0 Gardados para despois

Fomento expedienta a Audasa tras as múltiples queixas e a censura do Valedor

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


As queixas de usuarios, oposición, Xunta e mesmo do Valedor do Pobo parece que deron resultado. O Ministerio de Fomento vén de abrir un expediente informativo a Autoestradas da Atlántico (Audasa) polas "demoras excesivas" que se dan en "reiteradas ocasións" nas peaxes da AP-9 e que causaron "retencións inxustificadas do tráfico" durante as primeiras semanas deste verán.

Fomento expedienta a concesionaria polas "demoras excesivas" nas peaxes

Teo, Miño, O Salnés ou O Morrazo, entre moitos outros lugares, sofren importantes retencións cada vez que a climatoloxía permite milleiros de galegos achegarse ás praias. Malia os importantes atascos, que superan os tres quilómetros e unha hora de tempo en moitos casos, Audasa non dá solucións e nunca abre as peaxes. Segue a cobrar os elevados importes, malia que non dá o servizo requirido.

O Valedor criticou con dureza á concesionaria e abriu unha investigación, mentres que a Xunta limitouse a darlle "toques de atención". Agora, Fomento confirmou o expediente logo de requirirlle en varias ocacións que "corrixise" os atascos. Ao non ter constancia "da subsanación" destes problemas, decidiu ir máis aló e expediéntaa por "posible incumprimento das obrigas de prestación do servizo ao usuario coa correcta dilixencia", tal e como se recolle no seu contrato de concesión. 

O Ministerio solicita a Audasa que arranxe o problema dos atascos axiña tras comprobar que non lles dá solución ningunha

Solicítalle que se arranxen os atascos axiña e que poña as medida necesarias para facelo. O expediente informativo instruirase pola Inspección de Explotación da AP-9 no prazo máximo de dez días a partir da data da resolución. Ademais, a ministra de Fomento, Ana Pastor, deu instrucións para que se acudan, durante os momentos de maior afluencia nas peaxes desta vía, inspectores do ministerio, a fin de que "comproben in situ a adecuada prestación do servizo".

Fomento xa expedientara a Audasa hai dous anos polos atascos nas peaxes

Pero non é a primeira vez que Fomento expedienta a Audasa. Hai xusto dous anos, Fomento tamén lle abriu un expediente informativo polo colapso rexistrado a mediados de xullo nas peaxes no momento no que milleiros de galegos regresaban das praias. Nada fixo a empresa para arranxar unha problemática que se repite cada verán.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebra a medida do Ministerio ante os atascos "nunha das autoestradas máis importantes do Estado e cunha peaxe alta". "Estou totalmente de acordo", asegurou este martes.

O BNG pide a comparecencia da ministra Ana Pastor

Por outra banda, a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia da ministra  para que acuda á Cámara a dar explicacións sobre o “caos imperante na AP-9” e para abordar en sede parlamentar os “intolerábeis abusos da concesionaria Audasa que permite que miles de usuarios fiquen atrapados en enormes atascos cada fin de semana do verán”.

Para a deputada do BNG a “situación require de medidas contundentes por parte de Fomento como a aplicación de sancións, porque non é admisíbel que miles de cidadáns galegos e galegas fiquen atrapados en enormes atascos todas as fins de semana do verán só porque unha concesionaria avariciosa quer facer o agosto a conta da xente”. Rosana Pérez afirma que “non hai xustificación na actitude da empresa que non só mantén o personal mínimo nas cabinas de cobro, senón que por riba se nega a levantar as barreiras en momentos de atasco”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.