0 Gardados para despois

David Reinero

Unha ducia de obras pendentes do AVE galego

“En probas a finais de 2019”. Esa é a última data comprometida polo Ministerio de Fomento e avalada pola Xunta para o AVE galego. Ou sexa, que os pasaxeiros non o empregarán ata comezos de 2020. Pero tampouco daquela o AVE estará completo, porque faltará un treito de 14 quilómetros entre Taboadela e Ourense que non se rematará ata mediados da próxima década. A un ano e medio do seu prometido remate material, facemos un percorrido polo estado actual nesta primavera de 2018 dunha ducia das obras pendentes máis significativas do AVE galego.

  • Nin unha pedra movida en Taboadela

    O moitas veces prometido AVE galego leva en obras desde 2001, pero na primeira destas fotos a paisaxe nada cambiou desde aquela. É a zona de Taboadela onde a nova liña que se está a rematar enlazará coa vella, desde a que está tirada a imaxe, para que os trens de alta velocidade continúen desde alí ata a estación de Ourense ao longo de 14 quilómetros polo sinuoso trazado actual. A variante que evitará ese treito non está nin sequera licitada, polo que non será ata mediados da próxima década que Galicia contará cunha liña de alta velocidade cara á Meseta con características homoxéneas.

  • Sen piares aínda á vista no viaduto de Teixeiras

    En Laza, entre as poboacións de Portocamba e Cerdedelo, está o val do río Teixeiras, onde se atopa a obra clave de cuxo remate depende que en 2020 o AVE chegue ás proximidades de Ourense. Alí aínda está comezando a construírse o viaduto máis atrasado de toda a liña entre Zamora e Taboadela, do que aínda case nin se ven os piares. Con 500 metros de longo e preto de cen de alto, a estrutura estivo parada durante anos por discrepancias entre Fomento e as construtoras (Dragados e Tecsa, esta última do grupo ACS de Florentino Pérez).

  • Ata aquí chega agora o “AVE”

    Desde finais de 2015 o AVE chega ata Zamora, onde un cambiador de ancho permite que os trens Alvia que xa se benefician ata alía da nova liña prosigan o seu recorrido ata Galicia pola vía convencional. A finais deste 2018 ou principios de 2019 debería entrar en servizo un novo treito, entre Zamora e Sanabria.

  • Tendendo as novas vías entre Zamora e Sanabria

    Entre Zamora e Sanabria a plataforma da nova liña está case rematada e xa se comezaron os traballos de tendido sobre ela das novas vías.

  • Base de montaxe en La Hiniesta

    As novas vías acumúlanse na base de montaxe de La Hiniesta, uns dez quilómetros ao norte de Zamora, desde onde se van tendendo tanto cara a esa cidade como cara a Sanabria.

  • Viaduto en Sanabria

    Último viaduto do AVE case rematado antes de Puebla de Sanabria visto desde a vía vella.

  • Cambiador de Sanabria

    Cando a finais deste 2018 ou principios de 2019 se poña en servizo o treito Zamora-Sanabria, este cambiador de ancho agora en construción, xunto á poboación de Lobeznos, ao oeste de Puebla de Sanabria, será o que permita aos Alvia enlazar a liña de AVE que ata alí chegue coa vella para seguir cara a Ourense.

  • Viaduto cara ao Padornelo

    Traballos nun dos últimos viadutos da liña na provincia de Zamora antes de chegar ao Padornelo, con obras máis atrasadas que entre Zamora e Sanabria.

  • 22 quilómetros rematados hai anos e á espera

    Á espera de que se rematen os treitos centrais do AVE ao seu paso polo Macizo Central ourensán, co viaduto de Teixeiras como punto clave, hai 22 quilómetros, entre Porto, en Vilar de Barrio, e Taboadela, cuxa plataforma está case rematada desde hai uns cantos anos a falta das vías e a electrificación.

  • Estación de Santiago xa en obras

    Mentres que en Ourense aínda non empezaron os traballos na estación, e á espera de que Fomento concrete con que características chegará ao resto de Galicia a alta velocidade desde a Meseta, esas obras de adaptación das vías xa están en marcha en Santiago. Posteriormente executarase a intermodal, que na práctica suporá a construción dunha estación de autobuses ao carón da de trens e dunha pasarela elevada que as comunique.