0 Gardados para despois

Fomento impedirá a Audasa a suba adicional de peaxe en xaneiro pola obra de Rande que aínda non rematou

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Nuns días poderemos dar luz verde á apertura da ponte de Rande”, dixo este mércores en Santiago o Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. Porén, esa posta en servizo da ampliación do viaduto non irá seguida dun incremento inmediato das peaxes en toda a autoestrada a partir do 1 de xaneiro, como pretendía Audasa. Haberá que agardar por un real decreto que o autorice e que segundo o ministro tardará “uns meses”.

Se as obras de ampliación da ponte de Rande entran en servizo antes de fin de mes e Fomento así o autorizase, Audasa podería subir a partir de xaneiro as súas peaxes en toda a autoestrada preto dun 4%. Polo contrario, se os traballos se demoran ou Fomento non o autoriza, prevese que a suba sexa a metade (fundamentalmente pola inflación) e esa porcentaxe a maiores ligada á ampliación só comezaría a cobrarse máis tarde.

Prevese que a suba das peaxes a maiores da inflación ligada á ampliación comece a cobrarse varios meses máis tarde

Nese contexto, nos últimos días producíronse varios incidentes que puxeron en dúbida as previsións de Audasa de pór en servizo a obra antes de xaneiro. A pasada semana ardeu un dos tirantes da ponte, o que segundo admite a propia empresa implicou unha demora da proba de carga do viaduto imprescindible para a posta en servizo dos seus novos carrís exteriores. E a pasada fin de semana un obreiro resultou ferido, algo que, como o falecemento en xullo doutro operario, é relacionado polos sindicatos coas présas da concesionaria para rematar canto antes e poder así subir as peaxes. Malia esta situación, e coa proba de carga aínda sen programar, este luns o presidente de Itínere, Pedro Pérez, insistiu en que a súa intención é pór en servizo a ampliación antes de xaneiro. Porén, este mércores o propio ministro tirou por terra a intención da empresa de comezar a cobrar por esa ampliación xa en xaneiro.

O Goberno de España ten que aprobar un real decreto específico para o incremento adicional e os seus trámites prolongaranse "uns meses"

De la Serna indicou que a apertura da ampliación realizaríase “nuns días” que non concretou “aínda que algunha cuestión do taboleiro central” da ponte non estea rematada, traballos pendentes que se seguirían a realizar “en período nocturno”. Pero posteriormente, e a preguntas expresas dos xornalistas sobre a suba da peaxe ligada á obra, o ministro dixo que o Goberno ten que aprobar un novo real decreto e que este depende á súa vez dun informe favorable do Consejo de Estado. Segundo dixo De la Serna, eses trámites levarán “uns meses”, o que impedirá que as peaxes suban xa en xaneiro. Fontes de Fomento matizaron máis tarde que a suba non tardaría outro ano enteiro en producirse senón que se comezaría a aplicar a partir do momento en que se aprobe ese real decreto ao longo de 2018.

O ministro ábrese a novas bonificacións na AP-9 só se son "asumibles" pola Xunta ou mediante subas noutros treitos

O ministro tamén se pronunciou sobre posibles supresións de peaxe en determinados treitos (o PP galego pide que se elimine entre Redondela e Vigo) ou bonificacións para determinados tráficos (petición do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo). De la Serna dixo que o ministerio non ten aberto ningún debate sobre peaxes en ningunha parte do Estado, pero que podería “estudalo” só “se é asumible” polo goberno autonómico ou se se compensan a través de subas de peaxe noutros treitos. Porén, Feijóo vén reiterando que a Xunta non pensa asumir ningunha supresión ou bonificación de peaxes na AP-9 mentres a súa titularidade siga a ser de Fomento, transferencia que por outra banda non considera prioritaria.

Por outra banda, este mércores Feijóo tamén lle pediu ao ministro que as outras obras de ampliación da AP-9 pendentes (ampliación da entrada á Coruña ou nova conexión orbital en Santiago) non se volvan facer con cargo a novos incrementos da peaxe como se fai a obra de Rande senón do orzamento do Estado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Estación intermodal de Santiago para o Xacobeo 2021

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, asistiu na Cidade da Cultura á presentación do proxecto da futura estación intermodal de Santiago, proxecto no que o ministerio, Xunta, e Concello van da man e supón o traslado da estación de autobús xunto á actual estación de tren, á que se engadirá unha praza elevada a xeito de vestíbulo conxunto. O obxectivo é que esa intermodal estea plenamente en servizo para o Xacobeo 2021, pero antes xa están en fase moi avanzada diversos traballos de mellora da estación actual para facilitar o incremento progresivo de servizos que se prevé a medida que se sigan rematando treitos do AVE.

Malia os reiterados reproches mutuos entre as tres administracións que se veñen sucedendo de xeito periódico, este mércores o ministro, o presidente da Xunta e o alcalde, Martiño Noriega, só verbalizaron boas palabras e eloxios de mutua cooperación.

Este mércores o ministro non deu datas para o AVE pero os técnicos reiteran prazos que non permitirán que os trens circulen polas novas vías do Macizo Central ata 2020

Na súa comparecencia en Santiago o ministro aproveitou para facer repaso a actuacións de todo tipo do seu departamento en toda Galicia, non só da evolución da construción do AVE, da que se comprometeu a facer avaliación en Galicia de xeito trimestral. Este mércores o ministro non deu datas, pero este martes, durante unha visita ás obras para xornalistas organizada por Adif, os seus técnicos reiteraron uns prazos que non permitirán que os trens de pasaxeiros circulen polas novas vías do Macizo Central ourensán ata 2020. Posteriormente aínda quedarían por rematar os últimos 14 quilómetros entre Taboadela-Ourense, treito que a propia Xunta asume que non estará rematado ata mediados da próxima década.

No acto, e tras gabar o esforzo investidor de Fomento, Feijóo díxolle ao ministro que “Lugo non pode quedar descolgado de ningún xeito da alta velocidade ferroviaria”, pero nada dixo da promesa lanzada por el na campaña electoral de 2009 de que a Xunta executaría a obra ela mesma se o daquela Goberno de Zapatero non a realizaba e logo "pasaríalle a factura". O presidente da Xunta tamén engadiu que é necesaria unha mellora da liña ferroviaria a Ferrol, “sabendo ademais que a alcaldía de Ferrol propón algo razoable, que é mellorar as vías”, dixo, obviando novamente que o PP prometera executar todo o denominado AVE do Eixo Atlántico entre Ferrol e a fronteira portuguesa.

Recreación virtual da futura estación intermodal de Santiago

Adif