0 Gardados para despois

A transferencia frustrada da AP-9, en sete preguntas e respostas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A transferencia da Autoestrada do Atlántico á Xunta vén de quedar, como vén sucedendo periodicamente dende hai máis dunha década, no terreo dos asuntos aprobados en Galicia para despois naufragaren. O presidente da Xunta e o novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, certificaron este luns que a competencia sobre a AP-9 ficará onde estaba, no Goberno de España, e que a lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia seguirá bloqueada indefinidamente no Congreso dos Deputados. A única concesión será a creación dunha "comisión bilateral", semellante á xa existente para dirimir as cuestións de competencias entre a Xunta e o Estado, na que "compartir aspectos da xestión" e "coordinarnos sobre o que haxa que facer e o que non haxa que facer", en verbas do ministro. Polo camiño quedan meses de promesas, anuncios e argumentos contrapostos, moitos dos cales poden ser resumidos nestas sete preguntas e respostas.

Por que agora?

A manobra do Goberno de Rajoy para bloquear o traspaso precipitou o debate

A petición da transferencia foi aprobada por unanimidade o pasado marzo no Parlamento de Galicia coa forma de lei para presentar ante o Congreso dos Deputados sobre a base dunha iniciativa formulada inicialmente polo BNG. A proposta mantíñase sen novidades nas Cortes Xerais -as leis procedentes de Cámaras autonómicas poden tardar anos en tramitarse- ata que o Goberno de Mariano Rajoy, aínda estando en funcións, comezou a manobrar para vetala. O movemento do Goberno central produciuse apenas dúas semanas despois das eleccións galegas e foi o que precipitou o debate.

En que basean o bloqueo?

O gabinete de Mariano Rajoy sustenta o seu bloqueo no artigo 134.6 da Constitución, que permite ao Executivo frear os proxectos de lei que impliquen incrementos de gastos ou diminucións de ingresos. Para facelo sitúase na hipótese de que a Xunta, unha vez transferida, podería decidir o rescate da concesión da autoestrada, o cal tería impacto directo nas arcas públicas. No entanto, estiman ese eventual custe nun cálculo erróneo, baseándose unicamente nas recadacións de Audasa por peaxes, e obviando as normas fixadas para este tipo de operacións na Lei de Contratos do Sector Público. Ademais, o informe do veto argumenta que frea a lei porque non disporía deses fondos neste ano, se ben sería materialmente imposible completar a transferencia dentro de 2016.

Fragmento do informe co que o Goberno de España sustentou o bloqueo á lei galega

A transferencia implica rescate?

Non. A transferencia só traería consigo o traslado das competencias sobre a autoestrada do Ministerio de Fomento á Xunta de Galicia. A lei aprobada por unanimidade no Parlamento -apoiada, polo tanto, tamén polo PP- limítase a especificar cal algúns dos pasos a seguir no caso de que a Xunta decidise o rescate, unha decisión altamente improbable co actual Goberno. No caso de que o Goberno galego "acordase o rescate da concesión da autoestrada (...) para a súa reversión ao ámbito público", di a proposición de lei, sería a Administración Xeral do Estado a que "asumise" as "obrigas económicas" do rescate.

A transferencia non implicaría necesariamente o rescate, que custaría ata uns 3.000 millóns de euros

Se fose rescatada, canto custaría?

Ao contrario do manifestado por Fomento no seu informe, o cálculo dun eventual rescate non é tan simple como o resultado de multiplicar a media de ingresos por peaxes polo número de anos que restan para o remate da concesión, ata 2048. Como detallou Praza.gal, o procedemento sería moito máis complexo e tería que ponderar elementos como os beneficios de Audasa, o valor actual da concesión ou os investimentos xa amortizados. Con este método o custo do rescate estaría entre os 2.500 e os 3.000 millóns de euros, un importe moi substancial, pero afastado dos 4.300 millóns estimados polo Goberno de España.

Quen apoia a transferencia?

Todas as forzas políticas con representación parlamentaria na anterior lexislatura galega apoiaron o traspaso e todas as que sentan no Pazo do Hórreo dende as eleccións do 25S levaban esta reclamación de competencias nos seus programas electorais. No entanto, a pasada semana, o PP desmarcouse desta posición no Congreso dos Deputados e, ao día seguinte, a dirección galega do partido avalou esta postura por "responsabilidade". Feijóo, pola súa banda, constatou este luns ante o ministro de Fomento a existencia "dunha unanimidade política en Galicia en relación co traspaso" e asegurou que "seguiremos plantexando a transferencia" e "o Ministerio, no contexto da política nacional, seguirá valorando esa proposta" que, de momento e indefinidamente, "desemboca" unicamente na devandita comisión.

Mencións ao traspaso da AP-9 e ao AVE no programa de Feijóo para o 25S

Que se votou no Congreso?

A última votación no Congreso foi suscitada por unha iniciativa de En Marea, unha proposición non de lei que, pola súa propia natureza, non é vinculante para o Goberno central. Na súa redacción inicial a proposta reclamaba a transferencia e mais o rescate pero, tras un acordo de transacción co PSOE, o texto votado facía referencia unicamente á transferencia de competencias nuns términos practicamente idénticos aos da lei galega. No entanto, os populares optaron por votar en contra, como xa fixeran en lexislaturas anteriores con iniciativas semellantes, impulsadas daquela polo BNG.

Que cambia a nova "comisión bilateral da AP-9"?

O criterio de Fomento será, como ata agora, o determinante para todas as decisións ligadas á autoestrada

Segundo o presidente, a súa creación é un "acordo histórico" que abre a porta á "xestión compartida" da infraestrutura. Na práctica, as competencias seguirán sendo só do Estado, que a través do Ministerio de Fomento asegura estar disposto a supervisar "conxuntamente" todas as decisións que afecten á AP-9 e a compartilas coa Xunta, un diálogo que tamén podería ser canalizado a través da comisión bilateral xa existente, na que se dirimen os asuntos relativos ás competencias dunha e doutra Administración. Así e todo, en caso de discrepancia o criterio que primará será sempre o do Goberno de España, titular da infraestrutura, e a Xunta seguirá sen ter capacidade ningunha para tomar decisións sobre a autoestrada, caso por exemplo da política de peaxes ou de propoñer sancións cando Audasa non preste o servizo nas condicións adecuadas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.