0 Gardados para despois

O Valedor investiga os atascos na AP-9 e censura a Audasa, que segue a ignorar á Xunta

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Hai agora dous anos, a Autoestrada do Atlántico, a AP-9, vivía por enésima vez unha das súas clásicas retencións de verán, motivadas pola combinación do incremento de tráfico proveniente da costa a unha mesma hora e da obriga de se deter nos postos de peaxe para pagar o que corresponda. Ao igual que ocorre agora. Daquela, o Goberno de Mariano Rajoy levaba uns poucos meses no poder e a Xunta dirixiuse a el, concretamente ao Ministerio de Fomento que dirixe unha destacada militante do PP galego, Ana Pastor, para instalo a exercer as súas funcións de supervisión e abordar este "problema histórico". Tratábase de que a concesionaria Audasa erguese as barreiras das peaxes cando as retencións superasen os dous quilómetros.

Outra fin de semana máis, as zonas achegadas ás praias volveron sufrir importantes retencións sen que Audasa puxese remedio

Dous veráns despois os atascos regresan e a empresa, agora propiedade do grupo americano Citi, ignora o Goberno galego. Todo, malia que a Xunta continúa mandando mensaxes e non dubida en reclamar "medios" a Audasa e incluso ve necesarios "os toques de atención" á concesionaria. Nesta última fin de semana, varios puntos da AP-9 achegados ás praias volveron sufrir importantes retencións e numerosas queixas dos seus usuarios, que ven como pagan cantidades importantísimas por un servizo que non se presta. Nin a autoestrada é máis rápida, nin se soben as barreiras, nin se exime do pagamento... A vida segue igual. Teo, Miño, O Salnés, O Barbanza ou O Morrazo, entre outros puntos, continúan sufrindo desesperantes atascos.

O Valedor abre unha investigación e cualifica de "prexuízo inadmisible" a reiteración de atascos na AP-9

O Valedor do Pobo, non obstante, foi máis aló e abriu unha investigación de oficio dirixíndose á empresa concesionaria "como responsable do consentimento dos atascos que nas últimas horas se produciron nos accesos á Autovía do Salnés". Segundo o alto comisionado parlamentario, a reiteración desta situación debe considerarse un "prexuízo inadmisible" e pode constituír unha grave irregularidade cometida pola prestadora do servizo.

O Valedor decidiu actuar "tras coñecer os importantes prexuízos ocasionados nas últimas horas a condutores usuarios da AP-9 en especial nas peaxes de saída cara á Autovía do Salnés, que comunica coas localidades de Sanxenxo e O Grove". A peaxe "con moi poucas cabinas", explica a institución, converteuse nun "colo de botella" e chegáronse a rexistrar retencións quilométricas de máis dunha hora. Esta situación, denunciada agora polo Valedor, "viuse empeorada polo peche das barreiras e a imposibilidade de que os operarios da empresa concesionaria atenderan aos usuarios que pagaron por un servizo público que non foi prestado de xeito axeitado".

O defensor galego insiste en coñecer por que "non se aplicaron medidas correctoras para evitar atascos desproporcionados"

"Sucesos como o que tratamos déronse en ocasións anteriores e non se lles puxo remedio" indica no seu expediente o Valedor do Pobo, quen denuncia que a empresa concesionaria non aplica medida algunha de corrección ou de compensación aos usuarios. Por iso, este luns o defensor galego dirixe unha carta ao presidente de Autopistas del Atlántico co obxecto de "coñecer as circunstancias dos incidentes rexistrados desde o pasado venres e sobre os que tiveron lugar xa en anos anteriores". O alto comisionado do Parlamento insiste en coñecer "as causas polas que non se aplicaron medidas correctoras para evitar os atascos desproporcionados e os motivos polos que a empresa non ordenou abrir as barreiras para desconxestionar os accesos".

O Valedor comunicou o inicio da actuación tamén á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas así como á Secretaría de Estado de infraestructuras, Transporte y Vivienda, por se queren realizar algunha achega á súa investigación. Pero a Xunta segue queixándose mentres Audasa faise a xorda. Foi o vicepresidente da Xunta quen lanzou a última reprimenda. Alfonso Rueda pide á empresa que xestiona a autoestrada que "poña medios" para solucionar as retencións. "Séguense producindo, non contanta intesidade, pero aínda así hai que arbitrar mecanismos para que ao final sexan excepcións nas que haxa que esperar unha cola para pagar unha peaxe", asegurou en resposta ás preguntas dos medios na Coruña. O alcalde de Miño, Jesús Veiga, tamén pide solucións e reclama que se abran as peaxes cando hai atascos. Na súa localidade, o colapso superou a hora.

A Xunta pide á concesionaria que "poña medios" para evitar as retencións e ve necesario darlle "toques de atención"

Desde a Xunta insisten ante Fomento e ante a empresa para que "poñan medios" e cren que a concesionaria debea "darse conta de que non é de recibo que a xente que paga por utilizar a autoestrada estea en retencións de moitas quilómetros. Para iso unha persoa non paga a peaxe", insiste Rueda.

 

Concesión até o 2048

Todo isto sucede nun contexto no que aínda restan 34 anos para o remate do matrimonio forzoso entre a sociedade galega e Audasa. Será no ano 2048 cando remate unha concesión que inicialmente finalizaba en 2023, pero que foi prorrogada polo Goberno de José María Aznar. Ese mesmo Executivo foi o que no ano 2003, cando o vial galego era a autoestrada máis rendible do Estado, decidiu privatizar Audasa, empresa que fora rescatada polo Estado español tras a crise do petróleo dos 70. O gran beneficiario daquela operación foi un grupo de empresas liderado pola inmobiliaria Sacyr Vallehermoso.

Aínda restan 34 anos para que remate a concesión que foi prorrogada por Aznar mentres os prezos das peaxes seguen subindo

Ademais, a AP-9 acumula varios anos de perda de tráfico e de reiteradas subas de tarifas. Concretamente, a que segue sendo gran arteria de comunicación do eixo atlántico perde vehículos dende hai sete anos, unha caída que é especialmente intensa dende o ano 2010. Audasa pechou ese exercicio cunha intensidade media diaria de 23.395 vehículos mentres que, no remate de 2013, este indicador caera aos 20.658, un 12% menos que un ano antes. O pasado ano a empresa viu reducidos tamén os seus beneficios nun 30% pero, así e todo, aínda gañou case 10 millóns de euros.

O feito é que os últimos datos de tráfico nas estradas publicados polo Ministerio de Fomento sinalan que a AP9 continúa perdendo usuarios e usuarias. En xuño esta vía de peaxe foi utilizada por unha media de 21.371 vehículos cada día, lixeiramente por debaixo da cifrade xuño de 2013 (21.428) e moi lonxe das acadadas en xuño de 2012 (23.100) e xuño de 2011 (26.092), un descenso continuado nos últimos cinco anos que neste momento deixa a media interanual (de xuño de 2013 a xuño de 2014) por debaixo de vinte mil vehículos (19.505), algo que non sucedía dende 2003. É certo que nos últimos anos a crise económica, unida a outros factores e motivacións, está a provocar unha redución xeral da densidade do tráfico nas estradas españolas (un 4,15% menos en 2012 e un 1,36% menos en 2013), pero esta caída é moi inferior á que rexistra a AP9, dun 20 por cento en só tres anos.

Tráfico da AP-9

Número medio de vehículos por día na Autoestrada do Atlántico.

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.