitos, esixir descontos nos prezos un traxecto tan común como A Coruña-Santiago supón xa 6,30 euros, algo máis dos 5,40 que cobra Audasa por trasladarse de Compostela a Pontevedra. Mentres, ir da capital pontevedresa a Vigo custa 3,65 e da Coruña a Ferrol, 4,45 euros.

Vendida por Aznar cando era a máis rendible

Todo isto sucede nun contexto no que Aínda restan 34 anos para o remate do matrimonio forzoso entre a sociedade galega e Audasa. Será no ano 2048 cando remate unha concesión que inicialmente finalizaba en 2023, pero que foi prorrogada polo Goberno de José María Aznar. Ese mesmo Executivo foi o que no ano 2003, cando o vial galego era a autoestrada máis rendible do Estado, decidiu privatizar Audasa, empresa que fora rescatada polo Estado español tras a crise do petróleo dos 70. O gran beneficiario daquela operación foi un grupo de empresas liderado pola inmobiliaria Sacyr Vallehermoso.

A concesión de Audasa non remata ata 2048

Sacyr foi a responsable da autoestrada ata o estourido da burbulla inmobiliaria. Neste punto Itínere, a filial de autoestradas do xigante do ladillo, vendeulle Audasa ao fondo de investimento estadounidense Citigroup, que pouco máis tarde caía tamén na crise financeira. Así foi como a noutrora autoestrada estatal española pasou, paradoxalmente, a depender en última instancia do Goberno Federal dos Estados Unidos, toda vez que o gabinete de Barak Obama nacionalizou parcialmente o grupo Citi.

Tráfico da AP-9

Número medio de vehículos por día na Autoestrada do Atlántico.

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O BNG demanda sancións para Audasa polos "atascos quilométricos"

Os "atascos quilométricos" da fin de semana levaron o BNG a demandar "sancións" para Audasa. No marco da comparecencia parlamentaria da conselleira de Infraestruturas a voceira do Bloque neste ámbito, Ana Pontón, lembrou que "non é a primeira vez" que a concesionaria da AP-9 "incumpre" as súas obrigas "por razóns de puro lucro, exclusivamente para facer caixa, nunha clara burla aos usuarios e usuarias que asisten impotentes á reiterada vulneración das condicións da contrata sen que pase nada".

Nesta liña, di Pontón, o Bloque "presentará iniciativas" no Parlamento e no Congreso para lembrar que "é hora de que tanto a Xunta como o Executivo central se comporten como representantes públicos en defensa do interese xeral no canto de actuar como delegados da empresa". Para a nacionalista as escenas de condutores "atrapados nas peaxes son un novo argumento para reclamar a titularidade pública" da autoestrada e, polo tanto, para "iniciar un proceso de rescate" da concesión.

A xuízo da deputada a suba das tarifas nesta autoestrada malia ser, "na maior parte dos casos, a única alternativa para desprazarse para milleiros de persoas por razóns laborais" son tamén razón dabondo para o rescate. Do contrario, evidencia, o vial seguirá en mans de Audasa ata 2048 por mor da "ampliación decretada polo Goberno do PP que presidía Aznar".